O obxectivo desta convocatoria é seleccionar un máximo de 20 empresas galegas para participar no programa de aceleración para a internacionalización que organiza o Consorcio da Zona Franca de Vigo.
Esas 20 empresas elixidas recibirán gratuitamente de ViaExterior asesoramento e formación durante 8 meses, co obxectivo de acelerar a súa entrada nos mercados exteriores e definir un plan de internacionalización. Desta maneira, a aceleradora proporciónalle a cada participante un plan de internacionalización adaptado á súa estratexia de negocio; oportunidades de negocio; competencias e coñecementos; acceso ao financiamento; e unha rede de contactos en diferentes mercados.
Funcionamento
Pasada a fase de convocatoria e unha vez elixidas as empresas, estas pasarán durante oito meses polas seguintes fases:
- Estratexia: o que inclúe sobre todo formación (a través dun campus en liña) e titorización personalizada para a elaboración do plan de internacionalización.
- Aceleración: seguirán co plan de formación, recibirán coaching para a mellora de habilidades interpersoais, mentoring de mercados e farase recollida de información de interese para a empresa.
- Presentación e acceso a financiamento: incluirá obradoiros para a mellora de habilidades de comunicación, titorías para a presentación do proxecto (pitch) e participarán nun foro de presentación de proxectos ante entidades financeiras e organismos públicos.
Ademais impulsarase a cooperación entre as persoas e empresas participantes a través de actividades de networking, visitas a empresas, actividades outdoor,…
Beneficiarios
Poden presentarse á convocatoria as empresas de calquera sector de actividade con sede na Comunidade Autónoma de Galicia.
Poden participar empresas que se atopen en diferentes fases: dende pemes de recente creación pero con vocación internacional, ata empresas con relativa experiencia en mercados exteriores ou empresas xa internacionalizadas que queiran acceder a un novo mercado.
Obrigas
A empresa solicitante deberá asignar cando menos unha persoa do seu cadro de persoal interno como representante permanente da empresa ao longo de todas as fases do programa.
Requirirase un tempo de dedicación e traballo, con asistencia obrigatoria en venres alternos dende novembro 2025 a xuño 2026.
Prazo
As empresas candidatas a participar nesta 8ª edición de Vía Exterior, teñen de prazo ata o 30 de setembro para inscribirse.
Ademais, haberá un evento de presentación o mércores 10 de setembro, ás 9:30 h. no Círculo de Empresarios de Galicia (Av. García Barbón, 62 – Vigo).
Máis información
Consulta a presentación, as bases da convocatoria e o tríptico desta convocatoria.
Inscrición: Inscríbete a través do formulario de candidatura dispoñible en www.viaexterior.com
En caso de dúbidas sobre o proceso, as empresas poderán poñerse en contacto co CZFV: 986 269 700 ou no correo electrónico viaexterior@zonafrancavigo.com
Esta presentación ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituír a información proporcionada nos documentos oficiais.