Entrevista Navia3D

Entrevista realizada por Lucía Pardo e Susana Paredes, do Programa de Emprego »Maiv Garantía Xuvenil 20»

Conversamos con Rita e Simón, emprendedores, creadores de Navia3D e usuarios do Servicio de Asesoramento a Emprendedores (SAE).

Forman un equipo multidisciplinar enfocados na renderización de proxectos e particularmente de patrimonio. Aplican as novas tecnoloxías para adaptarse ás necesidades dos seus clientes. 

-Como naceu o proxecto?

Rita: Este proxecto naceu hai uns anos cando estaba estudando o máster en Barcelona e xurdiu a idea de crear unha empresa de base tecnolóxica nunha fin de semana de virtualización de patrimonio. A partir de aí comezamos a traballar nesa, e aquí estamos.

– Como definiriades a actividade da vosa empresa? 

Simón: Nunha frase curta, nós resumimos Navia 3D coma “Unha ponte entre o patrimonio e a tecnoloxía”. Un pouco dar esas ferramentas de tecnoloxía cara o cambio do patrimonio. 

-Que é o que vos motiva?

Rita: A min unha cousa que me está gustando moito é o feito de estar aprendendo e actualizándote constantemente e, sobre todo, ese aspecto tan creativo que ten. 

-Continuades en formación do voso campo?

Os dous: Si, case a diario. 

Simón: Cada proxecto é un minirreto de tentar facelo cada vez mellor. Ás veces pensas: »Mira, estas utilidades van ben para este proxecto ou para este outro…» Así que si, estamos en formación continua.

-Que vos diferencia da competencia?

Rita: Unha empresa de 3D xenérica non ten a formación que nós temos en Arqueoloxía e Interpretación

Simón: O resumo fácil é que empregamos as nosas competencias profesionais para os nosos servizos. Rita ten formación en Arqueoloxía, e atopar unha arqueóloga que deseñe 3D considero que é un factor diferenciador á hora de apostar pola nosa empresa. Pola miña parte, eu aporto unha visión máis tecnolóxica, xa que o meu campo é o deseño paramétrico e o deseño industrial. Ás veces hai cousas que requiren un pouco estas dúas visións e quedan resultados moi chulos. Despois, todos eses aspectos relacionados cos servizos de fotogrametría, coma o escaneo 3D, nós enfocámolo empregando diferentes combinacións de solucións un chisco tecnolóxicas que se utilizan noutros campos, o que aporta unha optimización do proceso. Resumidamente, estas son unhas poucas ideas que nos axudan nos proxectos. Somos proactivos.

-Cal foi o proxecto que máis vos gustou facer? (Ou do que máis orgullosos están)

Rita: A verdade é que non sabería escoller un, porque estou moi contenta con todos. Todos teñen algo… aínda que se teño que escoller sí ou sí, probablemente quedaríame co primeiro porque é o primeiro. Pero vamos, que todos teñen un pouco de ti. É como cando che preguntan: que fillo queres máis? (risas) Teñen todos as súas cousas.

-Como vos vedes en 5 anos?

Rita: A min gustaríame que Navia estivera máis consolidada e tivera as ideas moitísimo máis claras que agora que estamos comezando a entrar no mundo. Gustaríame poder realizar máis servizos e poder tirar pola realidade virtual e a realidade aumentada e cun maior equipo de xente traballando connosco, aprendendo moitas máis cousas. 

– Imaxinastes que emprenderiades algunha vez?

Rita: Até que chegou o momento nunca se me pasara pola cabeza.

– Credes que ser novo beneficia ou prexudica á hora de emprender?

Simón: Eu creo que pode ser un pequeno lastre porque non se adoita pór á xente nova en valor.

Rita: Ás veces síntome coma que dou paus de cego pola propia inexperiencia de ser novo. 

-Como foi emprender nun sector onde o material técnico é tan caro e tan importante? 

Rita: Caro, caro tampouco pensamos que sexa. Eu estiven traballando noutra empresa, o que me permitiu aforrar un diñeiro para mercar un ordenador. En comparación con outros negocios, a inversión foi mínima. 

Simón: Aínda que pareza super tecnolóxico e que empregamos ferramentas caras, a realidade é distinta. Buscando e optimizando recursos non é un negocio caro cunha inversión inicial elevada. Mesmo as impresoras 3D, se estudas ben as necesidades do mercado e que utilidades trae non necesitas mercar unha profesional de 5.000 euros, sobre todo nas primeiras etapas. 

-Como foron os vosos comezos? Foron como esperabades?

Simón:  Ó principio, durante a fase empresarial, atópaste moi perdido, xa que alguén che di unha cousa e outro outra. O que fixemos foi informarnos a tope, ver segundas e terceiras opinións. Todo o que puidese axudar era benvido.

-Que é o mellor e o peor de emprender con alguén?

Rita: Eu non teño nada negativo que decir xa que traballamos moi a gusto e nos entendemos ben.

Simón:  O bo é que tes compañeiro de equipo (neste caso compañeira) e tes o apoio. O malo?  No noso caso non se deu nada pero ó final hai que ser consicente que o negocio é de dúas persoas. 

-Que lle diriades a alguén que quere emprender e non dá o paso?

Simón: Pois nada, que dé o paso xa, así de claro (risas). Non hai cousas super complicadas e todo se pode pouco a pouco, que non teñan medo a equivocarse. 

Rita: E que non teñan medo a que as ideas poidan ir cambiando. O importante é ir sempre cunha mentalidade aberta xa que vai axudar moito. 

– Como coñecestes a MAIV?

Simón: Fai uns meses estabamos no proceso de creación e estabamos en búsqueda intensiva de programas de axudas ou asesoramento.  Sobre todo o que precisabamos era ver opinións para non cagala, así literalmente, e poder facelo ben. Ata que un día…

Rita: Un día, buscando por Internet, atopei a MAIV e decidimos ir a ver se podían asesorarnos. Así foi coma comezamos a falar con Pedro, que logo a maiores nos deu a oportunidade de traballar co Obradoiro de Emprego.

-Considerades que recibistes a axuda/asesoramento que precisabades?

Simón: Si. Un exemplo é que nós non tiñamos imaxe corporativa e ó principio non tes diñeiro para pagar a un deseñador. Nós non temos a capacidade para facer un deseño, polo que nese sentido axudounos moito, sobre todo nesa fase inicial. 

-Recomendariades estes servizos? 

Simón: Si, porque nas etapas iniciais todo é axuda (e boa). 

Rita: Ás persoas achegadas que están emprendendo xa lles falamos de vós e lles ensinamos o voso traballo. 

-Tendes publicados os vosos proxectos nalgunha rede social?

Rita: Temos como novidade www.navia3d.es . Trátase da nosa web 1.0 onde podes atopar algúns dos nosos traballos, e logo as nosas redes sociais: Instagram, Facebok e LinkedIn, onde nos podes atoparnos como Navia 3D en todas elas.

-Se a alguén lle interesa o voso proxecto, como pode porse en contacto convosco?

Simón: O noso correo é info@navia3d.es

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *