SUBVENCIÓNS PARA O DESENVOLVEMENTO DE PROXECTOS AUDIOVISUAIS GALEGOS 2025

Convocadas as axudas ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos para o ano 2025 por parte de produtoras independentes. O obxectivo é apoiar as fases iniciais de creación de longametraxes e series, fomentando a calidade, internacionalización e viabilidade dos proxectos que contribúan á difusión da cultura e lingua galegas.

Estas axudas, convocadas pola Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) en réxime de concorrencia competitiva, están destinadas a financiar os traballos previos á produción, correspondentes á fase de desenvolvemento de proxectos de longametraxes de ficción, longametraxes de animación, longametraxes documentais, series de ficción e animación e series documentais. Todas as actuacións deben realizarse antes da produción e ter como destino final a exhibición en salas de cinema, televisión ou plataformas VOD.

Beneficiarios

Persoas físicas ou xurídicas constituídas como produtoras audiovisuais independentes e dadas de alta no epígrafe IAE 961.1 que teñan, cando menos un ano de antigüidade e un ano de actividade sen interrupcións no momento da publicación desta convocatoria e que ademais teñan:

  • Unha sucursal ou oficina permanente en Galicia ou na UE/EEE con polo menos un ano previo de actividade e desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia.
  • Un acordo ou precontrato cun director e/ou un guionista para o desenvolvemento do proxecto audiovisual.
  • Como mínimo, a opción de compra dos dereitos de propiedade intelectual do concepto, tratamento, guión ou biblia do proxecto.

Quedan excluídas desta convocatoria as agrupacións de interese económico.

Actividades subvencionables e categorías de proxectos:

Serán obxecto de subvención aqueles proxectos audiovisuais sobre os que realizar traballos previos ao momento da produción da obra, entendendo como tales os relacionados co guión, financiamento, venda e distribución, xestión de dereitos, investigación, debendo poderse encadrar nalgunha das categorías seguintes:

  1. Proxecto de longametraxe cinematográfica de ficción.
  2. Proxecto de longametraxe cinematográfica de animación.
  3. Proxecto de longametraxe cinematográfica documental.
  4. Proxecto de serie para TV e/ou plataformas VOD de ficción ou animación.
  5. Proxecto de serie documental para plataformas VOD documental.

Para os efectos das presentes bases, terase en conta o seguinte:

  • Os proxectos de longametraxe deberán prever unha duración mínima de 60 minutos e ter como destino final as salas de exhibición cinematográfica.
  • Os proxectos de series de ficción deberán prever unha duración total mínima de 150 minutos.
  • Os proxectos de series de animación e series documentais deberán prever unha duración total mínima de 100 minutos.

Conceptos de gastos subvencionables

Considéranse gastos subvencionables os directamente relacionados cos traballos de desenvolvemento, e que se poidan encadrar nas seguintes epígrafes:

  1. Dereitos: gastos relativos á adquisición de dereitos de autor ou de propiedade intelectual, tanto de adaptación de obra preexistente como de obra orixinal; escritura de guión ou reescritura del ata a versión definitiva; deseño de personaxes e fondos (animación); dereitos de tradución sempre que non sexa do galego para o castelán e viceversa; dereitos de imaxes, musicais, documentos sonoros, etc.
  2. Gastos de persoal: gastos de persoal que teñan subscrito un contrato específico, conforme a unha categoría laboral asignada para a realización da actividade subvencionada. Inclúense as tarefas de produción executiva, guionista, director/a da obra, dirección das tarefas de desenvolvemento, e outros gastos de persoal que non superen o 20 % da suma total dos anteriores.
  3. Gastos de asesoría ou consultoría: gastos externos necesarios para o desenvolvemento do proxecto, tales como asesoramento de escritura de guión, asesoramento para estratexias de promoción, márketing e comercialización de contidos audiovisuais, asesoramento legal e contable relacionado especificamente cos dereitos do proxecto e a súa estrutura de financiamento, asesoramento en traballos de investigación, etc.
  4. Gastos de elaboración de materiais: realización do teaser do proxecto; elaboración do storyboard; páxina web do proxecto, elaboración de dossiers e outros materiais directamente relacionados co proxecto que se deberán especificar e xustificar.
  5. Loxística e participación en mercados e/ou foros de negocio gastos de desprazamento, aloxamento e manutención derivados de traballos de localización de escenarios e asistencia a reunións e foros de negocio propios das tarefas de desenvolvemento
  6. Gastos xerais, sempre que non superen o 15% do importe de gastos subvencionables.

Hai que ter en conta que só se admitirán aqueles gastos que fosen realizados e pagados dentro do período de execución indicado na resolución da concesión da axuda.

Ningún dos custos sobre os que se solicita subvención poderán ser incorridos con carácter previo a esta presentación; de ser así, o proxecto na súa totalidade non sería subvencionable.

Contía das axudas

As axudas serán do 100% do gasto subvencionable, coas seguinte contías máximas en función do tipo de proxecto:

FINALIDADE DA OBRAMODALIDADECONTÍA MÁXIMA
Obras cinematográficasProxecto de longametraxe de animación30.000 €
Proxecto de longametraxe de ficción25.000 €
Proxecto de longametraxe documental15.000 €
Obras audiovisuais para TV e plataformasProxecto de serie de ficción ou animación30.000 €
Proxecto de serie documental20.000 €

A puntuación total mínima que se deberá obter para que a solicitude resulte subvencionable é de 30 puntos para proxectos de ficción e animación e de 25 puntos para proxectos de documentais.

Cada solicitante poderá recibir axuda para un máximo de 2 proxectos e a contía total das axudas concedidas (incluíndo outras públicas) non poderá superar o custo total da actividade subvencionada.

Estas axudas son incompatibles con outras axudas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para o mesmo proxecto.

Prazo de solicitudes

Do 10 de xuño de 2025 ao 9 de xullo de 2025.

Máis información

Consulta a RESOLUCIÓN do 22 de maio de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento CT207B).

Acceder ao procedemento de tramitación: código de procedemento CT207B

Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.

Este resumo ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituír a información proporcionada nos documentos oficiais.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *