AXUDAS PARA A POSTA EN MARCHA DE CASAS NIÑO

Se traballas no ámbito da atención á infancia ou da educación, estas axudas poden axudarche a poñer en marcha un proxecto dedicado ao coidado de nenos e nenas de ata 3 anos de idade en núcleos rurais.

A través desta orde publícanse as bases que regulan as axudas, por concorrencia competitiva, durante o 2024, 2025, 2026 e 2027 para a posta en marcha de proxectos de servizos destinados á atención de nenos/as de ata 3 anos, mediante o establecemento dunha “casa niño” en núcleos rurais de Galicia nos que non exista ningún outro recurso de atención continuada á infancia para esas idades.

PERSOAS BENEFICIARIAS

Persoas físicas que se establezan como empresarias autónomas e cooperativas de traballo asociado que reúnan os seguintes requisitos:

  1. Estar en posesión, da formación ou experiencia seguintes:
  • Técnico/a superior en educación infantil.
  • Grao en mestre/a de educación infantil/educación primaria.
  • Grao en pedagoxía, psicoloxía ou educación social.
  • Diploma que acredite ter realizado o curso de formación integral ou o curso de formación complementaria para futuros/as profesionais das casas niño impartidos pola Xunta de Galicia.
  • Formación acreditada en áreas relacionadas coa atención á infancia e coidados infantís ou experiencia profesional acreditada neste ámbito.
  1. Residir nun núcleo rural de Galicia en que non exista ningún recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade.
  2. Contar cun inmoble nun núcleo rural de Galicia no que non exista ningún recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade. O dito inmoble estará dotado cos seguintes recursos:
  • Sistema de calefacción que cubra todas as estancias dedicadas ao desenvolvemento da iniciativa.
  • Unha sala con iluminación e ventilación naturais directas e un mínimo de 20 metros cadrados, distribuída e organizada con criterios de flexibilidade para dar resposta ás distintas necesidades das nenas e nenos de 0-3 anos.
  • Dúas zonas, unha para o descanso e outra para a hixiene infantil.
  • Unha zona para a preparación, almacenamento e conservación de alimentos dotada, cando menos, dun mesado, frigorífico, vertedoiro e microondas.
  • Elementos de protección como enchufes de seguridade infantil.
  • Un mobiliario e equipamento básico para a atención das nenas e nenos e con marcación CE.
  1. Dispoñer dun plan de actuación cos nenos/as para atender eventuais emerxencias que se poidan producir na casa niño.
  2. Acreditar o estado de saúde cunha revisión médica anual. No caso de cooperativas de traballo asociado esta acreditación deberá estar referida á/s persoa/s socia/s que desenvolvan o proxecto.

ACCIÓNS SUBVENCIONABLES

Serán subvencionables  os gastos derivados das seguintes actuacións:

  • A reforma e adaptación do inmoble destinado a servir de casa niño, así como o seu equipamento e dotación material.
  • A prestación da atención personalizada de nenos e nenas de 0-3 anos.

Os gastos só serán subvencionables sempre que, tendo comezado o investimento con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2024, non estea totalmente finalizado no momento da presentación da solicitude de axuda e respecto dos gastos que sexan efectivamente pagados no prazo de execución, que é de dous meses computados desde a notificación da resolución de concesión, ampliable a tres para os supostos de constitución dunha cooperativa de traballo asociado.

CONTÍA DAS SUBVENCIÓNS

  1. As axudas para gastos de investimento consistirán nunha subvención de ata o 100% dos gastos realizados, cun límite máximo global por casa niño de 15.000 euros.
  2. Polo desenvolvemento da actividade do proxecto consistirá nunha achega económica de 24.800 €/ano en forma de prima destinada a apoiar esta iniciativa emprendedora no inicio da súa andadura. Este importe minorarase proporcionalmente en función dos meses efectivos de desenvolvemento.
  3. Nos casos de baixa por maternidade ou permiso de paternidade da persoa titular do recurso, aboarase un complemento da prima de 150 € semanais durante a baixa.

PERMANENCIA MÍNIMA DA ACTIVIDADE SUBVENCIONADA

O período mínimo de permanencia da actividade subvencionada será de 3 anos desde o pagamento final da axuda.

CRITERIOS DE VALORACIÓN

Número de nenos/as de entre 0 e 3 anos residentes no concello se prestará o servizo, ata 40 puntos:

  • Ata 6 nenos/as: 20 ptos.
  • Máis de 6 nenos/as: 40 ptos.

Número de núcleos de poboación do concello en que se establecerá a casa niño publicados polo IGE, ata 25 ptos:

  • Entre 5 e 20: 15 ptos.
  • Máis de 20: 25 ptos.

Número de mulleres residentes no concello en que se establecerá a casa niño de idades entre 16 e 45 anos, ata 25 ptos:

  • Ata 50 mulleres: 10 ptos.
  • Entre 51 e 100 mulleres: 15 ptos.
  • Mías de 100 mulleres: 25 ptos.

Índice de envellecemento do ano 2023 publicado polo IGE, ata 20 ptos:

  • Ata o 300 %: 5 ptos.
  • Entre 301 e 700 %: 15 ptos.
  • Máis de 700 %: 20 ptos.

Contribución á integración laboral de persoas en situación de especial protección: paradas de longa duración, menores de 35 anos, maiores de 55 anos, con discapacidade igual ou superior ao 33 % sempre, ata 10 ptos:

  • Persoas paradas de longa duración: 2,5 ptos.
  • Menores de 35 anos ou maiores de 55 anos: 2,5 ptos.
  • Persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %: 2,5 ptos.
  • Mulleres vítimas de violencia de xénero: 2,5 ptos.

PRAZO DE SOLICITUDE

Ata o 14 de xuño de 2024.

MÁIS INFORMACIÓN

ORDE do 26 de abril de 2024 pola que se establecen as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas niño durante os anos 2024, 2025, 2026 e 2027, e se procede ásúa convocatoria

Código de procedemento: BS403C

Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.

O contido desta presentación ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituír a información proporcionada nos documentos oficiais.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *