Estas axudas, convocadas pola Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) en réxime de concorrencia competitiva, están destinadas a financiar os traballos previos á produción, correspondentes á fase de desenvolvemento de proxectos de longametraxes de ficción, longametraxes de animación, longametraxes documentais, series de ficción e animación e series documentais. Todas as actuacións deben realizarse antes da produción e ter como destino final a exhibición en salas de cinema, televisión ou plataformas VOD.
Beneficiarios
Persoas físicas ou xurídicas constituídas como produtoras audiovisuais independentes e dadas de alta no epígrafe IAE 961.1 que teñan, cando menos un ano de antigüidade e un ano de actividade sen interrupcións no momento da publicación desta convocatoria e que ademais teñan:
- Unha sucursal ou oficina permanente en Galicia ou na UE/EEE con polo menos un ano previo de actividade e desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia.
- Un acordo ou precontrato cun director e/ou un guionista para o desenvolvemento do proxecto audiovisual.
- Como mínimo, a opción de compra dos dereitos de propiedade intelectual do concepto, tratamento, guión ou biblia do proxecto.
Quedan excluídas desta convocatoria as agrupacións de interese económico.
Actividades subvencionables e categorías de proxectos:
Serán obxecto de subvención aqueles proxectos audiovisuais sobre os que realizar traballos previos ao momento da produción da obra, entendendo como tales os relacionados co guión, financiamento, venda e distribución, xestión de dereitos, investigación, debendo poderse encadrar nalgunha das categorías seguintes:
- Proxecto de longametraxe cinematográfica de ficción.
- Proxecto de longametraxe cinematográfica de animación.
- Proxecto de longametraxe cinematográfica documental.
- Proxecto de serie para TV e/ou plataformas VOD de ficción ou animación.
- Proxecto de serie documental para plataformas VOD documental.
Para os efectos das presentes bases, terase en conta o seguinte:
- Os proxectos de longametraxe deberán prever unha duración mínima de 60 minutos e ter como destino final as salas de exhibición cinematográfica.
- Os proxectos de series de ficción deberán prever unha duración total mínima de 150 minutos.
- Os proxectos de series de animación e series documentais deberán prever unha duración total mínima de 100 minutos.
Conceptos de gastos subvencionables
Considéranse gastos subvencionables os directamente relacionados cos traballos de desenvolvemento, e que se poidan encadrar nas seguintes epígrafes:
- Dereitos: gastos relativos á adquisición de dereitos de autor ou de propiedade intelectual, tanto de adaptación de obra preexistente como de obra orixinal; escritura de guión ou reescritura del ata a versión definitiva; deseño de personaxes e fondos (animación); dereitos de tradución sempre que non sexa do galego para o castelán e viceversa; dereitos de imaxes, musicais, documentos sonoros, etc.
- Gastos de persoal: gastos de persoal que teñan subscrito un contrato específico, conforme a unha categoría laboral asignada para a realización da actividade subvencionada. Inclúense as tarefas de produción executiva, guionista, director/a da obra, dirección das tarefas de desenvolvemento, e outros gastos de persoal que non superen o 20 % da suma total dos anteriores.
- Gastos de asesoría ou consultoría: gastos externos necesarios para o desenvolvemento do proxecto, tales como asesoramento de escritura de guión, asesoramento para estratexias de promoción, márketing e comercialización de contidos audiovisuais, asesoramento legal e contable relacionado especificamente cos dereitos do proxecto e a súa estrutura de financiamento, asesoramento en traballos de investigación, etc.
- Gastos de elaboración de materiais: realización do teaser do proxecto; elaboración do storyboard; páxina web do proxecto, elaboración de dossiers e outros materiais directamente relacionados co proxecto que se deberán especificar e xustificar.
- Loxística e participación en mercados e/ou foros de negocio gastos de desprazamento, aloxamento e manutención derivados de traballos de localización de escenarios e asistencia a reunións e foros de negocio propios das tarefas de desenvolvemento
- Gastos xerais, sempre que non superen o 15% do importe de gastos subvencionables.
Hai que ter en conta que só se admitirán aqueles gastos que fosen realizados e pagados dentro do período de execución indicado na resolución da concesión da axuda.
Ningún dos custos sobre os que se solicita subvención poderán ser incorridos con carácter previo a esta presentación; de ser así, o proxecto na súa totalidade non sería subvencionable.
Contía das axudas
As axudas serán do 100% do gasto subvencionable, coas seguinte contías máximas en función do tipo de proxecto:
FINALIDADE DA OBRA | MODALIDADE | CONTÍA MÁXIMA |
Obras cinematográficas | Proxecto de longametraxe de animación | 30.000 € |
Proxecto de longametraxe de ficción | 25.000 € | |
Proxecto de longametraxe documental | 15.000 € | |
Obras audiovisuais para TV e plataformas | Proxecto de serie de ficción ou animación | 30.000 € |
Proxecto de serie documental | 20.000 € |
A puntuación total mínima que se deberá obter para que a solicitude resulte subvencionable é de 30 puntos para proxectos de ficción e animación e de 25 puntos para proxectos de documentais.
Cada solicitante poderá recibir axuda para un máximo de 2 proxectos e a contía total das axudas concedidas (incluíndo outras públicas) non poderá superar o custo total da actividade subvencionada.
Estas axudas son incompatibles con outras axudas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para o mesmo proxecto.
Prazo de solicitudes
Do 10 de xuño de 2025 ao 9 de xullo de 2025.
Máis información
Acceder ao procedemento de tramitación: código de procedemento CT207B
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.
Este resumo ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituír a información proporcionada nos documentos oficiais.