Esta convocatoria ten como fin conceder axudas económicas ás entidades que operen no movemento veciñal e figuren inscritas nos epígrafes 10.1 ou 10.5 do Rexistro Municipal de Asociacións (Asociacións de Veciños e Sociedades Culturais) e teñan como ámbito de actuación o termo municipal de Vigo, e cuxas actividades complementen competencias municipais, mediante a realización de programas de actividades xerais ou específicos que serven para reforzar os servizos que, neste ámbito, presta o Concello de Vigo.
Gastos subvencionables
Os realizados dende o 1 de novembro de 2022 ata a data de finalización do prazo de xustificación 30 de setembro de 2023. Que se revelen como obxectivamente necesarios para que as asociacións poidan cumprir os fins que lle son propios ou derivados especificamente do desenvolvemento das actividades programadas que se pretenden fomentar, e que teñan acomodo nalgún dos programas obxecto de convocatoria:
- Programa I: “Gastos de mantemento”: subministros, servizos xerais, seguros, taxas, comisións bancarias, material funxible, reparación de pequenas avarías e labores de conservación, custes totais do persoal contratado nos que incorre a entidade para a xestión, mantemento, e administración do local social, ata un máximo dun 10% adicional do importe do proxecto de gastos directos.
- Programa II: “Gastos de mantemento de entidades veciñais que carezan de locais municipais en réxime de cesión ou en outras condicións de uso gratuítas”: entidades que acrediten o desenvolvemento dunha actividade de utilidade pública ou interese social ou de promoción dunha finalidade pública para a que teñan que dispoñer dun local para poder realizala e que carezan de locais municipais en réxime de cesión ou en outras condicións de uso gratuítas. Serán obxecto de subvención, exclusivamente, os gastos derivados do arrendamento de local (base impoñible + IVE) e os gastos derivados do Imposto de Bens Inmobles (IBI) cando ditos gastos resulten estritamente necesarios para poder realizar a actividade subvencionada referida.
- Programa III :“Gastos en investimento: equipamento”: equipamento das sedes sociais mediante a adquisición de bens mobles inventariables: material informático, material audiovisual, mobiliario de oficina e similares, material para actividades e outro tipo de equipamento inventariable a especificar por cada entidade. Estes gastos son finalistas e a subvención atenderá soamente ao aprobado pola Xunta de Goberno Local, non admitíndose cambios na compra deste material que non fosen expresamente autorizados. Deberá acreditarse mediante certificación do/a secretario/a da entidade que equipamento adquirido se incorporou ao inventario da entidade, con indicación expresa do fin concreto para o que se destinarán o/s ben/s subvencionado/s e o período durante o cal quedarán afectados a dito fin, que será, como mínimo, de dous anos.
- Programa IV: “Gastos en investimento: obras e adquisición de inmobles”: Adquisición, obras de nova construción, reforma, rehabilitación ou conservación de bens inmobles e instalacións sociocomunitarios, situados no termo municipal de Vigo, ocupados, tanto en réxime de propiedade privada, de cesión (pública ou privada) ou en réxime de alugueiro, executadas ou pendentes de executar pola entidade beneficiaria, tanto con fondos propios como coa colaboración doutras entidades públicas e privadas. Obras destinadas a mellorar a accesibilidade e a supresión de barreiras arquitectónicas e similares. Poderán incluírse, como gastos indirectos, ata un máximo dun 20% do orzamento presentado, os desembolsados no proxecto, estudos previos, obtención de licenzas e permisos, impostos, gastos notariais e rexistrais, e similares, sempre que estean directamente relacionados coa actuación subvencionada e sexan indispensables para a adecuada execución ou preparación da mesma.
Requisitos:
Poderán solicitar subvencións e obter a condición de beneficiarios as entidades, sen ánimo de lucro, inscritas nos epígrafes 10.1 e 10.5 do Rexistro Municipal de Asociacións (RMA):
- Que teñan a súa sede social ou delegación no termo municipal de Vigo.
- Que, conforme aos seus estatutos ou normas reguladoras, teñan obxectivos e finalidades coincidentes cos establecidos nas presentes bases.
- Que dispoñan dunha estrutura suficiente para garantir o cumprimento dos obxectivos propostos e acreditar a experiencia e capacidade necesarias para acadalos.
- Que teñan debidamente xustificadas en tempo e forma axudas outorgadas nesta área do Concello de Vigo.
- Que se atopen ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias coa Axencia Estatal Tributaria (AEAT), coa Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA), co Concello de Vigo e fronte á Seguridade Social.
- Non incorrer as persoas físicas ou entidades ou as persoas que ostentan a representación legal das mesmas, nalgún dos supostos de prohibición o circunstancias previstas no art. 13 da LXS que impiden acadar a condición de beneficiario/a.
- Acompañar á solicitude a documentación preceptiva cos anexos detallados na base novena da convocatoria.
- Que non exista no orzamento municipal vixente consignación orzamentaria nominativa ao seu favor para a concesión dunha subvención ou axuda directa, é dicir, para a formalización dun convenio de colaboración, coa mesma finalidade que en algún dos supostos do apartado anterior (“Gastos de mantemento, equipamento e obras ou adquisición de inmobles”).
Contías:
- Programas I e II: “Subvencións a entidades cidadás”. A subvención por este concepto, non poderá superar, en ningún caso, o límite de 7.000 € no Programa I e 4.000 € para o Programa II.
- Programas III e IV: “Subvencións Capital Asociacións e Atrios”. A subvención por este concepto non poderá superar, en ningún caso, os 5.000 € en equipamento e no programa de obras o 80% do custe total do proxecto ou, en todo caso, os 15.000 €, agás no caso de obras destinadas a mellorar a accesibilidade e a supresión de barreiras arquitectónicas e similares que poderán acadar o 100% do custe total do proxecto, cun límite, en todo caso, de 19.000 €.
Prazo
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 17 de xullo de 2023.
Máis información e acceso ao procedemento de solicitud
Consultar a BASES REGULADORAS DAS SUBVENCIÓNS PARA O FOMENTO DO ASOCIACIONISMO E DA PARTICIPACIÓN CIDADÁ 2023
Sede electrónica do concello de Vigo, Subvencións para o fomento do asociacionismo e da participación cidadá para o ano 2023.
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co departamento de Dinamización Comunitaria da Mancomunidade de Vigo, chamando ó teléfono 986 42 33 66 ou a obradoiro.emprego@maiv.org