A Xunta de Galicia lanza as axudas 2025 para empresas cualificadas como Iniciativas de Emprego de Base Tecnolóxica (IEBT), co obxectivo de impulsar a creación de novas empresas innovadoras no territorio galego, ademais de facilitar a conciliación da vida persoal laboral e familiar das persoas promotoras e mellorar a función xerencial nestas empresas. Estas subvencións están dirixidas a apoiar proxectos promovidos por persoas emprendedoras con perfil tecnolóxico, especialmente da comunidade universitaria e investigadora, transformando coñecemento en emprego e riqueza.
Beneficiarios
Poderán ser persoas beneficiarias as empresas privadas, incluídas as persoas autónomas, que conten con domicilio social, fiscal e centro de traballo en Galicia, que se constitúan e inicien a súa actividade nun prazo inferior a un ano desde que o proxecto empresarial foi cualificado como IEBT, sempre que a maior parte da titularidade da empresa pertenza ás persoas físicas promotoras do proxecto.
Ademais, deberase crear emprego estable para persoas desempregadas (incluídas a propias persoas promotoras ou socias).
Liñas de acción e contías das axudas
As empresas cualificadas como IEBT poderán solicitar as seguintes modalidades de axudas dentro do primeiro ano de actividade:
1. Subvención á creación directa de emprego estable
Subvencionaranse os postos de traballo estables de carácter indefinido, incluídos os dos propios promotores, creados nun centro de traballo en Galicia, incentivándose cunha contía base de 6.000€.
Esta contía poderá incrementar a 8.000€ no caso de que a persoa desempregada se atope nalgún dos seguintes colectivos, non acumulables entre sí:
- Mulleres.
- Persoas mozas.
- Persoas de 52 ou máis anos.
- Persoas desempregadas de larga duración.
- Persoas con discapacidade.
- Persoas emigrantes retornadas ou persoas estranxeiras.
- Persoas que se encontren en situación ou risco de exclusión social.
Ademais, o incentivo será de 10.000€ se o posto de traballo é ocupado por persoas tituladas universitarias desempregadas; e de 12.000€ se son persoas desempregadas que posúan o título de doutor ou doutora.
Estas contías poden incrementarse segundo diversas características descritas na orde.
2. Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade
Axuda para financiar parcialmente os gastos necesarios para o inicio e a posta en marcha da actividade, determinándose o importe máximo da mesma en atención ao número de postos de traballo estables creados e subvencionados durante o primeiro ano de actividade, de acordo coa seguinte escala:
- 1 posto de traballo creado: ata 10.000€.
- 2 postos de traballo creados: ata 18.000€.
- 3 postos ou máis de traballo creados: ata 24.000€.
Entre os diversos gastos a subvencionar, destácanse os seguintes: honorarios de notaría rexistro, compra de mercadorías e materias primas, arrendamento do local, de maquinaria e de equipamentos informáticos, gastos do seguro do local, publicidade, páxina web, posicionamento web e subministracións, excluído o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación.
No caso de que a IEBT sexa unha cooperativa ou sociedade laboral, a axuda resultante nesta modalidade incrementarase nun 25%.
3. Subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras
Esta liña de acción ten como finalidade favorecer a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras, concedéndose unha subvención do 75% do custo dos servizos de gardería ou das persoas coidadoras, ata un máximo de 3.000€, para aquelas persoas promotoras que teñan fillos ou fillas menores de 12 anos.
Tamén pode subvencionarse ata o 75%, cun máximo de 3.000€, do custo do centro ou dos servizos de coidado de persoas maiores de 70 anos e/ou dependentes (graos I, II e III) ou cun grado de discapacidade igual ou superior ao 33%, sempre que se acredite a relación de parentesco e convivencia durante, como mínimo, os tres meses previos á data de solicitude.
3. Apoio á función xerencial
Axudas para a mellora da función xerencial das persoas promotoras, consistindo nas seguintes modalidades de apoio:
- Axuda para a formación da persoa promotora ou empresaria co fin de obter ou mellorar os seus coñecementos sobre a función xerencial.
- Axuda pola realización externa de análises, estudos, informes ou outras formas de asesoramento sobre a actividade que realiza a IEBT, para que a persoa promotora ou empresaria poida dispoñer de mellor información sobre os bens ou servizos obxecto de produción.
Poderán ser subvencionables os gastos orixinados entre o 1 de outubro de 2024 e o 30 de setembro de 2025 e realizados no primeiro ano de actividade empresarial.
A contía do incentivo será do 75% do custo de servizos recibidos, cun máximo de 10.000€, que pode ser ampliable nun 25% no caso de que a IEBT sexa unha cooperativa ou sociedade laboral.
Prazo
O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 30 de setembro de 2025.
Exclusións:
Non serán subvencionables:
- Os empregos de carácter estable realizadas con persoas desempregadas que, nos 24 meses anteriores á data de alta na Seguridade Social, prestasen servizos mediante un contrato indefinido en empresas ou grupos de empresas participantes ou dirixidas polas persoas promotoras da entidade solicitante.
- Os empregos de carácter estable das persoas promotoras que, nos tres meses inmediatamente anteriores á data de inicio da nova actividade, estivesen de alta na Seguridade Social como persoas traballadoras autónomas noutra actividade vinculada ao mesmo sector. Para estes efectos, entenderase por mesma actividade a coincidencia no nivel de tres díxitos da clasificación nacional de actividades económicas (CNAE).
- As empresas que desenvolvan actividades empresariais que non coincidan coas do proxecto previamente cualificado como iniciativa de emprego de base tecnolóxica.
INCOMPATIBILIDADES
Estas axudas son incompatibles con outras axudas que polos mesmos conceptos poidan outorgar as administracións publicas como medida de fomento de emprego.
Axudas establecidas no Programa de promoción do emprego autónomo (código de procedemento TR341D), no bono Nova oportunidade (TR790A) e no Programa de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais (TR802G) convocados pola Consellería de Promoción de Emprego, Comercio e Emigración.
Máis información
Acceder ao procedemento de tramitación: TR40E.
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.
Este resumo ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituír a información proporcionada nos documentos oficiais.