Obxecto
Esta convocatoria fixa as condicións polas cales se rexerá a selección, por parte da Agadic, das persoas físicas e/ou xurídicas que participarán no Programa da aceleradora cultural de proxectos musicais, coa finalidade de incentivar e estimular a profesionalización empresarial do sector musical e impulsar a carreira de artistas emerxentes.
O obxectivo do programa é iniciar un proceso de vertebración sectorial, poñendo á disposición das persoas seleccionadas ferramentas que lles permitan desenvolver a súa carreira co fin de:
- Acelerar o crecemento do tecido empresarial e profesional das industrias culturais no ámbito musical.
- Definir e analizar as prioridades e necesidades dos proxectos musicais emprendedores.
- Formar, titorizar e mentorizar a artistas emerxentes con proxectos musicais.
- Fomentar e consolidar a carreira profesional de artistas emerxentes co fin de acadar unha presenza notoria nos mercados nacionais e internacionais.
- Favorecer as sinerxías entre diferentes artistas, coa industria musical e con outros sectores da economía.
- Mellorar o acceso ao mercado e ao financiamento dos proxectos musicais.
- Garantir o cumprimento e respecto ao principio de DNSH (Do no significant harm).
O procedemento destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.
Persoas beneficiarias
Persoas profesionais de alta no réxime especial de traballadores autónomos e microempresas, así como as persoas físicas maiores de idade co compromiso de constituírse en empresa ou persoa autónoma no momento de adquiriren a condición de beneficiaria.
Deberán cumprir os seguintes requisitos:
- Ter a condición de empresa no ámbito musical con menos de seis anos de antigüidade e desenvolver a súa actividade profesional e/ou empresarial de forma habitual e maioritariamente en Galicia.
- Desenvolver un proxecto musical que non leve máis de 6 anos no mercado da música.
- Estar dadas de alta nas epígrafes do IAE 032 (intérpretes de instrumentos musicais) ou 033 (actividades relacionadas coa música, cantantes). Para os efectos destas bases, non se computará como antigüidade a alta noutras epígrafes do IAE distintas das anteriormente descritas.
Non poderán ser solicitantes desta convocatoria as persoas beneficiarias no Programa da aceleradora cultural de proxectos musicais do ano 2022.
Axudas e apoios que ofrece este programa
Seleccionaranse un máximo de 12 proxectos/beneficiarios para participar nesta edición 2023 da Aceleradora. Así mesmo, de non acadarse un número mínimo de catro proxectos non se porá en marcha o proxecto.
O Programa da aceleradora cultural de proxectos musicais consta de dúas fases:
- Fase I. Fase de aceleración. Esta fase consiste na realización de mentorías individualizadas e/ou grupais adaptadas ás persoas beneficiarias e os seus proxectos. A asistencia ás actividades é obrigatoria. Esta fase finaliza coa creación dun produto musical e a elaboración dun plan de lanzamento do produto.
- Fase II. Fase de promoción e mercados. Nesta fase, as persoas beneficiarias participarán en circuítos de concertos, festivais e espazos profesionais da industria musical tanto a nivel galego como nacional, cun mínimo de 2 accións por proxecto e nun evento final de presentación dos proxectos.
Información ás persoas interesadas
Poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Galega das Industrias Culturais, a través dos seguintes medios:
- Na páxina web oficial da Axencia Galega das Industrias Culturais.
- https://industriasculturais.xunta.gal/gl/aceleradora-musical/segunda-edicion
- Nos teléfonos 881 99 60 77/ 881 99 60 78.
- No enderezo electrónico: agadic@xunta.gal
Prazo
O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto ata o 16 de outubro.
Máis información
Acceder ao procedemento de tramitación:
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.