SUBVENCIONS PARA A PRODUCCIÓN E COPRODUCIÓN DE PROXECTOS AUDIOVISUAIS GALEGOS

O obxecto desta convocatoria é determinar as condicións polas cales se regulará a concesión das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, da Axencia Galega das Industrias Culturais para a produción e coprodución de proxectos audiovisuais galego

BENEFICIARIOS

Poderán optar a estas subvencións todas as persoas físicas (autónomas) ou xurídicas, constituídas como produtoras audiovisuais independentes e dadas de alta na epígrafe IAE 961.1, que conten cunha antigüidade mínima e sen interrupcións dun ano en ambos os dous casos. Ademais, deberán ter unha sucursal ou oficina permanente de polo menos un ano previo a esta convocatoria na CCAA de Galicia ou nun Estado membro da (UE) ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, e que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia.

Por produtora audiovisual independente enténdese, para os efectos desta convocatoria, toda persoa física (autónoma) ou xurídica privada, que teña a iniciativa e asuma a responsabilidade na produción audiovisual e non sexa obxecto de influencia dominante por parte dun prestador de servizo de comunicación/difusión audiovisual nin dun titular de canle televisiva privada nin, pola súa parte, exerza unha influencia dominante

PROXECTOS SUBVENCIONABLES

CATEGORÍA A. LONGAMETRAXES CINEMATOGRÁFICAS.

  • Longametraxe de ficción.
  • Longametraxe documental.
  • Longametraxe de animación.
  • As longametraxes para exhibición cinematográfica deberán ter unha duración mínima de 60 minutos.

CATEGORÍA B. LONGAMETRAXES CINEMATOGRÁFICAS EN COPRODUCIÓN INTERNACIONAL CON PARTICIPACIÓN MINORITARIA ESPAÑOLA.

  • Longametraxes de ficción.
  • Longametraxes de animación.
  • Longametraxes documentais.

CATEGORÍA C. CURTAMETRAXES.

  • Curtametraxes de ficción.
  • Curtametraxes de animación.
  • Curtametraxes documentais.

CATEGORÍA D. OBRAS AUDIOVISUAIS PARA TELEVISIÓN E/OU PLATAFORMAS VOD.

  • Longametraxes de ficción.
  • Series e miniseries de ficción.
  • Series documentais.
  • Series de animación para público infantil e xuvenil.

As longametraxes para cales de TV e/ou plataformas deberán ter unha duración mínima de 52 minutos.
As miniseries de ficción aquelas producións de 2 capítulos que teñan unha duración mínima de 52 minutos cada un. Consideraranse series de ficción aquelas producións de ata 10 capítulos, que se corresponderán cunha primeira tempada de carácter autoconclusivo e teñan unha duración total mínima de 150 minutos.
As series de animación deberán ter unha duración mínima global de 80 minutos que se corresponderá cunha primeira tempada de carácter autoconclusivo.

GASTO SUBVENCIONABLE

Consideraranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á realización do proxecto. Só se admitirán aqueles gastos que fosen realizados e pagados dentro do período comprendido entre a data da presentación da solicitude e a fin da data de xustificación establecida na convocatoria.

Considéranse gastos subvencionables os efectuados pola empresa produtora ata a consecución da copia estándar ou máster dixital, máis o derivado de determinados conceptos básicos para a realización e promoción idónea da obra, nos termos e cos límites establecidos nos puntos seguintes:

  • A remuneración do produtor executivo ata o límite do 5% do importe subvencionable sinalado no proxecto presentado. 
  • Os importes derivados de xuros financeiros e gastos de negociación de préstamos formalizados con entidades financeiras ou de crédito para o financiamento específico da obra audiovisual estarán limitados ao 20% do custo subvencionable presentado coa solicitude.
  • Recoñeceranse gastos xerais ata o límite do 7%  do gasto subvencionable presentado no proxecto.
  • Recoñeceranse gastos de publicidade e promoción da película facturados á entidade solicitante, ata o límite do 40% do custo subvencionable presentado no proxecto, e sempre que estes no teñan sido obxecto de subvención para a empresa distribuidora da película. No caso de que os ditos gastos teñan sido parcialmente subvencionados, poderán recoñecerse como subvencionables aqueloutros que no teñan sido obxecto de axuda.
  • Recoñeceranse os gastos de dobraxe e/u subtitulado e/ou tradución a calquera lingua oficial española, así como o gasto de tradución a unha lingua non oficial en España. Ademais, no caso de coproducións con empresas estranxeiras, admitirase o gasto de tradución á lingua do país ou países coprodutores.
  • Recoñecerase o gasto derivado da utilización dos soportes materiais necesarios para garantir a preservación da película, incluído o gasto da copia requirida para o cumprimento da obriga que incumbe ás persoas beneficiarias das axudas á produción. Así mesmo, recoñeceranse os gastos para a obtención das copias e adaptación a outros soportes sempre que estean destinados á exhibición en salas e que non fosen obxecto de subvención para a empresa distribuidora da película.
  • Admitirase o gasto derivado do informe especial emitido por un auditor de contas, cando sexa este medio o empregado para xustificar a subvención.
  • Serán subvencionables os gastos correspondentes a auga e electricidade producidos en locais ou instalacións directamente vinculados coa rodaxe, dentro deste período, e sempre que a dita vinculación se xustifique mediante a achega dos correspondentes contratos.
  • Consideraranse subvencionables os gastos de comidas realizados exclusivamente dentro das datas de inicio e fin da rodaxe e exclusivamente para o persoal adscrito ao proxecto nese período.
  • Serán subvencionables os gastos de posprodución realizados antes da solicitude de cualificación da obra audiovisual e facturados ata un mes despois da data de cualificación da mesma. Para estes efectos, entenderase por gastos de posprodución os relacionados coa montaxe, efectos visuais, música, produción e creación de imaxes sintéticas, posprodución de son, laboratorio, negativo en posprodución e títulos de crédito, así como os gastos de persoal, sempre que se acredite a súa vinculación a estes procesos.
  • Serán subvencionables os gastos relativos a escenografía e decoración facturados ata un mes despois da data de finalización da rodaxe, sempre que sexan gastos vinculados a esta, o que se acreditará mediante a descrición detallada do concepto e mención do título da película na factura correspondente.
  • Con relación aos gastos de viaxes e desprazamentos utilizando vehículo particular, aplicarase a contía establecida para a indemnización deste tipo de gastos no Decreto 144/2001, de 7 de xuño, de indemnizacións por razón de servizos ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, ou normativa que o substitúa.
  • Serán subvencionables os gastos derivados da utilización dos equipos e do material técnico propiedade da empresa produtora, sempre que se dedicasen á realización da película e unicamente pola parte proporcional do tempo utilizado nesta na cantidade correspondente ao dobre da que en concepto de amortización quede reflectida na contabilidade da empresa, de acordo coa normativa contable que resulte de aplicación.

CONTÍAS

FICCIÓNANIMACIÓNDOCUMENTAL
CATEGORÍA A Longametraxe cinematográfico260.000€260.000€80.000€
CATEGORÍA B Coprodución internacional minoritaria española150.000€150.000€50.000€
CATEGORÍA C Curtametraxe15.000€15.000€15.000€
Longa TVMiniserie/serieSerie documentalSerie animación
CATEGORÍA D Obras TV e plataformas160.000€260.000€80.000€160.000€

Unha mesma persoa beneficiaria poderá obter un máximo de dúas subvencións, sempre que unha delas sexa das seguintes categorías:

  • Proxectos da categoría A, que constitúan a primeira longametraxe dun director e non superen os 300.000 euros de orzamento de produción.
  • Proxectos da categoría B.
  • Proxectos da categoría D.

COMPATIBILIDADES

Estas subvencións son incompatibles coas axudas ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais e coas axudas ao desenvolvemento de paquetes de propostas audiovisuais da Consellería de Cultura, Educación e Universidade que se publiquen no mesmo ano da presente convocatoria. En todo caso, son incompatibles con outras axudas da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para o mesmo proxecto.

Porén, estas subvencións son compatibles con outras axudas para o mesmo proxecto do resto da Administración da Xunta de Galicia e organismos dependentes, así como doutras administracións públicas e entidades públicas ou privadas

PRAZO

O prazo máximo para a presentación de solicitudes remata o 25 de abril de 2022.

MÁIS INFORMACIÓN

Para máis información podes consultar as bases na RESOLUCIÓN do 10 de marzo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para a produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos, ou na Sede Electrónica da Xunta (CT207A)

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *