PREMIOS GALICIA DE INNOVACIÓN E DESEÑO 2023

A Axencia Galega de Innovación (GAIN), convoca a cuarta edición dos Premios Galicia de Innovación e Deseño 2023 coa finalidade de recoñecer o labor das persoas e empresas que contribúen significativamente ao desenvolvemento económico e social en Galicia a través da innovación e o deseño.

O certame conta con 6 categorías de premios: tres deles premian o esforzo e a traxectoria de profesionais e entidades galegas que sexan referentes no campo do deseño en Galicia e na aplicación do deseño como elemento de innovación,  competitividade e crecemento empresarial e os outros tres recoñecen a persoas e empresas galegas que representan o valor da innovación como un elemento clave para o desenvolvemento da estratexia profesional e do crecemento do mercado, respectivamente.

Categorías de premios

Dentro dos premios de innovación recóllense as seguintes modalidades:

  • Traxectoria innovadora
  • Grande empresa
  • Pequena e mediana empresa

Dentro dos premios de deseño recóllense as seguintes modalidades:

  •  Profesionais
  •  Empresa
  • Talento emerxente

Requisitos das candidaturas:

Poderán ser candidatas aos Premios Galicia de Innovación e Deseño as persoas físicas nacidas en Galicia e as persoas xurídicas que teñan polo menos un establecemento permanente en Galicia que manteña a súa actividade.

Ademais, dentro de cada modalidade establécense os seguintes requisitos:

  • Premios Galicia de Innovación: premiarán a persoas, empresas, institucións e organizacións que destaquen polo seu labor de posta en valor da innovación empresarial.
    • Modalidade «Traxectoria innovadora»: persoas físicas cunha traxectoria de polo menos dez anos en que a innovación fose unha das súas características relevantes.
    • Modalidade «Grande empresa»: grandes empresas cunha actividade innovadora de, polo menos, dez anos.
    • Modalidade «Pequena e mediana empresa»: pequenas e medianas empresas con demostrada actividade innovadora de polo menos cinco anos.
  •  Premios Galicia de Deseño: premiarán a persoas, empresas, institucións e organizacións que destaquen polo seu labor de posta en valor do deseño.
    • Modalidade «Profesionais»: profesionais do deseño (persoas físicas ou empresas) cunha traxectoria de polo menos cinco anos de recoñecido prestixio no sector.
    • Modalidade «Empresa»: empresas consolidadas que incorporasen o deseño á súa estratexia empresarial durante polo menos dez anos.
    • Modalidade «Talento emerxente»: dirixido a aqueles creadores, cunha idade que non supere os trinta e cinco anos no día de presentación da candidatura e cunha traxectoria profesional inferior a dez anos. Ademais, a modalidade «Talento emerxente» deberá contar, polo menos, con dous avais de persoas de recoñecido prestixio no ámbito do deseño.

Contía dos premios

Todos os premios disporán dunha dotación económica de 15.000 €, menos nos casos relativos ao Premio Galicia de Innovación «Grande empresa» e ao Premio Galicia de Deseño «Empresa», que terán un carácter estritamente honorífico.

Prazo

O prazo de presentación de candidaturas está aberto ata o 2 de outubro a  2023.

Máis información

Consultar as RESOLUCIÓN do 21 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras da IV edición dos Premios Galicia de Innovación e Deseño e se procede á súa convocatoria para o ano 2023.

Acceder ao procedemento de tramitación:

Consulta a Axencia Galega de Innovación (GAIN): Premios Galicia de Innovación y Diseño

Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *