SUBVENCIÓNS 2025-2026 PARA A CREACIÓN DE BALNEARIOS E TALASOS

Aproveita as novas axudas para a posta en marcha de hoteis balneario e talaso en Galicia. Se queres apostar polo turismo de benestar e o termalismo, esta é a túa oportunidade: financiamento europeo, innovación e sostibilidade ao servizo do teu proxecto.

Esta convocatoria de axudas da Axencia de Turismo de Galicia (Xunta de Galicia) ten por obxecto ampliar a oferta existente de aloxamentos turísticos con servizo de balneario ou talaso, así coma o de promover un turismo de balnearios e talasos sustentable na Comunidade Autónoma de Galicia, para o que regula as condicións para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competiva,  á creación de novos proxectos de hoteis balneario e hoteis talaso.

Búscase financiar proxectos tractores no sector turístico que promovan a creación de nova oferta aloxativa vinculada a instalacións termais e que teñan un efecto transformador no sector turístico galego en canto á creación de emprego, a contribución á sostibilidade turística da rexión e ao desenvolvemento de experiencias que contribúan á posta en valor da nosa rexión como destino termal.

Beneficiarios  

Poderán ser beneficiarias destas axudas as pemes e as grandes empresas que proxecten levar a cabo un investimento para a posta en marcha dun novo establecemento turístico localizado na Comunidade Autónoma de Galicia, considerado subvencionable ao abeiro do regulado nas presentes bases. 

Requisitos adicionais:

  • Acreditar a categoría da empresa (peme ou grande empresa)
  • Realizar o investimento nun establecemento turístico en Galicia
  • O establecemento debe ser un hotel balneario ou hotel talaso
  • Ter a declaración da auga como mineral, termal ou de manancial
  • O proxecto debe incluír circuítos termais e servizos con augas mineromedicinais ou do mar.
  • Non ter iniciado as obras antes de presentar a solicitude
  • Dispoñer de título válido sobre os inmobles ou dereitos para realizar o investimento e explotalo
  • A empresa non pode estar en crise
  • Non ter orde de recuperación de axudas pendentes
  • Non ter sido sancionada por infracción grave ou moi grave en turismo nos últimos 2 anos

Actuacións subvencionables

A actuación subvencionable debe ter como finalidade a creación dun novo establecemento de aloxamento turístico con servizo de balneario ou talaso, segundo os artigos 55, 60 e 61 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, de acordo con algunha das seguintes tipoloxías:

  • Hoteis balneario.
  • Hoteis talaso.

Deberán ser novos proxectos: posta en marcha de novos establecementos turísticos de aloxamento con servizo de balneario ou talaso, que supoñan a creación de novas infraestruturas ou rehabilitación de infraestruturas xa existentes, integradas coa contorna e o medio natural e a posta en valor de actividades relacionadas co turismo de saúde.

Deberán ser proxectos tractores con efectos a longo prazo que contribúan á transición verde, á creación de emprego, á sostibilidade turística do destino e á posta en valor de balnearios e talasos de Galicia como parte esencial do turismo de saúde. Os beneficios da actuación non se limitarán á empresa en cuestión, senón ao sector turístico e á sociedade en xeral a través de efectos indirectos positivos.

Ademais os proxectos deberán cumprir, polo menos, dúas das seguintes condicións:

  1. Creación dun mínimo de cinco (5) postos de traballo directos. Deberá achegarse unha declaración responsable coa solicitude en que conste este compromiso, que deberá materializarse antes do remate do prazo de xustificación.
  2. Creación de vínculos con axentes públicos e privados do territorio que poidan exercer un efecto panca positivo no sector turístico ou noutros sectores de actividade. Deberán achegarse os acordos ou convenios de colaboración que xustifiquen as colaboracións e unha memoria descritiva da contribución á dinamización económica da rexión.
  3. Contribución á sostibilidade turística mediante programas de actividades ou xornadas de sensibilización respecto dos espazos naturais, da cultura, dos produtos autóctonos e a diversidade social da zona. Deberá achegarse o programa de actividades ou das xornadas.

Gastos subvencionables:

Terán a consideración de gastos subvencionables os que se relacionan a seguir:

a) Liña 1: construción, reforma ou rehabilitación sustentable de edificios e adaptación de infraestruturas ou instalacións para a posta en marcha dun novo establecemento turístico de aloxamento vinculado a un balneario ou talaso, como poden ser:

  • Obras necesarias para a posta en marcha de novos establecementos turísticos de aloxamento vinculados a servizos de balneario ou talasos, integradas coa contorna e o medio ambiente natural.
  • Incluirá o equipamento necesario para a posta en marcha do aloxamento turístico e das infraestruturas de balneario ou talaso asociadas, sempre e cando se utilicen materiais de baixo impacto ambiental nos termos do punto anterior.
  • Os activos adquiridos deben ser novos, excepto para as pemes.
  • Gastos de redacción e elaboración do proxecto de obra. Será subvencionable por este concepto ata o 5 % do investimento subvencionable, co límite máximo de 5.000,00 euros.
  • A persoa beneficiaria das axudas achegará unha contribución financeira de polo menos o 25 % dos custos subvencionables cos seus propios recursos ou mediante financiamento externo sen ningún tipo de axuda pública.

b) Liña 2: sistemas de enerxías renovables e economía circular no novo establecemento turístico vinculado a un balneario ou talaso. Para elo, terán a consideración de gastos subvencionables os seguintes sistemas de enerxías renovables:

  • Enerxía solar térmica.
  • Enerxía xeotérmica.
  • Biomasa nas instalacións térmicas.

Contía das axudas 

No caso de actuacións da liña 1, calcularase multiplicando o investimento subvencionable polas seguintes intensidades de axuda, segundo a categoría de empresa:

– 35 %, no caso das pequenas empresas.

– 25 %, no caso das medianas empresas.

– 15 %, no caso de grandes empresas.

No caso de actuacións da liña 2, será o resultado de multiplicar o investimento subvencionable polas seguintes intensidades de axuda, segundo a categoría de empresa:

– 55 %, no caso das pequenas empresas.

– 45 %, no caso das medianas empresas.

– 35 %, no caso de grandes empresas.

O límite de axuda por proxecto será de 1.000.000 €

Prazo 

O prazo de presentación de solicitudes comeza o 17 de maio de 2025 ata o 17 de xullo de 2025.

Máis información

Consulta a RESOLUCIÓN do 25 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a proxectos tractores de hoteis balneario e hoteis talaso de Galicia, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria con carácter plurianual (2025-2026) (código de procedemento TU985G).

Código de procedemento de tramitación:  TU985G

Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.

Este resumo ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituír a información proporcionada nos documentos oficiais.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *