Este programa está dirixido a asociacións, fundacións, entidades sen ánimo de lucro, centros especiais de emprego, empresas de inserción laboral e empresas e persoas traballadoras autónomas que contraten preparadores laborais que leven a cabo as accións de emprego con apoio. Poderán subvencionarse tanto as novas contratacións que se realicen como os custos das persoas preparadoras laborais que xa estean prestando servizos na entidade.
Enténdese por emprego con apoio o conxunto de actividades de orientación e acompañamento individualizado que prestan, no propio posto de traballo, persoas preparadoras laborais especializadas ás persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social, con especiais dificultades de inserción laboral e que realizan a súa actividade en empresas do mercado ordinario de traballo.
Estas axudas quedan sometidas a minimis e establécese un procedemento de concesión en concorrencia NON competitiva (concesión por orde de solicitude).
Persoas e entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias as seguintes entidades:
- As asociacións, fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro que subscriban o correspondente convenio de colaboración coa empresa que vai contratar as persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social ás cales se lles vai prestar o emprego con apoio.
- Os centros especiais de emprego, cualificados e inscritos como tales no rexistro administrativo de centros especiais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, que subscriban un convenio de colaboración, coa empresa que vai contratar persoas traballadoras con discapacidade procedentes do cadro de persoal do mesmo centro ou doutros centros especiais de emprego. Tamén as empresas de inserción, debidamente inscritas no rexistro de empresas de inserción da Comunidade Autónoma de Galicia, que subscriban convenio de colaboración coa empresa que vai contratar persoas traballadoras en situación ou risco de exclusión social procedentes do cadro de persoal da mesma empresa ou doutras empresas de inserción.
- As empresas do mercado ordinario de traballo incluídas as persoas traballadoras autónomas, con domicilio fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia, que contraten as persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social que poidan ser beneficiarias das accións de apoio, sempre que conten no seu cadro de persoal con persoas preparadoras laborais especializadas.
Requisitos entidades
- Ter por obxecto social, entre outros, a inserción laboral ou a creación de emprego a favor de persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social.
- Contar no seu cadro de persoal con persoas preparadoras laborais especializadas que cumpran os requisitos establecidos no artigo 10, así como dispor dos recursos materiais necesarios que garantan un desenvolvemento idóneo dos programas de emprego con apoio.
- Ter experiencia acreditada no desenvolvemento de programas de integración laboral de persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social.
- Desenvolver as actividades de emprego con apoio de modo gratuíto, sen que caiba o cobramento ou a percepción de ningún tipo de cantidade ou tarifa a persoas traballadoras ou empresarios e empresarias.
Contía dos incentivos
Os incentivos previstos nesta orde destinarase a financiar os custos derivados da contratación das persoas preparadoras laborais que se xeren durante o desenvolvemento das accións do emprego con apoio, dentro do período subvencionable, que abrangue entre o 1.10.2022 ao 30.9.2023, correspondendo os seguintes importes.
A contía base pola persoa preparadora laboral establécese en función do número das persoas traballadoras en situación ou risco de exclusión social ou de persoas con discapacidade apoiadas co tipo e grao indicados no artigo 8.
- a) 8.500€ anuais polo apoio a cada persoa traballadora das incluídas na liña a.1) do artigo 8, contratada a xornada completa.
- b) 5.500€ anuais polo apoio a cada persoa traballadora das incluídas na letra a.2) do artigo 8, contratada a xornada completa.
- c) 3.500€ anuais polo apoio a cada persoa traballadora das incluídas nas letras b), c) ou d) do artigo 8, contratada a xornada completa.
- d) 1.625€ anuais polo apoio a cada persoa traballadora das incluídas na letra e) do artigo 8, contratada a xornada completa.
A contía base reducirase proporcionalmente en función da duración do contrato de cada persoa traballadora con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social que recibe o apoio, así como en función da súa xornada no suposto de que o contrato sexa a tempo parcial.
Así mesmo, a contía base poderá incrementarse nas porcentaxes que se sinalan a seguir, segundo se dean as seguintes circunstancias (acumulables entre si) na persoa preparadora laboral contratada:
- a) Un 25 %, se é unha muller.
- b) Un 25 %, se é persoa maior de 45 anos.
- c) Un 25 %, se é persoa emigrante retornada ou estranxeira.
- d) Un 25 %, no caso de que o centro de traballo da entidade solicitante estea situado nun concello rural.
- e) Un 25 %, se é persoa trans.
En ningún caso a contía da axuda poderá superar o 100 % dos custos laborais e de seguridade social da persoa preparadora laboral contratada para o desenvolvemento da actividade de emprego con apoio (excluído o concepto de desprazamento).
Cando un mesmo preparador ou preparadora laboral teña que prestar apoios a persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social en centros de traballo ou empresas de concellos distintos ao do seu centro de traballo, poderase conceder unha subvención en concepto de custos de desprazamento nunha contía máxima de 2.500€ por persoa preparadora laboral, sempre e cando o concepto de desprazamento conste no recibo mensual de haberes.
Accións subvencionables
- Este programa subvenciona as entidades promotoras de proxectos de emprego con apoio no financiamento dos custos laborais e de Seguridade Social derivados da contratación dos preparadores e das preparadoras laborais que leven a cabo as accións de emprego con apoio, tanto nos casos de novas contratacións como nos casos de persoas preparadoras laborais que veñen prestando servizos na entidade.
- As accións de emprego con apoio desenvolveranse no marco de proxectos de emprego con apoio, nos cales deberanse recoller, polo menos, as seguintes accións:
- a) Orientación, asesoramento e acompañamento á persoa traballadora, apoiada, elaborando para cada persoa traballadora un programa de adaptación ao posto de traballo.
- b) Labores de achegamento e axuda mutua entre a persoa traballadora beneficiaria do Programa de emprego con apoio, a empresa empregadora e o persoal da empresa que comparta tarefas coa persoa traballadora apoiada.
- c) Apoio á persoa traballadora no desenvolvemento de habilidades sociais e comunitarias, de modo que se poida relacionar coa contorna laboral nas mellores condicións.
- d) Adestramento específico da persoa traballadora apoiada nas tarefas inherentes ao posto de traballo.
- e) Seguimento da persoa traballadora apoiada e avaliación do proceso de inserción no posto de traballo.
- f) Asesoramento e información á empresa sobre as necesidades e os procesos de adaptación do posto de traballo.
Prazo
O prazo de presentación das solicitudes estará aberto ata o 29 de setembro de 2023.
Máis información e acceso ao procedemento de solicitude
Acceder ao procedemento de tramitación: