O programa EBici está dirixido ao fomento do uso de bicicletas eléctricas con pedaleo asistido e de bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas, mediante unha liña de subvencións para a súa adquisición.
As solicitudes de subvención teñen que tramitarse a través dalgunha das entidades colaboradoras adheridas (establecementos comerciais situados na Comunidade Autónoma de Galicia que solicitaran a súa adhesión).
Nesta ocasión, ímonos centrar no procedemento para a adhesión das entidades colaboradoras (procedemento IF319A), que integrarán un listado que se publicará na páxina https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/ebici?langId=es_ES.
A través desta convocatoria, a Xunta de Galicia establece tamén o procedemento para a adhesión desas entidades colaboradoras que participarán na xestión destas axudas que teñen como finalidade fomentar a mobilidade sustentable na Comunidade Autónoma de Galicia e abre o prazo para que as empresas interesadas se adhiran nesta convocatoria 2025.
Esta adhesión supón, para o comercio local, a posibilidade de incrementar as súas vendas e ingresos.
Beneficiarios
Poderán ser entidades colaboradoras para a xestión das axudas do programa E-bici as empresas (entidades privadas con personalidade xurídica ou empresarios individuais), que teñan o seu domicilio social ou algún establecemento comercial ou sanitario aberto ao público na Comunidade Autónoma de Galicia e que acrediten as condicións de solvencia técnica e económica que se establecen neste programa para actuar como entidades colaboradoras para a xestión destas axudas
Quedan excluídas aquelas entidades que non cumpran os requisitos técnicos, administrativos ou de documentación establecidos, así como as que non estean ao día coas obrigas tributarias e coa Seguridade Social
Actividades subvencionables
O establecemento adherido non recibe subvención pola adhesión, o que permite é que, como entidade adherida, poida xestionar as subvencións para a adquisición de bicicletas eléctricas por parte de terceiros (o que se regula no procedemento IF319B) e, con iso, incrementar as súas vendas. As entidades colaboradoras poderán:
- Tramitar as solicitudes.
- Xestionar a documentación.
- Intermediar entre a persoa beneficiaria e a Administración.
En canto ás axudas para as persoas físicas que adquiran as bicicletas nun establecemento comercial adherido ao programa, éstas poderán recibir as seguintes contías de subvención:
- Ata 500 € por bicicleta con pedaleo asistido.
- 600 € se a persoa beneficiaria forma parte dunha familia numerosa.
- 700 € para familias numerosas de categoría especial ou para bicicletas de man híbridas ou eléctricas.
O importe máximo da axuda non poderá superar:
- O 50% do prezo da bicicleta (xeral),
- O 60% (familia numerosa),
- O 70% (familia numerosa especial ou bicicleta de man).
Cada persoa beneficiaria só poderá recibir unha axuda pola adquisición dunha única bicicleta con pedaleo asistido ou bicicleta de man.
En todo caso, será a entidade colaboradora a encargada de presentar telematicamente a solicitude de axuda.
Prazo
O prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras estará aberto do 2 de maio ao 31 de agosto.
(O prazo para a solicitude de axudas por parte das persoas compradoras abrirase o 16 de maio e pecharase o 13 de novembro de 2025 ou cando se esgoten os fondos).
Obrigas para as entidades colaboradoras
- Formalizar o convenio de colaboración coa Dirección Xeral de Mobilidade.
- Realizar ante a Dirección Xeral de Mobilidade os trámites para solicitar a axuda.
- Comprobar inicialmente os requisitos dos solicitantes da axuda e do conxunto da actuación.
- Cubrir convenientemente os formularios de solicitude da axuda (anexo II) e solicitude de pagamento (anexo IV) a través da aplicación informática que se habilite para o efecto.
- Vender no marco da iniciativa só as bicicletas eléctricas e bicicletas de man que cumpran coas condicións establecidas nas bases reguladoras das axudas.
- Descontar directamente a axuda na factura da actuación, de maneira que a persoa beneficiaria non chegue a realizar o desembolso.
- Exhibir nos establecementos comerciais ou nos puntos de venda durante a vixencia do programa un cartel de promoción deste en que se informe de que se trata dunha entidade colaboradora adherida, conforme o modelo que se porá á disposición na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade (https://ebici.xunta.gal).
- Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.
- Cumprir cos criterios establecidos no convenio subscrito coa Dirección Xeral de Mobilidade.
- Actuar en nome e por conta da Dirección Xeral de Mobilidade para todos os efectos relacionados coa subvención, colaborando na xestión das subvencións.
- Conservar os xustificantes orixinais e o resto da documentación relacionada coa axuda durante un período de dous anos desde a súa concesión.
- Remitir copia dixitalizada da devandita documentación á Dirección Xeral de Mobilidade.
- Deixar clara constancia nos seus rexistros contables e así facilitar a adecuada xustificación da subvención e a comprobación do cumprimento das condicións establecidas.
- Cumprir coa normativa establecida para o desenvolvemento da convocatoria.
Máis información
Acceder ao procedemento de tramitación:
- Código de procedemento para entidades colaboradoras IF319A
- Código de procedemento para a solicitude de axudas para a compra IF319B
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.
Este resumo ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituír a información proporcionada nos documentos oficiais.