Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública de axudas do Programa do bono das persoas autónomas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023.
Persoas beneficiarias
- As persoas traballadoras autónomas que estean de alta no réxime especial de autónomos ou en mutualidade de colexio profesional que na data da solicitude teñan unha antigüidade superior a 42 meses ininterrompidos na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional e que teñan un rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declarados na declaración do IRPF anual inferior a 30.000€ e unha facturación mínima anual de 12.000€ , IVE incluído, na declaración referida ao ano 2021.
- As sociedades de calquera clase e comunidades de bens con domicilio fiscal en Galicia:
- Na data da solicitude teñan unha persoa aútonoma societaria cunha antigüidade superior a 42 meses ininterrompidos na realización efectiva dunha actividade empresaria, que non fose beneficiaria con anterioridade desta axuda e que non presentase nesta convocatoria outra solicitude.
- Que a empresa teña unha facturación mínima anual de 12.000€ , IVE incluído, na declaración referida ao ano 2021.
- Que a empresa teña unha base impoñible no imposto de sociedades da declaración realizada referida ao ano 2021 inferior a 30.000€. No caso de entidades que tributen en réxime de atribución de rendas, este importe de 30.000€ referirase ao rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declaradas no IRPF da suma de todos os membros da entidade solicitante.
Quedan excluídos desta orde:
- Os familiares que, de maneira habitual, realizan traballos para persoas traballadoras autónomas ou mutualistas de colexio profesional e que non teñan a condición de persoas traballadoras por conta allea.
- As persoas que cobrasen a axuda do bono das persoas autónomas nalgunha das anteriores convocatorias.
Contía da subvención
Poderase conceder para a mellora da competitividade da actividade empresarial das persoas beneficiarias unha subvención do 80 % da actividade que se vai subvencionar, cun límite máximo de 3.000€ de axuda polo conxunto de actividades subvencionables e o resto do gasto será por conta da persoa beneficiaria.
Investimentos subvencionables
Serán subvencionables, dentro desta liña de axudas, os seguintes investimentos:
- Compra de maquinaria.
- Compra e/ou instalación para a mellora da eficiencia enerxética.
- Investimentos para a substitución de combustibles fósiles ou materiais críticos ou escasos.
- Compra de utensilios e ferramentas.
- Reforma do local do negocio.
- Equipamento informático.
- Equipamento de oficina e/ou negocio.
- Rótulos.
- Aplicacións informáticas, páxinas web, apps e redes sociais.
- Deseño de marca.
No suposto de adquisición, construción, rehabilitación e mellora de bens inventariables, a persoa beneficiaria deberá destinar os bens ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención, que non poderá ser inferior a cinco anos en caso de bens inscritibles nun rexistro público, nin a dous anos para o resto de bens.
No caso de reforma do local do negocio, exclúese da axuda o domicilio habitual da persoa traballadora autónoma, excepto no caso en que quede acreditado que é imprescindible para o desenvolvemento da actividade do negocio.
Prazo
O prazo de solicitude comeza ás 9.00 horas do día 25 de xaneiro e remata ás 9.00 horas do día 29 de setembro de 2023.
Máis información
Consulta o dog do 24 de xaneiro de 2023 (código de procedemento TR341Q).
Para calquera información a maiores ou se precisas axuda para a tramitación, podes solicitar cita no noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.
NON ESQUECER:
¡¡¡ A PERSOA OU EMPRESA SOLICITANTE DEBE TER UNHA ANTIGÜEDADE DE 42 MESES!!!
¡¡¡A TRAVÉS DESTA AXUDA SERÁN SUBVENCIONABLES OS GASTOS REALIZADOS DESDE O 1 DE XANEIRO DE 2023 E ATA A DATA DA SOLICITUDE DA AXUDA, EFECTIVAMENTE XUSTIFICADOS, MEDIANTE FACTURAS E DOCUMENTOS BANCARIOS ACREDITATIVOS DO SEU PAGAMENTO!!!
¡¡¡A PERCEPCIÓN DESTA AXUDA OBRIGA A MANTER A ACTIVIDADE DURANTE UN MÍNIMO DE 24 MESES. A XUNTA SOLICITARÁ DEVOLUCIÓN DAS AXUDAS, NO CASO CONTRARIO!!!