A xunta de Galicia ven de publicar a CONVOCATORIA de axudas do programa Emprendemento Plus, a través de dúas liñas: Emprendemento Plus Investimento e Emprendemento Plus Emprego. A finalidade é apoiar as iniciativas de emprendemento de persoas traballadoras autónomas e pequenas e medianas empresas, que na data de presentación de solicitude de axuda non teñan máis de 3 anos e medio de antigüidade.
Beneficiarios
Persoas traballadoras autónomas e as pequenas e medianas empresa que cumpran os seguintes requisitos:
- Que teñan o seu domicilio social, fiscal e/o un centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.
- Desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia.
- Que se constitúan ou dean de alta, segundo a natureza xurídica da entidade que se trate, e iniciasen a súa actividade con 42 meses de antigüidade como máximo ata a data de presentación da solicitude.
- No caso de sociedades unipersoais ou persoas autónomas, non poderán ser consideradas emprendedoras as persoas que teñan a condición de socio ou socia único noutra empresa unipersoal ou que leven dados de alta no réxime de persoas autónomas máis de corenta e dous meses. Que sexan viables técnica, económica e financeiramente.
- Figurar rexistradas como tales nos correspondentes rexistros administrativos da Comunidade Autónoma de Galicia e efectuar a comunicación previa do inicio da actividade ou da apertura do establecemento.
- Presentar, de ser o caso, as contas anuais do último ano no Rexistro Mercantil ou no Rexistro de Cooperativas, segundo corresponda á súa forma xurídica.
- Estar de alta no imposto de actividades económicas.
- Estar ao corrente no pago das súas obrigacións tributarias e da Seguridade Social para obter subvencións.
- Non ser sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións.
- Non desenvolver actividades relacionadas con: a actividade bancaria, seguros, fondos de pensións, aquelas que afecten a seguridade nacional, a fabricación de armamento, armas e municións, os xogos de azar coas instalacións conexas, a transformación ou distribución de tabaco, as actividades de venda e/o alugueiro de inmobles.
Programa 1: Emprendemento Plus Investimento
A finalidade deste programa é a consolidación de iniciativas de emprendemento de persoas autónomas e pemes que teñan unha antigüidade máxima de 42 meses, mediante o apoio de investimentos realizados nas iniciativas obxecto da axuda.
A través desta liña, serán subvencionables os gastos realizados dende o 1 de xaneiro de 2023 ata o 31 de outubro de 2024, nos seguintes conceptos (cun investimento mínimo de 10.000 euros):
- Equipamento informático.
- Activos intanxibles.
- Adquisición de bens de equipamento e mobiliario.
- Reforma e habilitación das instalacións do local do negocio.
- Adquisición de activos pertencentes a un establecemento ou de bens de equipamento de segunda man: Serán subvencionables sempre que cumpran os seguintes requisitos:
- Que os activos sexan adquiridos a unha persoa terceira non relacionada coa persoa compradora.
- Que conste unha declaración da persoa vendedora sobre a orixe dos bens e sobre que estes non foron obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria.
- Que o prezo non sexa superior ao valor de mercado de referencia nin ao custo dos bens novos similares, acreditándose estes aspectos mediante certificación de taxador/a independente, ou dunha empresa subministrador/a de bens da mesma tipoloxía dos bens de segunda obxecto de transacción.
- Costes indirectos do proxecto: serán como máximo dun 3 % total do orzamento do proxecto.
Programa 2. Emprendemento Plus Emprego
Este programa ten por obxecto o fomento e a consolidación do emprego por parte de autónomos e pequenas empresas de nova creación (máx. 42 meses) para promover a contratación de novos traballadores para o proxecto.
Poderase subvencionar a contratación por conta allea de persoas desempregadas por parte da empresa, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:
- O contrato ten que realizarse cunha persoa que figure como demandante de emprego no Servizo Público de emprego e que careza de ocupación segundo o informe de vida laboral da seguridade social.
- O período para realizar as contratacións vai desde o 1 de xaneiro ao 31 de outubro de 2024.
- As contratacións deberán estar comunicadas a través da aplicación contrat@.
- Os contratos subvencionables deberán ser indefinidos, de duración indefinida e a tempo completo ou ben fixos descontinuos cunha duración mínima de 9 meses e a xornada completa.
Estes dous programas (investimento e emprego), son compatibles entre si, pero para optar ao Programa II Emprendemento Plus Emprego será necesario solicitar a axuda ao investimento establecida no Programa I Emprendemento Plus Investimento.
(Para poder optar ao Programa I: Investimento non é necesario solicitar o Programa II de Emprego).
Contía
O importe da subvención será como mínimo de 6.000 € e como máximo de 90.000€. A porcentaxe de investimento subvencionable varía segundo a contía do investimento no proxecto.
Doutra banda, as contratacións subvencionaranse con 6.000€, tanto indefinidas como fixas descontinuas.
Prazo de solicitudes
Dende 18 de xullo ao 17 de agosto de 2023.
Máis información
Acceder ao procedemento de tramitación:
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.
Deseo participar