O obxecto da presente convocatoria é ofrecer seis axudas para o desenvolvemento de proxectos artísticos con acompañamento dun mentor/a a través de residencias no Gaiás. Para iso realizarase unha selección dun máximo de seis proxectos vinculados ás artes visuais, escénicas, musicais, deseño e artes dixitais valorando positivamente o enlace con outras disciplinas non recollidas nestas bases e tendo en conta o carácter híbrido da cultura actual. No caso das artes escénicas, concederanse un máximo de dúas axudas. A selección será realizada en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva.
As residencias artísticas supoñen unha gran oportunidade para apoiar a creación contemporánea e o talento e desenvolver proxectos innovadores. Neste caso, cada proxecto recibirá unha achega de 8.000 euros e disporá dun espazo de traballo, mentoría, recursos e equipo técnico durante un prazo que irá entre tres semanas e mes e medio máximo, nos espazos dispoñibles para este cometido na Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela.
Beneficiarios
Poderá participar nesta convocatoria calquera persoa física, estea ou non dada de alta no réxime especial de persoas autónomas, que desenvolva un proxecto artístico, vencellado ás artes visuais, escénicas, musicais, dixitais ou de deseño.
Estas persoas deberán desenvolver as residencias de traballo presencialmente nos espazos dispoñibles para este cometido na Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela
Requisitos adicionais:
- Cada proxecto pode ser presentado por unha persoa física individual.
- Cada participante poderá presentar unha única solicitude e non se poderá optar a máis dunha axuda por solicitude.
- Os proxectos serán de creación específica, orixinais e inéditos.
Exclusións:
De non cumprir con algún dos requisitos ou non poder executarse dentro do prazo determinado pola convocatoria, o proxecto quedará automaticamente excluído, e procederá a devolución das cantidades xa desembolsadas da axuda.
Criterios de avaliación
O tribunal valorará as solicitudes e formulará a súa proposta de concesión, que será motivada e atenderá aos seguintes criterios, podendo obter unha puntuación máxima de 100 puntos:
- Avaliación do concepto/idea artística. 45 puntos.
Valorarase a súa calidade, os obxectivos que se van acadar, a orixinalidade e argumentación dos contidos presentados.
- Viabilidade da súa materialización. 30 puntos.
Valorarase o resultado práctico naqueles proxectos presentados que teñan no seu obxectivo un resultado concreto, atendendo aos criterios de produción e viabilidade práctica destes. No caso de proxectos de investigación, atendendo á contribución no eido do encadre do proxecto e na traxectoria do artista ou colectivo. En ambos os casos valorarase a desagregación do orzamento previsto e a súa pertinencia para que se desenvolva na Cidade da Cultura de Galicia.
- Avaliación da oportunidade artística para a traxectoria do artista ou colectivo presentado. 25 puntos.
Contía da axuda
Ademais da mentoría, cada proxecto seleccionado recibirá unha axuda de 8.000 €. Nesta cantidade inclúense o seu desenvolvemento, os gastos de transporte, estancia, manutención e posibles gastos de presentación pública do proxecto. Se o conxunto dos gastos que ocasionase a residencia fose maior, a axuda non será superior á cantidade indicada.
O importe da axuda estará suxeito ás retencións que sexan de aplicación, e as persoas beneficiarias non terán ningún outro dereito de carácter económico.
Prazo
O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 23 de maio do 2025.
Máis información
Acceder ao procedemento de tramitación: CT898A
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria, podes poñerte en contacto coa Fundación Pública Cidade da Cultura de Galicia, chamando ao teléfono 881 99 75 64 ou enviando un correo electrónico a cidade.cultura@xunta.gal
Este resumo ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituír a información proporcionada nos documentos oficiais.