Con esta liña de axudas da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración (procedemento TR353C), búscase mellorar a empregabilidade da mocidade e promover a retención do talento novo na nosa comunidade, subvencionando ás empresas que contraten persoas traballadoras menores de 30 anos por medio de contratos de formación para a obtención da práctica profesional ou de contratos de formación en alternancia.
As empresas terán a posibilidade de obter axudas para a contratación a través das seguintes liñas:
a) Liña 1: programa de prácticas, mediante contratos para a obtención de práctica profesional, subscritos con persoas traballadoras menores de 30 anos que estean en posesión de título universitario (grao, máster ou doutoramento), ou título de grao medio ou superior, especialista, máster profesional ou certificado do sistema de formación profesional.
b) Liña 2: programa de formación en alternancia, mediante contratos de formación en alternancia que se realicen con persoas traballadoras menores de 30 anos, e que poderán levar a cabo con persoas que carezan da cualificación profesional recoñecida polas titulacións ou certificados requiridos para concertar un contrato formativo para a obtención de práctica profesional regulada na liña 1.
Beneficiarios
Poderán solicitar estas subvencións as empresas e persoas empregadoras, calquera que sexa a súa forma xurídica (incluídas persoas autónomas, comunidades de bens e sociedades civís).
Requisitos relativos ao contrato:
- As contratacións deben realizarse mediante a subscrición de contratos para a obtención da práctica profesional (contrato en prácticas) ou mediante contratos de formación en alternancia (contrato de formación).
- As contratacións faranse para prestar servizos en centros de traballo radicados en Galicia.
- Deberán ser a xornada completa e cunha duración mínima de 12 meses.
- Contratos realizados entre o 16 de outubro de 2024 e o 15 de outubro de 2025.
- Máximo de 3 contratos subvencionables por empresa.
Requisitos xerais que deben cumprir as persoas que se contraten: deberán cumprir os seguintes requisitos no momento da contratación:
- Ter máis de 16 anos e menos de 30.
- Estar desempregadas e inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia (preferentemente paradas de longa duración).
- Non ter unha experiencia profesional superior a un ano no mesmo grupo de cotización en que van ser contratadas.
Requisitos adicionais no caso da liña 1 (contratos en prácticas):
- Estar en posesión de título universitario, título de grao medio ou superior, titulación de especialista, máster profesional ou certificado do sistema de formación profesional ou título equivalente de ensinanzas artísticas ou deportivas do sistema educativo, que habilite ou capacite para o exercicio da actividade laboral.
- O contrato de traballo para a obtención de práctica profesional deberá concertarse dentro dos tres anos seguintes á terminación dos correspondentes estudos (ou dos cinco anos, no caso de persoa con discapacidade).
- Non se poderá subscribir con quen xa obtivese experiencia profesional ou tivese realizado actividade formativa na mesma actividade dentro da empresa por un tempo superior a tres meses.
Requisitos adicionais no caso da liña 2 (contratos en formación):
- Carecer da cualificación profesional recoñecida polas titulacións ou certificados requiridos para concertar un contrato formativo para a obtención da práctica profesional. Poderanse realizar contratos vinculados a estudos de formación profesional con persoas que posúan outra titulación sempre que non tivesen outro contrato formativo previo nunha formación do mesmo nivel formativo e do mesmo sector produtivo.
Contía das axudas
A subvención inclúe os custos totais de contratación, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social e será abonada nun único pagamento tras a xustificación correspondente, coas seguintes contías máximas de axuda:
- 16.625 € para as persoas contratadas nos grupos de cotización 1 e 2.
- 13.300 € para as persoas contratadas nos grupos de cotización 3 a 7.
- 9.975 € para as persoas contratadas nos grupos de cotización 8 a 11.
Prazo
O prazo de solicitude comeza o 27/05/2025 e remata o 30/09/2025.
Outra información importante a ter en conta:
- As axudas resolveranse en réxime de concorrencia competitiva, é dicir, por orde de presentación de solicitudes (considerando a data na que se teña presentado a documentación completa requirida nas bases), ata o esgotamento do crédito
- Estas axudas están sometidas ao réxime de mínimis
- Estas subvencións son incompatibles con outras para o mesmo obxecto e finalidade.
- Os contratos de traballo subscritos coas persoas traballadoras seleccionadas deberán comunicarse necesariamente a través da aplicación CONTRAT@.
- Cando se produza a extinción do contrato incentivado antes de que finalice o período de 12 meses, a persoa empregadora ou empresa beneficiaria deberá proceder ao reintegro total da axuda (agás no caso de baixa voluntaria ou falecemento da persoa traballadora, que poderá poderá optar por substituíla, nun prazo máximo de 15 días.
- As persoas empregadoras e empresas beneficiarias das axudas previstas nesta orde que non leven a cabo, como mínimo, un 50 % das contratacións que lles sexan concedidas serán excluídas da vindeira convocatoria
Máis información
Acceder ao procedemento de tramitación: código de procedemento TR353C
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.
Este resumo ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituír a información proporcionada nos documentos oficiais.