A Deputación de Pontevedra, dentro do desenvolvemento de políticas que fomenten o principio de igualdade, pon en marcha o programa “Fiando Redes”, mediante o cal pretende impulsar a participación social e cultural da muller, e visibilizar o traballo e o papel das profesionais que participan no programa.
PERSOAS BENEFICIARIAS
Este programa vai destinado a asociacións de mulleres e outras asociacións, federacións e fundacións sen fins de lucro da provincia de Pontevedra que teñan como obxectivo prioritario e ámbito de actuación a promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.
Quedan expresamente excluídas do ámbito do programa as solicitudes efectuadas por persoas particulares, empresas, concellos, comunidades de montes, clubs deportivos, centros educativos e ANPA.
ACTIVIDADES DO PROGRAMA
A Deputación de Pontevedra ofertará dentro deste programa actividades de temática inclusiva e con perspectiva de xénero, enmarcadas en cinco bloques:
- Encontro con escritoras: reunión con diferentes escritoras galegas co que se pretende dar a coñecer e poñer en valor a creación literaria ao tempo que se fomentan a lectura, a escritura creativa e a oralidade. Ademais quérense fomentar a través da literatura valores coma a solidariedade, a tolerancia, a igualdade e a non violencia
- Acción escénica: pezas artísticas onde se integran a escenificación e a interpretación, o teatro, a música e o baile
- Música: actuacións musicais de diferentes artistas musicais galegas
- Mural: intervención mural. Realización dunha actividade atractiva e colaborativa con perspectiva de xénero
- Faladoiros: realización de actividades de formacións en relación coa igualdade e a prevención da violencia de xénero.
As entidades interesadas deberán solicitar, como máximo, cinco actividades por orde de prioridade entre as ofertadas, concedéndoselle a cada entidade unha soa actividade en función da dispoñibilidade e a orde de petición.
PRAZO
O prazo de presentación de solicitudes remata o 11 de marzo do 2022
MÁIS INFORMACIÓN
A través da Páxina Web da Deputación, podes consultar as bases e levar a cabo a tramitación en liña.