PREMIOS #MULLERES NO FOCO 2024

Xa está aberta a convocatoria dos Premios #Mulleres no Foco, cuxa finalidade é incentivar, apoiar e recoñecer o papel das mulleres profesionais galegas do audiovisual a súa participación no sector.

A Deputación de Pontevedra, sendo consciente da necesidade de reducir as fendas de xénero aínda existentes, convoca en colaboración coa Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais a IV edición dos Premios #Mulleres no Foco ás mulleres do sector audiovisual.

Trátase dunha convocatoria aberta na que se distinguirán perfís con perspectiva de xénero, activistas polo recoñecemento da muller no sector e impulsoras do emprego feminino no audiovisual galego.

DESTINATARIAS

Mulleres profesionais do audiovisual galego

*As premiadas nas pasadas edicións non poderán ser propostas para esta nova edición.

OBXECTO DOS PREMIOS

Estes premios recoñecen a achega destacada das  mulleres que traballan no sector audiovisual galego, preferentemente a través dunha obra realizada e presentada ou un labor profesional especialmente salientable levado a cabo durante o ano 2023, ou tamén pola súa traxectoria profesional consolidada. 

O xurado analizará as candidaturas presentadas e valoraraas tendo en conta a traxectoria e o talento das candidatas, a inclusión da perspectiva de xénero nos seus traballos, e o activismo na defensa e no recoñecemento do talento feminino no sector audiovisual.

O xurado poderá contar coa presenza e coa asistencia de expertas e expertos nas diferentes áreas e solicitar canta información adicional considere oportuna para a súa resolución.

COMO PRESENTAR A SOLICITUDE

As candidaturas a estes premios deberán ser presentadas polas persoas que formen parte do xurado dos premios ou polas entidades locais, culturais ou profesionais de ámbito galego que pola súa natureza ou obxectivos estean relacionadas co sector audiovisual.

As candidaturas presentaranse por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na Sede electrónica da Deputación de Pontevedra.

Xunto coa solicitude, deberá achegarse a seguinte documentación:

  • Currículo da candidata
  • Proposta razoada, na que se inclúa información sobre o proxecto ou o labor salientable realizados en 2023 polos que se propón como candidata
  • Calquera documentación que se estime necesaria para a posterior valoración por parte do xurado

PREMIOS

Haberá tres premios de 5.000 € cada un.

Estes premios entregaranse nun acto público que lles será notificado ás premiadas con antelación.

O xurado reservará o dereito a declarar deserto algún dos premios.

PRAZO

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 10 de outubro de 2024.

MÁIS INFORMACIÓN

BASES REGULADORAS DA CUARTA EDICIÓN DOS PREMIOS #MULLERES NO FOCO

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *