A Xunta de Galicia convoca esta liña de subvencións, que ten por finalidade mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas mozas en Galicia a través da formalización de contratos de formación para a obtención da práctica profesional ou de contratos de formación en alternancia, que lle faciliten a inserción laboral. Con elo, búscase que adquiran competencais para o emprego que as acompañen durante a súa vida laboral, coa finalidade última de promover a súa empregabilidade e a retención do talento no noso territorio.
Por medio desta convocatoria, as empresas terán a posibilidade de obter axudas para a contratación a través das seguintes liñas:
- Liña 1: programa de prácticas, mediante contratos para a obtención de práctica profesional, con persoas traballadoras menores de 30 anos que teñan a titulación universitaria, ou grao medio ou superior.
- Liña 2: programa de formación en alternancia con persoas traballadoras menores de 30 anos que carezan de cualificación profesional recoñecida para concertar un contrato formativo para a obtención de práctica profesional.
Requisitos das persoas mozas participantes
Aquelas persoas mozas que cumpran os seguintes requisitos no momento da contratación para as dúas modalidades contractuais previstas:
- Que teñan feito os 16 anos e non superen os 30 anos no momento da contratación.
- Que estean desempregadas (desocupadas no día inmediatamente anterior á data de inicio do contrato) e que se atopen inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia no momento da súa contratación.
- Liña 1: programa de prácticas. No caso de persoas que vaian ser contratadas na modalidade de obtención de práctica profesional deberán cumprir ademais os seguintes requisitos:
- Estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións:
- Título universitario: Grao universitario, Máster universitario ou Doutoramento.
- Título de grao medio ou superior.
- Especialista, máster profesional ou certificado do sistema de formación profesional.
- Título equivalente de ensinanzas artísticas ou deportivas do sistema educativo, que habiliten ou capaciten para o exercicio da actividade laboral.
- O contrato de traballo para a obtención de práctica profesional deberá concertarse dentro dos tres anos, ou dos cinco anos se se formaliza cunha persoa con discapacidade, seguintes á terminación dos correspondentes estudos. Non se poderá subscribir con quen xa obtivese experiencia profesional ou realizado actividade formativa na mesma actividade dentro da empresa por un tempo superior a tres meses.
- Estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións:
- Liña 2: programa de formación en alternancia. As persoas que vaian ser contratadas na modalidade de formación en alternancia deberán cumprir ademais os seguintes requisitos:
- Carecer da cualificación profesional recoñecida polas titulacións ou certificados requiridos para concertar un contrato formativo para a obtención da práctica profesional. Poderanse realizar contratos vinculados a estudos de formación profesional con persoas que posúan outra titulación sempre que non tivesen outro contrato formativo previo nunha formación do mesmo nivel formativo e do mesmo sector produtivo.
Quen pode solicitar estas axudas
- As persoas empregadores e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as comunidades de bens e sociedades civís que contraten persoas mozas traballadoras por conta allea, para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia.
- Tamén poden ser beneficiarias os centros especiais de emprego, e as empresas de inserción laboral que contraten persoas mozas traballadoras por conta allea, para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, excepto para celebrar contratos con persoas con discapacidade e contratos con persoas en situación ou risco de exclusión social, respectivamente.
- A selección e a contratación das persoas mozas participantes no programa pode realizarse directamente pola persoa empregadora ou empresa beneficiaria, ou a través da presentación de oferta de emprego na oficina de emprego que corresponda.
Gastos subvencionables
Serán subvencionables ao abeiro deste programa as contratacións por conta allea de persoas mozas mediante a subscrición de:
- Contratos para a obtención da práctica profesional.
- Contratos de formación en alternancia.
Os contratos terán unha duración mínima de 12 meses e deberán ser a xornada completa.
O período durante o que se teñen que producir os contratos formativos para que sexan subvencionables comprende desde o 16 de outubro de 2022 ata o 30 de novembro de 2023.
No caso de novas contratacións, o período máximo para realizalas rematará aos vinte días hábiles seguintes ao da recepción da notificación da concesión da axuda, e en todo caso o 30 de novembro de 2023.
Serán subvencionables os incentivos á formación en competencias brandas de cada unha das persoas que sexan contratadas ao abeiro desta convocatoria cunha duración mínima de 60 horas.
Contía dos incentivos
A contía máxima da subvención que se concederá con carácter xeral será de:
- Incentivo á contratación, por cada persoa moza con contrato formativo de 12 meses a xornada completa:
- Nos grupos de cotización 1 e 2: 16.625 €.
- Nos grupos de cotización 3 a 7: 13.300 €.
- Nos grupos de cotización 8 a 11: 9.975 €.
- Incentivo á formación, por cada persoa moza contratada, para a impartición dun programa formativo en competencias brandas, cunha duración mínima de 60 horas:
- 2.000 € para formación presencial
- 1.000 € para teleformación.
A contía da axuda concedida aboarase ás persoas empregadoras ou empresas beneficiarias nun único pagamento.
As subvencións previstas neste programa serán incompatibles con outras subvencións ou axudas públicas, para o mesmo obxecto e finalidade, Non obstante, serán compatibles, coas bonificacións ou reducións de cotizacións á Seguridade Social.
Definicións
- Persoa desempregada: aquela que estea inscrita no Servizo Público de Emprego de Galicia no momento da súa contratación e que, pola súa vez, careza de ocupación no día inmediatamente anterior á data de inicio de contrato, segundo o informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.
- Persoa moza: persoa maior de 16 anos e menor de 30 anos no momento da súa contratación.
- Persoa moza desempregada sen cualificación: aquela persoa que, tendo menos de 30 anos no momento da súa contratación, careza da cualificación profesional recoñecida polo sistema de formación profesional para o emprego ou do sistema educativo requirida para concertar un contrato en prácticas ou para o posto de traballo ou ocupación obxecto do contrato.
- Contrato de formación para a obtención da práctica profesional adecuada ao nivel de estudos: contrato celebrado con persoas menores de 30 anos, que estivesen en posesión de título universitario (grao, máster ou doutorado) ou título de grao medio o superior, especialista, máster profesional ou certificado do sistema de formación profesional. . O posto de traballo deberá permitir a obtención da práctica profesional axeitada ao nivel de estudos ou de formación cursados.
- Contrato de formación en alternancia: contrato celebrado con persoas menores de 30 anos que carezan da cualificación profesional requirida para concertar un contrato formativo para a obtención da práctica profesional. Terá por obxecto compatibilizar a actividade laboral retribuída cos correspondentes procesos formativos no ámbito da formación profesional, os estudos universitarios ou o catálogo de especialidades formativas do Sistema nacional de emprego. O tempo de traballo efectivo que terá que ser compatible co tempo dedicado ás actividades formativas non poderá ser superior ao 65 por cento da xornada máxima prevista no convenio colectivo de aplicación na empresa, ou, na súa falta, da xornada máxima legal.
- Acción formativa: formación que se impartirá a través dunha entidade externa, co obxecto de que a persoa traballadora participante adquira coñecementos e habilidades en relación co posto de traballo que desenvolverá na empresa participante no marco deste programa.
- Competencias brandas: combinación de habilidades sociais e de comunicación, actitudes, intelixencia social e emocional, que facultan as persoas para moverse pola súa contorna laboral, traballar xunto a outras persoas, facilitan as relacións humanas e permiten desenvolverse con éxito no ámbito laboral.
Prazo
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 2 de outubro de 2023.
Máis información
Acceder ao procedemento de tramitación:
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.