BENEFICIARIOS
Terán a calificación de beneficiarios para os efectos desta convocatoria os seguintes:
- Persoas físicas que non realicen ningunha actividade económica pola que ofrezan bens e/ou servizos no mercado.
- Entidades ou organizacións públicas ou privadas, sen ánimo de lucro, ou persoas xurídicas que non realicen ningunha actividade económica pola que ofrezan bens e/ou servizos no mercado, que acrediten a posta á disposición de colectivos vulnerables de vivendas sociais, sen que se poida considerar actividade económica
- As persoas físicas que realicen algunha actividade económica, pola que ofrezan bens e/ou servizos no mercado.
- Comunidades de propietarios, reguladas pola Lei 49/1960, do 21 de xullo, sobre propiedade horizontal, que terán que cumprir co previsto na Lei 38/2003, do 17 de novembro.
- As entidades locais e do sector público institucional de calquera Administración pública a que se refire o artigo 2.2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, cando se poida excluír a existencia de axuda de estado. Considerarase que se pode excluír a existencia de axuda de Estado cando estas non realicen ningunha actividade económica pola que ofrezan bens e/ou servizos no mercado, estean considerados servizos de interese económico xeral, ou cando as medidas carezan de impacto sobre o comercio entre Estados membros ao ter un impacto puramente local. Nestes casos, só poderán recibir axudas destinadas á realización de instalacións de xeración de enerxía térmica con fontes renovables en vivendas que sexan de propiedade pública.
Poderán ser entidades colaboradoras as que cumpran os seguintes requisitos:
- Entidades privadas con personalidade xurídica, validamente constituídas, así como os empresarios individuais sempre que, en ambos os dous casos, teñan o seu domicilio social ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e que acrediten as condicións de eficacia e solvencia técnica e económica que se establecen neste artigo.
- Será necesario que as entidades colaboradoras sexan persoas físicas ou xurídicas que presentasen unha declaración responsable como empresa de instalacións térmicas en edificios e que figuren inscritas no Rexistro Integrado Industrial do ministerio competente en materia de enerxía.
As entidades colaboradoras actuarán en nome e por conta do órgano concedente para todos os efectos relacionados coa subvención, colaborando na xestión desta e sen que isto implique a entrega e distribución dos fondos públicos ás persoas beneficiarias, que recibirán o importe da axuda directamente do Inega.
Na súa relación co Inega, as entidades colaboradoras realizarán as seguintes funcións:
- Realización ante o Inega dos trámites para solicitar a axuda.
- Desenvolvemento das accións vinculadas á convocatoria.
- Xustificación da axuda ante o Inega.
GASTO SUBVENCIONABLE
Son subvencionables os Proxectos que buscan incentivar a creación de instalacións de enerxías renovables térmicas no sector residencial e a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión.
- Este proxectos deben estar executados con posterioridade á publicación do Real Decreto 477/2021 de 29 de xuño, polo que se regula o programa de incentivos ligados ao autoconsumo e ao almacenamento con fontes de enerxía renovables, no BOE núm. 155, do 30 de xuño de 2021. Tanto as facturas como os xustificantes de pagamento deberán levar data posterior á da publicación do Real Decreto.
- As actuacións subvencionables atenderán ao recollido na citada normativa e en particular ao Anexo I, apartado segundo, e ao Anexo III.
PRAZO
- Prazo para entidades colaboradoras: O prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras remata o 2 de xaneiro de 2024.
- Prazo para solicitudes de beneficiarios xerais: O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará, segundo a tipoloxía do proxecto, nas seguintes datas:
- Xeotermia e hidrotermia: o 15 de decembro de 2021, ás 9.00 horas.
- Aerotermia: o 16 de decembro de 2021, ás 9.00 horas.
- Biomasa e solar térmica: o 17 de decembro de 2021, ás 9.00 horas.
O prazo de presentación de solicitudes de axuda finalizará o 2 de xaneiro do 2024 para todas as tipoloxías de proxectos.
MÁIS INFORMACIÓN
Para máis información pode consultarse a RESOLUCIÓN do 28 de outubro de 2021 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa de incentivos 6 vencellado á realización de instalacións de enerxías renovables térmicas no sector residencial, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia europeo, financiado pola Unión Europea (Códigos de procedemento IN422L e IN422M) e a Sede Electrónica para o procedemento de realización de instalacións de enerxías renovables térmicas (Código IN422M) e para o procedemento de adhesión de entidades colaboradoras na xestión (Código IN422L)