SUBVENCIÓNS “TERRITORIO CULTURA” PARA AMPLIAR E DIVERSIFICAR A OFERTA CULTURAL EN ÁREAS NON URBANAS

A Xunta de Galicia, a través de AGADIC, convoca esta nova liña de subvencións, dirixidas a ampliar e diversificar a oferta cultural en áreas non urbanas de Galicia a través do apoio económico a proxectos e actividades culturais que se desenvolvan no medio rural.

Con esta convocatoria de axudas, búscase consolidar o tecido cultural no medio rural, impulsar a creación contemporánea, fortalecer o emprego no sector e garantir o acceso da cidadanía á cultura, promovendo o desenvolvemento de proxectos culturais que sirvan de motor de dinamización e cohesión social.

Beneficiarios  

Persoas autónomas, e persoas xurídicas privadas legalmente constituídas. Tamén poden solicitar estas axudas as Asociacións e fundacións con obxecto social vinculado á actividade cultural.

Ademais, deberán cumprir os seguintes requisitos:

  • Ter un obxecto social relacionado coa creación, organización, xestión, distribución de espectáculos, a investigación/consultoría cultural ou calquera ámbito relacionado co ecosistema cultural. No caso de persoas físicas (autónomas), estar de alta nalgunha epígrafe relacionada co ámbito cultural
  • Ter oficina ou sucursal permanente en Galicia (ou noutro Estado da UE/EEE) desde polo menos un ano antes desta convocatoria, e que desenvolvan maioritariamente a súa actividade en Galicia.

Non poderán optar a estas axudas as agrupacións de interese económica e as que carezan de personalidade xurídica (p. ex. Comunidades de bens).

Proxectos  subvencionables

Serán subvencionables os proxectos e actividades culturais que se desenvolvan no medio rural (concellos de menos de 10.000 habitantes, en todo caso, e concellos que teñan entre 10.000 e  30.000 habitantes, cando teñan unha densidade inferior aos 100 habitantes/km2), que contribúan de forma relevante ao ecosistema cultural no territorio. En concreto:

  • Proxectos de innovación, investigación e experimentación cultural no territorio.
  • Proxectos de educación, transferencia e mediación artística e patrimonial.
  • Actividades de difusión e socialización do patrimonio inmaterial.
  • Eventos  como festivais, exposicións, actividades artísticas e culturais.
  • Formación, acompañamento e reforzo de capacidades de axentes culturais no rural.

Cada solicitante poderá presentar un só proxecto, que deberá ter un orzamento subvencionable mínimo de 15.125 € (IVE incluído).

Poderán se subvencionados os gastos que correspondan de xeito indubidable ao proxecto e que sexan realizados e pagados entre o día seguinte da presentación da solicitude e o 30 de setembro de 2026.

Contía de axuda

A contía máxima de axuda é do 80 % do orzamento subvencionable,  cun mínimo de 10.000 € e un máximo de 30.000 € por proxecto.

Prazo 

O prazo para presentar solicitudes estará aberto dende o 12 de agosto ao 11 de setembro de 2025.

A ter en conta

Axudas sometidas ao réxime de minimis.

Estas axudas concédense en réxime de concorrencia competititiva, polo que os proxectos presentados valoraranse en función dunha serie de criterios fixados no artigo 16 da orde, como o carácter rural do territorio, o emprego xerado, o público obxectivo, etc. En base á puntuación obtida, determinaranse os proxectos que se subvencionarán. O proxecto deberá acadar unha puntuación mínima de 50 puntos para ser subvencionado.

O prazo para a xustificación  da axuda será: para a anualidade 2025 (gastos realizados entre o día seguinte á presentación da solicitude de axuda e ata o 30 de novembro de 2025), o 30/11/2025; para a anualidade 2026 (gastos realizados entre 1 de decembro de 2025 e ata o 30 de setembro de 2026), ata o 30/09/2026.

Estas axudas son incompatibles con outras subvencións, axudas ou patrocinios para o mesmo proxecto de calquera departamento da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e dos seus organismos dependentes. 

Serán compatibles con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para o mesmo proxecto procedentes doutras consellerías da Xunta de Galicia e dos seus organismos dependentes ou de calquera outra Administración pública e entidades públicas ou privadas, sempre que en total non superen o 100% do custo da actividade subvencionable.

Máis información

Consulta a RESOLUCIÓN do 24 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións para ampliar e diversificar a oferta cultural en áreas non urbanas, Territorio Cultura, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento CT404F).

Acceder ao procedemento de tramitación:

  •  Código de procedemento CT404F

Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.

Esta presentación ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituír a información proporcionada nos documentos oficiais.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *