As axudas para actividades do sector do libro pretenden facilitar a participación en actividades de dito sector a persoas físicas escritoras, ilustradoras e tradutoras da Comunidade Autónoma galega.
BENEFICIARIOS
Poderán ser beneficiarias das axudas para actividades do sector do libro as persoas físicas, sexan autónomos ou non, escritoras, ilustradoras e tradutoras que acrediten esta condición e desenvolvan o seu traballo no sector do libro no ámbito da Comunidade Autónoma galega, que cumpran, ademais, todos os seguintes requisitos debidamente acreditados:
- Terse inscrito, asistido e participado nunha actividade subvencionable realizada no sector do libro e fóra de Galicia, no prazo establecido na presente convocatoria (1 de xaneiro e o 12 de decembro de 2022, incluído)
- Que acrediten o desenvolvemento do seu traballo no sector do libro no ámbito da Comunidade Autónoma galega.
- Ter publicado obra en Galicia como persoa escritora, ilustradora ou tradutora, para a cal se solicita a subvención, nos tres anos anteriores á publicación da presente orde.
GASTOS SUBVENCIONABLES
Serán obxecto da axudas para actividades do sector do libro os gastos de viaxe referidos ao aloxamento e transporte que permitan a asistencia fóra de Galicia ás seguintes actividades realizadas no sector do libro: feiras, festivais, seminarios, encontros, obradoiros e estadías creativas.
Fináncianse os gastos realizados que respondan de xeito directo e indubidable á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para a súa realización.
CONTÍA
O financiamento dos gastos da viaxe son os referidos ao aloxamento e transporte e terán o seguinte importe por ámbito xeográfico de destino, sempre que se xustifique:
- España, agás a Comunidade Autónoma galega: 400 €.
- Resto da Unión Europea: 700 €.
- Fóra da Unión Europea: 1.500 €
PRAZO
O prazo de presentación de solicitudes remata o 31 de outubro de 2022 (incluído).
MÁIS INFORMACIÓN
Para máis información podes consultar a ORDE do 9 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a participación de persoas escritoras, ilustradoras e tradutoras nas actividades que se celebren no sector do libro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 ou a Sede Electrónica da Xunta (CT221A).