Convocatoria, para o ano 2023, das axudas dirixidas ás asociacións de mulleres e ás federacións constituídas por estas, coa finalidade de fortalecer e consolidar o movemento asociativo e potenciar a participación social e a calidade de vida das mulleres galegas a través das seguintes liñas:
- Liña 1: consolidación do movemento asociativo, destinada a compensar os gastos correntes que orixinen o mantemento e funcionamento das asociacións de mulleres e das súas federacións.
- Liña 2: promoción de actuacións e actividades singularizadas en materia de igualdade, de prevención da violencia de xénero e de acompañamento das vítimas, con especial incidencia nas mulleres rurais, mulleres maiores e/ou mulleres en situación de vulnerabilidade, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
Cada asociación ou federación só poderá presentar solicitude de axuda para unha das liñas previstas.
É compatible a solicitude de axuda por parte dunha asociación coa pertenza a unha federación que, así mesmo, solicite subvención.
Entidades beneficiarias
Asociacións de mulleres e federacións constituídas por estas, sen ánimo de lucro, que cumpran os seguintes requisitos:
- Ter domicilio social en Galicia.
- Estar legalmente constituídas ao abeiro da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación.
- Estar inscritas na Área de Igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS). Este requisito será verificado de oficio pola unidade de Igualdade instrutora do procedemento.
- Ter presentado a memoria de actividades (relativa a actuacións de promoción da igualdade e de prevención e tratamento da violencia contra as mulleres) antes de que remate o prazo de presentación de solicitudes ou, de ser o caso, o de contestación ao requirimento realizado para o efecto, relativa a, como mínimo, un dos últimos anos, desde o ano 2019 ao 2022, no RUEPSS.
- Os fins e obxectivos das asociacións e das federacións solicitantes deberán contribuír a promover a igualdade entre homes e mulleres e a potenciar a participación e a presenza das mulleres na vida política, económica, cultural e social.
- As mulleres socias deben representar, polo menos, o 90 % da totalidade das persoas asociadas.
Accións subvencionables e contía
Liña 1: Consolidación do movemento asociativo:
- Os gastos correntes derivados do mantemento e funcionamento ordinario da entidade solicitante, xerados no período comprendido entre o 1 de outubro de 2022 e o 30 de setembro de 2023, ambos os dous incluídos.
- A contía máxima da axuda que se pode conceder na liña 1 ao abeiro desta convocatoria é de 4.000 euros.
Liña 2: Promoción de actuacións e actividades singularizadas en materia de igualdade, de prevención da violencia de xénero e de acompañamento das vítimas, con especial incidencia nas mulleres rurais, mulleres maiores e/ou mulleres en situación de vulnerabilidade, realizadas entre o 1 de decembro de 2022 e o 30 de novembro de 2023, ambos os dous incluídos, e que respondan a algunha das seguintes tipoloxías:
- Actuacións de sensibilización e concienciación social en materia de igualdade e prevención da violencia de xénero: actividades de divulgación, sensibilización e visibilización do papel das mulleres (estudos, campañas, obras de teatro, exposicións e outras actividades análogas) dirixidas a promover o cambio de valores e a corresponsabilidade, na sociedade en xeral, coa finalidade de potenciar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, así como para previr e erradicar a violencia de xénero.
- Actuacións para o apoderamento e participación activa: actividades de información e formativas destinadas a impulsar e promover a motivación, o apoderamento e o liderado das mulleres, así como a participación das mulleres no ámbito público, social, económico e cultural, en postos de responsabilidade públicos e privados, e no movemento asociativo, tendo sempre en conta o traballo de prevención da violencia de xénero e a ruptura do silencio.
- Actuacións dirixidas a facilitar a adquisición de competencias e habilidades básicas para unha maior autonomía das mulleres: de carácter formativo (cursos ou obradoiros para a adquisición de coñecementos, por exemplo, alfabetización dixital ou do uso de novas tecnoloxías da información e comunicación), tendo sempre en conta o traballo de prevención da violencia de xénero e a ruptura do silencio.
- Actuacións específicas dirixidas á prevención da violencia contra as mulleres e ao acompañamento das vítimas: actividades e actuacións de difusión, campañas de sensibilización e de prevención e acompañamento das vítimas da violencia de xénero, estudos sobre a incidencia da violencia contra as mulleres, en especial nas mulleres rurais, mulleres maiores e/ou mulleres en situación de vulnerabilidade.
As actuacións da liña 2 deberán incorporar a perspectiva de xénero de xeito transversal e empregar linguaxe inclusiva en todos os materiais das actividades, recollerán as necesidades específicas das persoas con discapacidade e facilitarán a súa accesibilidade a elas.
Cada entidade só poderá presentar unha solicitude de axuda na liña 2.
A contía máxima da axuda que se pode conceder ao abeiro desta liña é de 6.000 €
Gastos subvencionables
Na liña 1:
- Gastos de alugamento do local destinado a sede social da asociación ou federación.
- Gastos de administración xeral e material funxible de oficina, material informático non inventariable, gastos de correo e outros análogos.
- Gastos de persoal administrativo contratado pola asociación ou federación (retribucións salariais, incluídas as pagas extraordinarias e as cotas á Seguridade Social a cargo da entidade beneficiaria).
- Gastos ocasionados por obras de conservación e mantemento e pequenas reparacións que non teñan o carácter de inventariables.
- Asesoramento xurídico, fiscal e contable da asociación ou federación.
- Gastos derivados do mantemento do local da sede social: luz, auga, calefacción, teléfono, limpeza e seguridade.
- Gastos de seguros de responsabilidade civil e de seguros multirrisco.
- Gastos de instalación e mantemento de liñas de acceso á internet, mantemento de equipamentos informáticos e creación ou mantemento da páxina web da asociación ou federación.
Na liña 2:
- Gastos de persoal necesario para a execución das actuacións e actividades: serán subvencionables os gastos do persoal contratado especificamente para o desenvolvemento das actuacións e actividades para as cales se solicita axuda.
- Gastos das persoas relatoras: honorarios, aloxamento, transporte.
- Gastos derivados da realización da actuación ou actividade subvencionada: elaboración ou adquisición de materiais e publicacións específicas para o desenvolvemento da actividade; gastos de publicidade e difusión da actuación, así como o material de oficina necesario para a súa realización.
- Outros gastos correntes directamente derivados da realización da actuación e actividade subvencionada que estean perfectamente xustificados e se consideren fundamentais para o seu desenvolvemento.
Prazo
O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto ata o 4 de agosto de 2023.
Máis información e acceso ao procedemento de solicitud
Acceder ao procedemento de tramitación:
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co departamento de Dinamización Comunitaria da Mancomunidade de Vigo, chamando ó teléfono 986 42 33 66 ou a obradoiro.emprego@maiv.org