Esta iniciativa busca impulsar e consolidar aqueles proxectos innovadores que dean resposta aos principais retos plantexados polas empresas do sector da alimentación: dixitalización e automatización; trazabilidade, calidade e seguridade alimentaria; loxística; sustentabilidade; desenvolvemento de novos produtos; e innovación de procesos e comercialización. Tamén se contempla un reto aberto para calquera idea aplicable á industria alimentaria que supoña a introdución dalgún tipo de innovación ou mellora.
A BFFOOD inclúe dous programas de apoio:
- A modalidade de aceleración: Consiste nun programa de apoio integral e enfocado a iniciativas emprendedoras na súa fase inicial, que estean desenvolvendo un produto ou servizo mínimo viable e esbozando un modelo de negocio.
- A modalidade de consolidación: É un programa de apoio integral e enfocado a empresas xa constituídas, cun produto ou servizo definido e aliñado cos retos plantexados por BFFood.
Para cada un dos programas (aceleración e consolidación), a BFFood ofrece actividades de coaching, formación especializada, acceso a infraestruturas científico-técnicas e servizos avanzados (espazos de incubación, laboratorios, plantas piloto,…), mentoría por parte de referentes do sector, financiamento directo e apoio económico, así como a unha rede de networking no ecosistema de innovación alimentario.
Das propostas que se presenten a esta convocatoria seleccionaranse 16 proxectos innovadores de emprendemento. En concreto, escolleranse ata dez iniciativas para o seu programa de aceleración, de 9 meses de duración, e ata seis para o de consolidación, de 12 meses de duración.
Beneficiarias
As startups, spin offs, entidades e empresas que teñan unha idea innovadora aliñada con algún dos retos que busca resolver o sector alimentario a través da aceleradora, poden presentar a súa candidatura a unha das dúas modalidades de BFFood.
Axudas económicas
Os proxectos do programa de aceleración poderán acceder a unha axuda de 25.000€ por parte de Gain, así como optar a un préstamo participativo de ata un máximo de 50.000€ a través de XesGalicia.
Os proxectos do programa de consolidación poderán optar a un préstamo participativo que podería levar asociada unha opción de capitalización de ata un máximo de 250.000€ por parte de XesGalicia.
Cada proxecto seleccionado contará coa mentoría específica dunha ou máis das 22 empresas tractoras da BFFood. Estas ocuparanse de conducir a súa evolución e guialos no seu desenvolvemento, facilitando o aliñamento da proposta de valor coa resolución do reto.
Prazo
O prazo para presentar propostas está aberto ata o 20 de decembro ás 14.00 horas.
Máis Información
Para máis información, consulte a páxina de BFFood.