PROGRAMA ES-TRANSFORMA

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do Programa ES-Transforma, de apoio á transformación en cooperativas ou sociedades laborais dos negocios sen remuda xeracional, de todo tipo de sociedades e das persoas traballadoras autónomas, que xa estivesen a exercer unha actividade económica.

O Programa ES-Transforma, serve como apoio para a transformación en cooperativas ou sociedades laborais de negocios sen remuda xeracional e que xa estivesen a exercer unha actividade económica.

BENEFICIARIOS

Poderanse acoller ás subvencións recollidas nesta orde, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos, as sociedades laborais ou cooperativas que xurdan dalgún dos procesos que se detallan a continuación:

  • Constitución por ausencia de substitución xeracional: Constitución dunha sociedade laboral ou dunha cooperativa, debidamente rexistradas no rexistro correspondente na data da solicitude, integradas total ou parcialmente polas persoas traballadoras cuxos contratos resultasen extinguidos por causa de crise ou xubilación da súa persoa empregadora (entendéndose como tal as sociedades de capital, sociedades civís, persoas autónomas e asociacións que estivesen a desenvolver unha actividade económica).
  • Constitución por persoas autónomas: Constitución dunha sociedade laboral ou dunha cooperativa, debidamente rexistradas no rexistro correspondente na data da solicitude, que estean integradas por persoas traballadoras autónomas que xa estivesen a realizar unha actividade laboral e, por tanto, estean en situación de alta no correspondente réxime de persoas traballadoras autónomas da Seguridade Social ou na mutualidade do colexio profesional.
  • Constitución por transformación:
    • Transformación de todo tipo de sociedades en cooperativas ou sociedades laborais debidamente rexistradas no rexistro correspondente na data da solicitude: Esta transformación acordarase pola xunta xeral, ou mediante sistema válido equivalente para expresar a vontade social, coa maioría esixida pola súa lexislación aplicable, que se fará constar en escritura pública de transformación que expresará necesariamente o cumprimento de todos os requisitos esixidos pola lexislación para a constitución da cooperativa ou da sociedade laboral. Achegarase esta escritura pública de transformación xunto coa acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente.
    • Procesos de adquisición da totalidade do capital integrante dunha sociedade mediante compravenda das súas participacións ou accións por parte, fundamentalmente, das súas persoas traballadoras, co fin de levar a termo a continuación total ou parcial do seu obxecto social e de transformación nunha sociedade laboral ou nunha cooperativa previa adopción, elevación a públicos, e inscrición dos acordos de modificación estatutaria precisos para a súa transformación en sociedade laboral; ou previa adopción, elevación a públicos, e inscrición dos acordos de reestruturación societaria e modificación estatutaria precisos para a súa transformación en cooperativa.
  • A transformación en cooperativa ou sociedade laboral deberá estar debidamente rexistrada no rexistro correspondente na data da solicitude.

CONCEPTOS SUBVENCIONABLES

  • Asesoramento legal para a constitución da cooperativa ou da sociedade laboral, así como para a transformación nunha destas entidades de economía social. Os gastos de rexistro, notaría e os informes legalmente preceptivos para o proceso de transformación.
  • Creación e desenvolvemento da imaxe corporativa da entidade.
  • Obtención de certificacións de calidade.
  • Márketing, comunicación ou relanzamento comercial.
  • Plan de protección de datos.
  • Equipamento informático.
  • Adquisición e desenvolvemento de software e páxinas web.
  • Mellora na eficiencia enerxética.
  • Adquisición de equipamento.
  • Reforma do local de negocio.
  • Mobiliario.
  • Os servizos descritos nos números 1, 2, 3, 4 e 5 deberán estar implantados no período de execución.

CONTÍA

A contía da axuda do programa ES-Transforma será equivalente ao 80 % do custo total dos gastos subvencionables, cos límites seguintes:

  • 6.000 € para os gastos incluídos no concepto 1 do artigo de conceptos subvencionables.
  • 3.000 € para cada un dos gastos incluídos nos conceptos 2, 3, 4 e 5.

O límite máximo das axudas para os gastos subvencionables especificados, establécese en 50.000 € por entidade beneficiaria. No caso de que se solicite unha contía superior, concederase o importe de axuda de acordo coa orde de prelación dos gastos establecida na orde.

  • A contía da axuda do punto 1 deste artigo poderá incrementarse en 3.000 € por cada unha das condicións que se cumpra das que se sinalan a continuación, cun máximo de 24.000 euros por entidade beneficiaria:
    • 3.000 € no caso de que a sede social da entidade beneficiaria estea situada nun concello rural.
    • 3.000 € no caso de que as entidades beneficiarias estean formadas maioritariamente por mulleres.
    • 3.000 no caso de que na actividade económica da nova entidade beneficiaria as mulleres contratadas nos grupos ocupacionais se atopen subrepresentadas.
    • 3.000 € no caso de que as entidades estean formadas maioritariamente por persoas menores de 30 anos na data de solicitude da axuda.
    • 3.000 € no caso de que as entidades beneficiarias estean formadas maioritariamente por persoas emigrantes retornadas.
    • 3.000 € no caso de que as entidades beneficiarias estean formadas maioritariamente por persoas maiores de 45 anos.
    • 3.000 € no caso de que as entidades beneficiarias estean formadas maioritariamente por persoas con discapacidade.
    • 3.000 € no caso de que as entidades beneficiarias estean formadas maioritariamente por persoas trans.
  • A axuda total para cada entidade beneficiaria non poderá exceder os 74.000 euros.

PRAZO

O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de Setembro de 2022.

MÁIS INFORMACIÓN

Para máis información consulte a ORDE do 13 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras do programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais ou a Sede Electrónica ( TR802R).

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *