BENEFICIARIOS
Poderán solicitar e beneficiarse das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases reguladoras, de xeito individual as empresas privadas, xa sexan persoas físicas que realicen actividade económica ou persoas xurídicas legalmente constituídas, que acrediten, coa solicitude de subvención, o cumprimento dos seguintes requisitos:
- Ter domicilio fiscal ou polo menos un centro de traballo en Galicia.
- Non ter contratado nin poder contratar en condicións de mercado, na localización obxecto de solicitude, servizos de banda larga ultrarrápida, con trinta (30) ou máis megabits por segundo de descarga (fluxo de datos no sentido da rede ao usuario), estando polo tanto illada das redes que prestan estes servizos.
- Non estar no marco de actuación de plans de despregamento en curso de redes de banda larga ultrarrápida, e estar polo tanto a empresa illada destas rede
- En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.
GASTO SUBVENCIONABLE
As subvencións están destinadas á contratación de servizos de banda larga ultrarrápida que cumpran os seguintes parámetros de nivel de servizo:
- Permitir unha taxa de transferencia nominal por usuario final no sentido da rede cara ao usuario de, polo menos, 100 Mbps medidos na saída do equipamento da rede do operador máis próximo ao usuario final (velocidade de baixada ou descarga), cunha garantía de caudal do 80 % (o 95 % do tempo)
- Permitir unha taxa de transferencia nominal por usuario final no sentido do usuario cara á rede de, polo menos, 100 Mbps medidos na saída do equipamento da rede do operador máis próximo ao usuario final (velocidade de subida ou carga), cunha garantía de caudal do 80 % (o 95 % do tempo)
- Permitir, mantendo todas as características do servizo inalteradas, a transferencia ilimitada de datos en ambos os sentidos (da rede ao usuario e do usuario á rede).
- Asegurar unha dispoñibilidade do servizo, nos termos de calidade de servizo mencionados de, polo menos, o 98 % medida en intervalos de meses naturais por usuario final.
- Asegurar que os parámetros de calidade de servizo (QoS) de transmisión de datos proporcionado (jitter, retardamento e taxa de perda de paquetes) son compatibles coa realización de comunicacións de voz e vídeo en tempo real.
- Resolver, polo menos, o 95 % das incidencias que supoñan un corte de servizo en vinte e catro (24) horas ou menos
As subvencións concedidas ao abeiro das presentes bases quedan sometidas ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos establecidos na normativa.
CONTÍA
A intensidade da subvención que se poida conceder a cada beneficiario coincidirá coa indicada na súa solicitude cun máximo de 20.000 euros de subvención por proxecto subvencionado, sen menoscabo das limitacións adicionais que estableza o marco normativo de aplicación
REQUISITOS DOS PROXECTOS
Todos os proxectos subvencionables deberán cumprir os seguintes requisitos:
- Que non estean iniciados na data de presentación da solicitude de subvención.
- Que sexan finalistas, é dicir, que no momento da certificación final cumpran os obxectivos e funcións para os cales se lles concedeu a subvención.
- Que sexan viables técnica, económica e financeiramente.
- Que se axusten ás especificacións indicadas nas presentes bases e as das convocatorias correspondentes que se diten.
- Que requiran dun gasto polo interesado de, cando menos, 2.000 euros (sen IVE) en condicións de mercado, en conceptos subvencionables, e que este gasto se corresponda coa oferta economicamente máis vantaxosa para o interesado, con independencia do posible financiamento público
PRAZO
O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 9 de maio do 2022.
MÁIS INFORMACIÓN
Para máis información podes consultar as bases na RESOLUCIÓN do 9 de marzo de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a empresas illadas en zonas rurais para a contratación de servizos de banda larga ultrarrápida, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 (código de procedemento PR604A) ou acudir á Sede Electrónica da Xunta.