BENEFICIARIOS
Poderán ser beneficiarios destas axudas aquelas entidades sen ánimo de lucro prestadoras de servizos sociais que establezan accións específicas de conformidade cos seus estatutos para a inserción, preferentemente, das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social, sempre que non estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
GASTO SUBVENCIONABLE
A subvención que percibirán as entidades beneficiarias consistirá nunha contía calculada tomando como referencia os custos salariais e de Seguridade Social dos axentes e das axentes de emprego e unidades de apoio que se van contratar segundo os termos previstos no artigo 5 da Orde.
As persoas contratadas como axentes de emprego, na súa colaboración na implantación das políticas activas de emprego, realizarán, entre outras, as seguintes funcións:
- Prospección de recursos ociosos ou infrautilizados, de proxectos empresariais de promoción económica local e iniciativas innovadoras.
- Difusión e estímulo de potenciais oportunidades de creación de actividade entre as persoas desempregadas con especiais dificultades de inserción laboral.
- Desenvolvemento, avaliación e execución de programas de acción encamiñados a favorecer a igualdade de oportunidades e a discriminación positiva.
- Acompañamento técnico no inicio de proxectos empresariais, asesorando e informando sobre a viabilidade técnica, económica e financeira destes.
- Apoio ás persoas promotoras de empresas, unha vez constituídas estas, acompañándoos tecnicamente durante as primeiras etapas de funcionamento.
- Calquera outra que contribúa á promoción e implantación de políticas activas de emprego, relacionadas fundamentalmente coa creación de emprego.
As persoas contratadas como unidades de apoio realizarán as tarefas recollidas no artigo 1.2 da orde, colaborando cos axentes de emprego no desenvolvemento das súas funcións
PRAZO
O prazo de presentación de solicitudes remata o 9 de decembro de 2021
MÁIS INFORMACIÓN
Para máis información pode consultarse a ORDE do 28 de outubro de 2021 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 e a Sede Electrónica da Xunta.