CERTAME DE ARTES PLÁSTICAS NOVOS VALORES 2023

A Deputación de Pontevedra lanza a convocatoria para o ano 2023 dos Premios NOVOS VALORES, destinados a promover a formación de artistas noveis de Galicia.

Obxecto da subvención

Procedemento polo que se concederán os Premios Novos Valores 2023, destinados a promover a formación de artistas noveis.

Persoas destinatarias

Calquera artista, natural ou residente en Galicia, con idades comprendidas entre os 18 e os 35 anos na data de presentación da solicitude, das modalidades de pintura, escultura, debuxo, deseño, gravado, fotografía, cerámica e vídeo creación, entre outras, susceptibles de considerarse novos valores.

Importe do premio

Catro bolsas, cada unha por un importe de sete mil cincocentos (7.500,00) euros brutos, para que autoras e autores amplíen os seus estudos artísticos.

Características das obras

As obras que se presenten deberán ser orixinais e inéditas, polo que non se admitirán as xa expostas nas anteriores edicións deste certame ou noutras mostras, individuais ou colectivas, ou que participasen noutros concursos. (De ser o caso, a obra quedará automaticamente excluída.)

Só se aceptará unha obra por artista; o seu peso non máis de 500 kg e dimensións máximas  non excederán os 2 x 2 m ou os 2 x 2 x 2 m. 

As obras presentaranse que permitan a súa exposición directa, sen necesidade de manipulación nin de complexas instalacións posteriores.

Os debuxos, as pinturas e as fotografías irán sobre un soporte ríxido e sen cristal. De precisar protección, poderá ser metacrilato, policarbonato ou PVC.

No apartado de audiovisuais, admitiranse obras unicamente en soporte dixital  e o tempo de proxección non excederá os 5 minutos.

Se algunha autora ou autor desexase algún tipo de proxección especial ou específica, deberá proporcionar os aparellos técnicos necesarios para poder efectuala, sempre adaptados ao lugar no que se presente a obra.

Procedemento e fases do certamen

Constará de catro fases:

  1. Presentación de solicitudes.
  2. Selección de propostas.
  3. Presentación de obras seleccionadas.
  4. Concesión das bolsas.

Primeira fase: Presentación de propostas

As solicitudes presentaranse preferentemente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na Sede electrónica da Deputación de Pontevedra.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 16 de maio ( cinco días hábiles)

A persoa solicitante deberá achegar a proposta técnica da súa obra a través dunha oficina de asistencia en materia de rexistros da Deputación de Pontevedra

entre o 22 e o 26 de maio de 2023, na que se incluirán:

1. O modelo de presentación anónimo, no que debe constar o código do proxecto.

2. Ata cinco fotografías da obra nun formato admitido na Sede electrónica. No caso dunha produción audiovisual entregarase nunha memoria USB.

3. Unha memoria da obra que inclúa a súa ficha técnica (título, técnica, medidas, ano de realización) e a súa descrición (aspectos conceptuais, teóricos e metodolóxicos que permitan comprender mellor a obra, extensión máxima de oito páxinas DIN A4 en formato PDF).

4. Dossier cos traballos desenvolvidos para coñecer a súa traxectoria artística ( máximo de cinco páxinas DIN A4 en formato PDF).

5. Presentación, detallada e expresa da finalidade ou do destino formativo para o que se concorre á bolsa (formato PDF).

A documentación achegada deberá garantir o anonimato da ou do artista, polo que non conterá ningunha referencia, nin gráfica nin textual, que permita identificar a súa autoría.

Fase 2: Selección de propostas

Revisadas polo Museo de Pontevedra as propostas presentadas, xunto coa súa documentación técnica xustificativa, convocarase o xurado, que examinará, valorará e seleccionará ata un máximo de 25 propostas de entre as presentadas, coas que se conformará a mostra “Novos Valores 2023”, que estará aberta ao público no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra do 13 de xullo ao 17 de setembro.

Fase 3: Presentación da obra orixinal

Entrega

As obras seleccionadas para formar parte do Certame de Artes Plásticas Novos Valores 2023 entregaranse entre o 26 e o 30 de xuño de 2023, de 9 a 14 h, no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra.

Custodia:

As obras trataranse co máximo coidado por parte da Deputación de Pontevedra, con todo, correrán por conta e risco da autora ou autor da obra os danos que esta puidese sufrir por calquera causa durante o seu transporte, incluídos o roubo ou a perda durante o seu envío.

Reprodución das obras:

As obras seleccionadas reproduciranse ben na páxina web do Museo de Pontevedra , ben nun catálogo impreso que se editaría como complemento á exposición. 

Envío e devolución de obras:

Os gastos de envío e devolución das obras correrán por conta das persoas participantes, unha vez finalizada a exposición, as autoras e autores recollerán as súas obras nos cinco  días seguintes ao último no que estivesen expostas.

Fase 4: Concesión das bolsas

Coas obras seleccionadas xa expostas, e antes de inaugurar a mostra, convocarase de novo o xurado para que, unha vez examine e valore as obras, escolla as catro persoas autoras das obras merecedoras das bolsas.

Obras premiadas

As obras premiadas quedarán en posesión da Deputación de Pontevedra, que poderá levar a cabo as accións que considere oportunas para a súa difusión, e sempre fará constar a autoría.

A concesión da bolsa será obxecto dun convenio entre a persoa adxudicataria e a Deputación de Pontevedra no que se concretarán o seu emprego e o prazo, que non será superior a un  ano, para materializar a proposta.

No momento de asinar o convenio aboarase o 50 % do importe.

Transcorridos seis meses desde a sinatura do convenio, presentarase un avance da memoria xustificativa, no que se amosen os progresos realizados ata o momento, ( formato PDF).

O 50 % restante aboarase despois de entregar e aprobar a memoria xustificativa do traballo e do investimento realizado, que deberá presentarse nun prazo máximo dun ano desde a sinatura do convenio.

Exposición “Novos Valores 2023”

Sempre que as circunstancias o permitan, a Deputación de Pontevedra comprométese, a través do Museo de Pontevedra, a exhibir unha segunda vez e de maneira temporal as obras premiadas.

Máis información

Consulta  BASES DO CERTAME DE ARTES PLÁSTICAS NOVOS VALORES 2023

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *