O obxecto destas axudas convocadas pola Axencia de Turismo de Galicia no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU é financiar actuacións para a mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos situados no medio rural de Galicia, co obxectivo de promover a calidade e sustentabilidade do turismo rural na comunidade autónoma. Tamén se busca poñer en valor a oferta de balnearios e talasos de Galicia, abrindo novos mercados e atraendo máis usuarios.
Beneficiarios
Poderán ser beneficiarias as persoas físicas ou xurídicas, tanto PEMES como grandes empresas, titulares de establecementos turísticos de aloxamento clasificados como:
- Hoteis balneario
- Hoteis talaso
Requisitos adicionais:
- Os establecementos deben estar inscritos e autorizados no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (REAT).
- Deben ter o proxecto localizado en Galicia.
- O establecemento debe:
- Ter circuítos termais.
- Ofrecer tratamentos con augas mineromedicinais ou do mar.
- Debe presentarse unha memoria explicativa con:
- Descrición dos servizos e tratamentos ofertados.
- Número e cualificación do persoal do balneario/talaso.
- Horarios e circuítos dispoñibles.
- Debe acreditarse a propiedade do inmoble ou dereito suficiente sobre este para levar a cabo a actuación e manter a actividade durante o período requirido.
Exclusións:
Non poderán obter a condición de beneficiarias as empresas que:
- Estean incursas nas prohibicións do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
- Estean en crise (segundo o Regulamento UE 651/2014).
- Estean suxeitas a unha orde de recuperación por axuda ilegal.
- Incumpran os prazos de pago (se a subvención supera os 30.000 €).
- Fosen sancionadas por infracción grave ou moi grave en materia de turismo pola Axencia de Turismo de Galicia nos últimos 2 anos.
Actividades subvencionables
Están estruturadas en tres liñas principais:
Liña 1 – Reforma ou rehabilitación de hoteis balneario e hoteis talaso que apliquen criterios de sostibilidade (deberá xustificarse cunha memoria explicativa).
- Obras de rehabilitación ou reforma de instalacións.
- Equipamento necesario (exclúense enxoval, decoración, etc.).
- Instalacións que reduzan a pegada de carbono: cubertas vexetais, optimización do ciclo da auga, etc .
- Elaboración do proxecto técnico (máx. 5% do investimento, límite: 5.000 €).
Liña 2 – Medidas de eficiencia enerxética e economía circular, que contribúan a mitigar o cambio climático.
- Instalacións de:
- Enerxía solar fotovoltaica
- Enerxía solar térmica
- Enerxía xeotérmica
- Biomasa
- Sistemas de almacenamento e monitorización enerxética.
- Requisitos técnicos e ambientais específicos para cada tecnoloxía.
Liña 3 – Difusión da cultura termal galega: actuacións encamiñadas á difusión da cultura termal galega e do turismo de saúde.
- Xornadas, publicacións e campañas sobre o valor terapéutico das augas.
- Programas de difusión da cultura termal e do turismo de saúde, divulgación cultural e recursos naturais vinculados ao termalismo.
Contía das axudas
- Para a liña 1, a intensidade da axuda será do 80% sobre un investimento máximo de 300.000 €
- Para a liña 2 a intensidade da axuda será do 80% sobre un investimento máximo de 60.000 €
- Para a liña 3 a intensidade da axuda será do 80% sobre un investimento máximo de 15.000 €
A axuda máxima por empresa estará limitada tamén polos criterios de minimis.
Prazo de solicitude
O prazo de presentación comeza o 17 de maio de 2025 e remata o 17 de xullo de 2025.
Outra información importante a ter en conta
- Cada persoa interesada poderá presentar como máximo unha solicitude de axuda por cada establecemento.
- As axudas concederanse en réxime de concorrencia non competitiva, por orde de rexistro de entrada das solicitudes presentadas ata que se esgote o orzamento da convocatoria.
- Os gastos subvencionables deberán estar realizados e pagados entre o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no DOG e o 30 de xuño de 2026.
- De ser necesaria para levar a cabo a actuación para a cal se solicita a subvención, deberase contar co título habilitante oportuno (licenza de obras ou comunicación de inicio de obras, ou autorización sectorial correspondente, segundo proceda).
- Estas axudas son incompatibles con calquera outra subvención, axuda e ingreso ou recurso que teña a mesma finalidade.
- As persoas beneficiarias terán a obriga de manter o investimento subvencionado e a titularidade durante un período mínimo de cinco anos, no caso de grandes empresas, e tres anos para pequenas e medianas empresas. En todo caso, o dito prazo será de cinco anos cando se trate de bens inscritibles nun rexistro público, de conformidade co disposto no artigo 29.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Máis información
Código de procedemento para a tramitación: TU985H
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.
Este resumo ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituír a información proporcionada nos documentos oficiais.