AXUDAS 2026 PARA O FOMENTO DA CONTRATACIÓN INDEFINIDA NA EMPRESA ORDINARIA

Publicada a convocatoria de axudas da Xunta de Galicia para o fomento da contratación indefinida por parte das empresas galegas (Programa Galicia Suma Talento: Emprégate), a través do que se subvencionan tanto a realización de novas contratacións indefinidas como a transformación en indefinidos de certos contratos formativos, o incremento de xornadas laborais parciais ou a adaptación de postos para persoas con discapacidade.

A finalidade desta axuda é facilitar a contratación de persoas desempregadas por conta allea, especialmente daqueles colectivos que atopan máis dificultades de inserción laboral, a través da concesión de cinco liñas de axudas:

a) Incentivos á contratación indefinida inicial de persoas desempregadas.
b) Incentivos ao incremento de xornada das contratacións indefinidas, de tempo parcial a tempo completo.
c) Incentivos ao incremento da duración anual dos contratos fixos-descontinuos a un mínimo de 9 meses.
d) Axudas para a adaptación de postos de traballo de persoas con discapacidade.
e) Transformación dos contratos formativos que fosen subvencionados con cargo ao programa de primeira experiencia profesional (TR353C).

Para que sexan subvencionables, as contratacións deben estar realizadas no período comprendido entre o 1 de outubro de 2025 e ata o 30 de setembro de 2026. No caso de incrementos de xornada ou duración anual, este incremento tamén deberá terse producido nese período.

Beneficiarios

Poderán ser beneficiarias:

  • As persoas empregadoras e empresas de calquera forma xurídica, incluídas autónomas, sociedades civís e comunidades de bens, que contraten traballadores/as para centros en Galicia.
  • Centros especiais de emprego, excepto para contratos con persoas con discapacidade.
  • As empresas de inserción laboral, excepto para contratos con persoas en risco de exclusión social.
  • Entidades sen ánimo de lucro.

Requisitos adicionais:

  • No caso de sociedades civís, comunidades de bens e unións temporais de empresas, deberá facerse constar expresamente os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención a aplicar para cada un deles. Deberán ademais nomear a unha persoa representante.
  • As empresas que teñan cincuenta ou máis persoas traballadoras deberán cumprir a cota de reserva para persoas con discapacidade (polo menos o 2% de traballadores con discapacidade sobre o total).

Exclusións:

Non poderán ser beneficiarias das axudas desta convocatoria:

  • As administracións públicas, as sociedades públicas e as entidades vinculadas o dependentes de calquera delas.
  • As persoas solicitantes que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego.

As empresas que non teñan elaborado e aplicado un plan de igualdade, cando polas características da empresa resultara obrigatorio.

Accións subvencionables e requisitos

Liña 1: Incentivos á contratación indefinida inicial de persoas desempregadas.

  • Os contratos subvencionables deberán ser de duración indefinida e a xornada, a tempo completo exceptuando o caso de que sexan contratacións de persoas desempregadas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social, que poderán ser a tempo completo ou a tempo parcial, cunha xornada mínima do 50%
  • A contratación deberá facerse cunha persoa desempregada e comunicarse a contratación nun prazo de 10 días hábiles desde o seu inicio a través da aplicación contrat@.
  • Exclúense os contratos fixos discontinuos.

Liña 2: Incrementos de xornada das contratacións indefinidas, de tempo parcial a tempo completo.

Os incrementos de xornada serán subvencionables cando acaden o 100% da xornada ordinaria ou establecida por convenio colectivo. Debe producirse no período subvencionable (do 01/10/2025 ao 30/09/2026) e sempre con anterioridade ou na mesma data da solicitude de axuda.

Liña 3: Incremento da duración anual dos contratos fixos descontinuos a un mínimo de 9 mensualidades e a xornada completa.

O incremento deberá ser de, polo menos, o 50% sobre a duración inicial do contrato que se incrementa e debe producirse tamén no período subvencionable.

Liña 4: Adaptación dos postos de traballo para persoas con discapacidade.

A adaptación debe darse nos postos ou na dotación de equipamentos de protección persoal co fin de evitar accidentes laborais, eliminar barreiras ou obstáculos que impidan ou dificulten o traballo das persoas traballadoras con discapacidade. A necesidade de levar a cabo a adaptación deberá contar cunha memoria de empresa na que se acredite dita necesidade e os gastos realizados.

Liña 5: Transformación en indefinidos dos contratos formativos subvencionados  con cargo ao programa TR353C (primeira experiencia profesional), nos dous anos previos á publicación desta orde.

Contía das axudas

Liña 1: Incentivos á contratación indefinida inicial de persoas desempregadas.

A contía varía segundo o colectivo ao que pertenza a persoa contratada:

  1. Persoa moza: 6.000€.
  2. Muller vítima de violencia de xénero, vítima de trata, desempregada de longa duración con fillos menores de 3 anos: 10.000€.
  3. Muller en ocupacións masculinizadas (ver anexo II da orde): 10.000€
  4. Persoa parada de longa duración: 6.000€.
  5. Persoa de 52 anos ou máis: 6.000€.
  6. Persoa emigrante retornada ou persoa estranxeira: 6.000€.
  7. Persoa con discapacidade ou en risco ou situación de exclusión social: 10.000€ (ou incentivo proporcional, no caso de xornada parcial).
  8. Persoa que nos 2 últimos anos obtivera un certificado de profesionalidade no marco de accións AFD ou obradoiros de emprego ou finalizara un programa integrado de emprego: 10.000€.
  9. Persoa que estivera contratada cun contrato formativo ao abeiro do Programa de primeira experiencia profesional nos 2 anos previos á publicación desta orde: 10.000 €.

Estas contías incrementarán nun 15% nos seguintes casos, sendo acumulables entre si:

  • Se o centro de traballo está situado nun concello rural.
  • Se a persoa contratada é maior de 45 anos (non aplicable no apartado e) anterior).
  • Persoas trans.
  • Muller (non aplicable na letra b) e c) do apartado anterior).

E incrementaranse nun 25% no caso de contratación de persoas que superasen os estudos vinculados ás bolsas de excelencia para a mocidade do exterior nos 2 anos previos á publicación desta orde.

A contía máxima posible que se subvencionará por persoa contratada con carácter indefinido é de 17.000€.

Liña 2: Incrementos de xornada das contratacións indefinidas, de tempo parcial a tempo completo.

Axuda de 2.000€. Se o incremento se realiza en contratos con persoas con discapacidade será de 3.000€.

Liña 3: Incremento da duración anual dos contratos fixos descontinuos a un mínimo de 9 mensualidades e a xornada completa.

O incentivo será de 4.000€.

Liña 4: Adaptación dos postos de traballo para persoas con discapacidade.

A axuda será de 1.000€.

Liña 5:  Transformación en indefinidos de contratos formativos subvencionados con cargo ao programa de primeira experiencia profesional.

Axuda de 5.000 €.

Prazo

As solicitudes de axuda poderanse presentar dende o 17 de febreiro ata o 30 de setembro de 2026. Non obstante, é importante ter en conta que as axudas concederanse por orde de presentación de solicitudes que inclúan a documentación completa, ata o esgotamento de crédito.

A ter en conta

No caso de concesión da axuda, a empresa ten a obriga de manter a persoa traballadora obxecto de subvención durante un período mínimo de TRINTA E SEIS meses contados desde a data de realización da contratación, do incremento de xornada, da duración anual do contrato fixo-descontinuo ou da adaptación de postos.

No suposto de baixa voluntaria, xubilación ou falecemento da persoa traballadora pola que se concedeu a subvención, ou no caso de excedencias, a entidade beneficiaria está obrigada a cubrir a vacante cunha nova contratación pola que se poida conceder unha subvención por importe igual ou superior ao da persoa que cause baixa e só se permitirá unha única substitución por persoa traballadora contratada.

Os solicitantes destas axudas poderán solicitar tamén as axudas dos Bonos Talento empresa para o desenvolvemento de proxectos formativos de curta duración, con código de procedemento TR302D, que están pendentes de convocatoria para o exercicio 2026.

Estas axudas están suxeitas a réxime de minimis.

Máis información

Consulta a ORDE do 29 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa GALICIA SUMA TALENTO: EMPRÉGATE, de incentivos á contratación na empresa ordinaria, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento TR342C).

CÓDIGO DE PROCEDEMENTO: TR342C

Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.

O contido desta presentación ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituír a información proporcionada nos documentos oficiais.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *