AXUDAS DO PROGRAMA APROL-ECONOMÍA SOCIAL 2023

As cooperativas e sociedades laborais constitúen unha das formas de emprender máis interesantes na actualidade. Se pensas que o teu proxecto empresarial encaixa na economía social ou estás pensando en incorporarte nunha cooperativa ou sociedade laborla xa constituída, podes solicitar as axudas do PROGRAMA APROL Economía Social na súa convocatoria para o 2023.

Aberto o prazo para a solicitude de subvencións da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para o fomento de emprego en cooperativas e sociedades laborais.  Este programa ten como finalidade  impulsar a incorporación de persoas desempregadas e persoas traballadoras temporais nas empresas de economía social dende dúas perspectivas: a través de incentivos para a entidade na que que incorpora  e a través dunha axuda para a persoa que accede como socia.

Programa de Axudas

Comprende os seguintes programas de axudas:

  • Programa I: fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais.
  • Programa II: fomento do acceso á condición de persoa social.

Programa I: fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais (TR802G).

Persoas beneficiarias

Este programa ten por obxecto apoiar o emprendemento en economía social e establecer incentivos para o fomento da incorporación de persoas socias traballadoras ou de traballo en cooperativas ou sociedades laborais, con carácter indefinido ou a proba.

Poderán acollerse aos incentivos previstos neste programa as cooperativas e sociedades laborais que incorporen como persoas socias traballadoras ou de traballo con carácter indefinido, en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia, as seguintes persoas no momento da incorporación:

  • Persoas  desempregadas inscritas como demandantes de emprego.
  • Persoas que estean vinculadas á cooperativa ou sociedade laboral por un contrato de traballo fixo descontinuo.
  • Persoas que sexan socias a proba da cooperativa a que se incorporan, sempre e cando estiveren desempregadas e inscritas como demandantes de emprego no momento de incorporarse como tales persoas socias a proba.
  • Persoas que sexan asalariadas dunha empresa que se transforme nunha cooperativa ou sociedade laboral, sempre que non teñan a condición de socias da empresa transformada.

Tamén poderán acollerse a estes incentivos as cooperativas e sociedades laborais que incorporen en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia, como persoas socias traballadoras ou de traballo a proba, persoas menores de 30 anos (ou menores de 35 anos cando se trate de persoas con discapacidade) que no momento da incorporación estean desempregadas e inscritas como demandantes de emprego.

Contía da axuda

Por cada persoa que se incorpore con carácter indefinido e a xornada completa, a subvención ascenderá a 6.000,00 € con carácter xeral.

Estas contía pódese incrementar nas seguintes porcentaxes, acumulables entre si:

  • Un 25 % se a persoa incorporada é unha muller.
  • Un 25 % se a persoa incorporada ten discapacidade ou se atopa en situación ou risco de exclusión social.
  • Un 25 % se ten unha discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción laboral que cumpra as condicións do artigo 5.d) da orde.
  • Un 25 % se a persoa incorporada ten máis de 45 anos.
  • Un 25 % se a persoa incorporada ten a condición de emigrante retornada.
  • Un 25 % se a persoa ten a condición de trans.
  • Un 25 % no caso de que o centro de traballo estea situado nun concello rural.
  • Un 25 % se se trata dunha cooperativa xuvenil.
  • Un 25 % se se trata de unha entidade de nova creación constituída inicialmente con catro ou máis persoas socias traballadoras.

Por cada mozo ou moza incorporada como persoa socia traballadora ou de traballo a proba a subvención ascenderá a 600,00 € ao mes, por un período de entre 6 e 12 meses.

Cando a dedicación sexa a tempo parcial ou en condición de fixo descontinuo, a contía dos incentivos previstos nos números anteriores reducirase ao 50 %.

Programa II: fomento do acceso á condición de persoa social (TR802J)

Persoas beneficiarias

O obxectivo deste programa é facilitar o acceso á condición de persoas socias traballadoras ou de traballo, de cooperativas ou de sociedades laborais, así como ao fomento do acceso de persoas emprendedoras por conta propia á condición de socias de cooperativas. Para iso, concederase unha axuda para o financiamento das achegas económicas ao capital social que debe desembolsarse para a incorporación como socio ou socia.

Poderán ser persoas beneficiarias deste programa de subvencións:

1. As persoas que accedan á condición de persoa socia traballadora ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral con carácter indefinido que no momento da súa incorporación cumpran algunha das condicións seguintes:

  1. Estar desempregadas inscritas como demandantes de emprego.
  2. Ser persoas socias a proba da cooperativa á cal se incorporan.
  3. Ser persoas asalariadas da cooperativa ou sociedade laboral á cal se incorporan.
  4. Ser persoas asalariadas dunha empresa que se transforme nunha cooperativa ou sociedade laboral, sempre que non teñan a condición de socias da empresa transformada.
  5. Ser persoas socias traballadoras ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral a tempo parcial que accedan á mesma condición a tempo completo.

2. As persoas que, sendo desempregadas e inscritas como demandantes de emprego, emprendan unha actividade por conta propia e se incorporen nunha cooperativa como persoas socias con carácter indefinido, con compromiso de exclusividade, para comercializaren os seus produtos, obter subministracións, servizos e a asistencia técnica que precisen, sempre que teñan o seu domicilio social e fiscal en Galicia.

A incorporación como persoa socia na cooperativa deberá producirse dentro do prazo do 1 de outubro de 2022 ata o 30 de setembro de 2023. Entre o inicio da actividade por conta propia e a dita incorporación non poden ter transcorrido máis de dous anos.

No caso de socios e socias traballadoras ou de traballo, a incorporación poderá ser a xornada completa ou a tempo parcial. Cando a dedicación sexa a tempo parcial, deberá comprender como mínimo o 50 % da xornada ordinaria calculada en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, na xornada ordinaria legal.

Exclusións: Non poderá concederse esta subvención cando se trate da incorporación de persoas que tiveron a condición de socias na mesma cooperativa ou sociedade laboral nos dous anos anteriores á súa incorporación como socios ou socias. Tampouco poderá concederse esta subvención a persoas que obtivesen unha subvención para financiar a achega ao capital social de cooperativas ou sociedades laborais durante os últimos cinco anos.

Contía da axuda

A contía base da subvención é, con carácter xeral de ata 6.000,00 €, excepto no caso das persoas beneficiarias previstas no apartado e) anterior (socias a tempo parcial que pasen a xornada completa), no que a axuda sería de ata 3.000,00 €.

Estas contías pódense incrementar nas seguintes porcentaxes, acumulables entre si:

  • Un 25 % se a persoa beneficiaria é unha muller.
  • Un 25 % se ten discapacidade ou está en situación ou risco de exclusión social.
  • Un 25 % se ten unha discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción laboral que cumpra as condicións do artigo 5.d) desta orde.
  • Un 25 % se a persoa beneficiaria ten máis de 45 anos.
  • Un 25 % se a persoa beneficiaria ten a condición de emigrante retornada.
  • Un 25 % se a persoa ten a condición de trans.
  • Un 25 % no caso de que o centro de traballo está situado nun concello rural.
  • Un 25 % se se trata dunha cooperativa xuvenil.
  • Un 25% se se trata de unha entidade de nova creación constituída inicialmente con catro ou máis persoas socias traballadoras.
Prazo de presentación (para ambos programas)

Ata o 15 de setembro de 2023, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

Período de execución

Dende o 1 de outubro de 2022 ata o 30 de setembro de 2023.

A incorporación do traballador na sociedade debe estar comprendido entre esas datas.

Considerarase gasto subvencionable o efectivamente pagado no dito período, polo que a achega ao capital social debe estar desembolsado tamén entre esas datas.

Máis información

Consulta a ORDE do 9 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (programa Aprol-Economía Social) e se convocan para o ano 2023.

Acceder ao procedemento de tramitación:

Programa I Procedemento TR802G

Programa II Procedemento TR802J

Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *