PROGRAMA GALICIA RURAL EMPRENDE

Proxecto co obxectivo de subvencionar a creación de emprego nas zonas rurais mediante axudas á primeira implantación de actividades económicas non agrarias viables, que deben contribuír á diversificación económica, crecemento de emprego, sostenibilidade do medio rural e equilibrio territorial, tanto en termos económicos como sociais.

REQUISITOS 

Os proxectos deberán cumprir os seguintes requisitos:

  • Non ter comezado antes da presentación da solicitude de axuda.
  • Os gastos e/ou investimentos incluídos no plan de negocio que deberá presentar o solicitante terán que estar localizados no centro de traballo da empresa en Galicia.
  • Será obrigatoria a creación dun mínimo de 1 emprego, ben sexa por conta propia ou indefinido por conta allea. A creación de emprego consideraranse en unidades UTA(Unidade de Traballo Anual). No caso de creación de emprego a tempo parcial, acumularanse as fraccións ata acadar a unidade, non computando creacións de emprego por fraccións UTA restantes.

BENEFICIARIOS

Os beneficiarios serán aqueles que cumpran algunha das seguintes definicións:

  • Os titulares ou membros dunha unidade familiar dunha explotación agraria que diversifiquen as súas actividades en ámbitos non agrícolas e que desenvolvan o seu proxecto na propia explotación.

Para estes efectos, considerarase que forman parte da unidade familiar dunha explotación os familiares da persoa titular ata o terceiro grao de consanguinidade ou afinidade que estean empadroados no domicilio familiar vinculado á explotación.A explotación agraria deberá estar inscrita no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (REAGA) e ter a cualificación de explotación agraria prioritaria no momento da solicitude da axuda.

  • Os autónomos e as microempresas e pequenas empresas de nova creación (dentro dos 12 meses anteriores á solicitude da axuda). 

Non se considera que existe nova creación nos supostos de cambio de natureza xurídica (de autónomo a sociedade mercantil unipersoal, por ex.) e se os socios que representen a maioría do capital social viñeran desenvolvendo a mesma actividade por conta propia dende antes dos 12 meses anteriores á data da solicitude de axuda.

EXCLUSIÓNS

  • Non poderán ser beneficiarias as agrupacións de persoas xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade que careza de personalidade xurídica propia, así como as persoas xurídicas que non teñan ánimo de lucro, aínda que realicen actividade económica.
  • Tampouco poderán ser beneficiarias das axudas as empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión previa da Comisión Europea que as declare ilegais e incompatibles co mercado común.
  • Non poderán ser beneficiarias das axudas previstas nestas bases reguladoras as empresas que operan no sector da pesca e da acuicultura.
  • Non poderán ser beneficiarias das axudas previstas nestas bases reguladoras as persoas físicas ou xurídicas beneficiarias deste mesmo programa en convocatorias anteriores.

SECTOR INCENTIVABLE

Con carácter xeral serán subvencionables as seguintes actividades:

  • Obradoiros e fábricas destinados á produción de bens e materiais.

Non obstante o anterior, os investimentos relacionados coa utilización da madeira como materia prima ou fonte de enerxía limitaranse ás operacións de segunda transformación.

  • Transformación e/ou comercialización de produtos agrarios, cando o produto final do proceso de transformación e/ou comercialización derivado dos investimentos non estea incluído no anexo I do Tratado de Funcionamento da Unión Europea (TFUE).
  • Prestación de servizos a empresas en calquera sector económico (agricultura, silvicultura, sector industrial e de servizos, …).
  • Prestación de servizos sociais (gardarías, coidado de anciáns, de persoas con discapacidade, granxas-escola…).
  • Actividades de lecer, recreativas e deportivas.
  • Artesanía e actividades artesanais.
  • Actividades baseadas nas novas tecnoloxías da información e da comunicación (TICs), innovación tecnolóxica e comercio electrónico.
  • Actividades nos sectores da enxeñería, arquitectura, servizos técnicos, limpeza industrial, contabilidade, veterinaria.
  • Comercio polo miúdo de produtos non incluídos no anexo I do TFUE.
  • No sector da hostalería, exclusivamente a creación de novos restaurantes situados en construcións patrimoniais senlleiras (pazos, muíños, patrimonio industrial, pallozas, faros…) que fagan uso do produto de proximidade.

CONTÍAS

Establécese unha contía básica de 20.000 €, que poderá incrementarse ata un máximo de 45.000€ nas seguintes situacións:

  • Creación de emprego indefinido (mínimo 1 emprego UTA). A creación de emprego debe ser adicional, ademais da man de obra correspondente ao beneficiario da axuda: 20.000 €.
  • Ubicación nunha zona con limitacións naturais ou outras limitacións específicas relacionadas no anexo VI das bases reguladoras: 5.000 €.

INCOMPATIBILIDADES

As subvencións reguladas nestas bases están financiadas con fondos Feader e, polo tanto, serán incompatibles con calquera outra axuda que, para o mesmo proxecto ou finalidade leve cofinanciamento comunitario, independentemente do fondo de procedencia e a súa tipoloxía (subvención directa, bonificación de xuros, …).

Coa excepción anterior, as subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, tanto de orixe pública coma privada, sempre que a intensidade máxima das axudas con fondos públicos non exceda o 100 % dos custos subvencionables aprobados.

PRAZO DE PRESENTACIÓN

O prazo de presentación de solicitudes será ate o 8 de marzo de 2022.

MÁIS INFORMACIÓN:

Para máis información podes consultar a RESOLUCIÓN do 17 de decembro de 2021 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas destinadas á creación de empresas para actividades non agrícolas en zonas rurais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se realiza a súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (Galicia Rural Emprende) e a páxina web do IGAPE. A tramitación pódese levar a cabo na Sede Electrónica da Xunta.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *