A Deputación de Pontevedra crea o catálogo +ESCÉNICAS, o novo circuíto cultural que busca impulsar a programación de teatro e danza de maneira estable nos concellos menos poboados da provincia e publica as bases e a convocatoria para o ano 2024 deste programa e no que se incluirán funcións e espectáculos destas dúas disciplinas (teatro e danza) realizados por artistas e compañías profesionais galegas. Entre os obxectivos deste programa están o de promover e fomentar a cultura galega así como a creación e a difusión artística en galego.
Este catálogo terá unha vixencia indefinida mentres estea en vigor o circuíto “+ESCÉNICAS”. Unha vez tramitadas as inscricións de espectáculos, o catálogo, que conterá os datos informativos e de contacto precisos para a selección e contratación de cada espectáculo, publicarase e estará dispoñible no portal web da Deputación de Pontevedra https://www.depo.gal/.
QUEN PODE INSCRIBIRSE NO CATÁLOGO +ESCÉNICAS
Compañías, empresas de distribución de espectáculos e artistas profesionais cos seguintes requisitos:
a) Ter o seu domicilio fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Ter entidade legal propia, demostrada coa xustificación de estar de alta no censo de actividades empresariais e profesionais e a súa dedicación a actividades escénicas ou culturais.
c) Estar ao corrente nos pagos coa AEAT, coa Facenda autonómica, coa Seguridade Social e coa Deputación de Pontevedra.
d) O importe do caché do espectáculo non poderá superar os 4.500,00 euros.
e) Cada compañía, empresa de distribución ou artista só poderá inscribir un máximo de cinco espectáculos no catálogo, dos cales só poderá realizar un en cada concello.
CONTIDO DO CATÁLOGO
Terá dúas modalidades: +TEATRO e +DANZA. Un mesmo espectáculo non poderá inscribirse nas dúas modalidades.
A información que deberá incluírse é a seguinte:
a) Nome e datos da compañía, empresa de distribución ou artista representante.
b) Nome da compañía ou artista.
c) Nome do espectáculo.
d) Sinopse artística da compañía e do espectáculo.
e) Duración e público ao que vai destinado.
f) Caché, con e sen necesidades técnicas, con IVE.
g) Datos de contacto e persoa representante.
h) Imaxe do espectáculo.
i) Ligazón á páxina web ou ao dossier do espectáculo.
j) Documento coa relación das necesidades técnicas precisas para o desenvolvemento do espectáculo.
DESTINATARIOS
Os concellos da provincia de Pontevedra de menos de 20.000 habitantes poderán solicitar unha subvención máxima de 3.400,00 euros para a contratación dos espectáculos incluídos no catálogo +ESCENICAS, coas porcentaxes de cofinanciamento seguintes:
Deputación | Concello | |
Concellos de ata 5.000 habitantes | 90 % | 10 % |
Concellos de 5.000 a 10.000 habitantes | 80 % | 20 % |
Concellos de 10.000 a 20.000 habitantes | 70 % | 30 % |
Para sufragar os gastos correspondentes á súa porcentaxe, os concellos poderán establecer e xestionar o cobro de entrada aos espectáculos, indicando esta opción na solicitude.
As entidades ás que se lles autoricen actuacións con cargo ao circuíto +ESCÉNICAS están suxeitas ás seguintes obrigas.
PRAZOS
- Para a inscrición de espectáculos para a creación do catálogo “+ESCÉNICAS”: do 10 ao 24 de xullo de 2024.
Unha vez creado o catálogo, o prazo para inscrición, baixa ou modificación de datos será do 1 ao 28 de febreiro de cada ano natural.
- Para a solicitude por parte dos concellos de espectáculos incluídos no catálogo: do 2 ao 16 de setembro de 2024.
- Para o desenvolvemento da programación: entre o 15 de outubro de 2024 e o 31 de marzo de 2025.
- Para a xustificación: antes do 15 de abril de 2025.
MÁIS INFORMACIÓN
Procedemento para a solicitude de inscrición por parte de compañías, artistas e empresas distribuidoras.
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.
O contido desta presentación ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituír a información proporcionada nos documentos oficiais.