AXUDAS NA ÁREA DO PARQUE NACIONAL ILLAS ATLÁNTICAS 2025

Se tes un proxecto que contribúa ao coidado da natureza ou ao desenvolvemento da comunidade local dentro do territorio de influencia das Illas Atlánticas, non perdas esta oportunidade: poderán ser beneficiarios destas liñas, entre outros, as empresas que se atopen na área de influencia deste parque nacional único.

Esta convocatoria de axudas ten como finalidade promover o desenvolvemento sostible na área do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas (o que inclúe os concellos de Bueu, Ribeira, Vilagarcía de Arousa e Vigo), destinándose a actuacións que contribúan á conservación da biodiversidade, á protección do patrimonio natural e cultural e ao desenvolvemento de actividades económicas compatibles con estes principios, promovendo así o uso sustentable dos seus recursos naturais​.

As axudas previstas nesta orde outorgaranse por concorrencia competitiva.

BENEFICIARIOS

1. Entidades locais: concellos de  Bueu, Ribeira, Vilagarcía de Arousa e Vigo.

2. Entidades empresariais.

  1. Pemes cuxa sede social esta radicada na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas e cuxa actividade principal se desenvolva nesta área. Inclúense as empresas de inserción laboral e os centros especiais de emprego.
  2. Persoas autónomas ou comunidades de bens nalgún dos seguintes supostos:
    • Cando a súa residencia e actividade se localicen na área de influencia socioeconómica do parque nacional
    • Cando residan na área de influencia socioeconómica do parque nacional e pretendan implantar a súa actividade nela.
    • Cando non residan na dita área de influencia socioeconómica, pero realizan no interior do parque nacional actividades de carácter artesanal ligadas ao sector primario.

3. Persoas físicas.

As persoas físicas residentes e empadroadas na área de influencia socioeconómica do parque nacional, as titulares dunha concesión e as persoas propietarias dunha vivenda dentro do parque nacional.

4. Institucións sen fins de lucro.

As fundacións e asociacións sen ánimo de lucro legalmente constituídas e cuxa sede social ou a dalgunha das súas seccións ou delegacións estea na área mencionada, sempre e cando entre os seus fins estatutarios figure a realización de actuacións sostibles.

5. As entidades de dereito público constituídas ao abeiro dalgunha lexislación sectorial en materia de recursos naturais renovables e cuxa actividade estea relacionada co aproveitamento ordenado destes recursos na área de influencia do parque nacional.

ACTIVIDADES SUBVENCIONABLES

Serán obxecto de subvención os investimentos referidos a:

  • Actuacións efectivas de conservación da biodiversidade, tales como: restauración de ecosistemas degradados, conservación da biodiversidade, eliminación e control de especies exóticas, …
  • Modernización das infraestruturas urbanas, periurbanas e rurais destinadas ao uso xeral e á mellora dos servizos prestados pola Administración local.
  • Conservación ou restauración do patrimonio natural.
  • Eliminación de calquera tipo de impacto sobre os valores naturais ou culturais que xustificaron a creación do parque nacional, incluído o impacto visual sobre a percepción estética deste ocasionado por infraestruturas preexistentes.
  • Garantir a compatibilidade das actividades e dos usos tradicionais coa finalidade e cos obxectivos dos parques nacionais.
  • Conservación ou restauración do patrimonio arquitectónico.
  • Prestación de servizos de atención a visitantes e comercialización de produtos artesanais.
  • Mantemento ou á recuperación da tipoloxía construtiva tradicional, así como actuacións para acadar as condicións esixidas para a concesión da cédula de habitabilidade, dos edificios que se atopan en terreos do interior do perímetro do parque nacional e cumpran con certas condicións.
  • Divulgación e formación entre a poboación local dos valores e importancia do parque nacional e da conservación dos ditos valores.
  • Posta en valor ou á recuperación e divulgación do patrimonio arqueolóxico, etnográfico e cultural.

CONTÍA DAS AXUDAS

100% do investimento subvencionable, ata un importe máximo de 10.000€ no caso de concellos e 6.000€ nos demais casos.

PRAZO

O prazo de solicitudes está aberto ata o 27 de xaneiro de 2025.

COMPATIBILIDADES

Estas axudas serán compatibles con outras subvencións de calquera outra Administración pública para as mesmas finalidades, sempre e cando a suma das subvencións concedidas non supere o importe total dos gastos.

MÁIS INFORMACIÓN

Consulta a  ORDE do 28 de novembro de 2024 pola que se aproban as bases e a convocatoria  para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas na área  de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas  Atlánticas de Galicia para o ano 2025 (código de procedemento MT821A)

Acceder ao procedemento de tramitación:

CÓDIGO DE PROCEDEMENTO:  MT821A

Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.

O contido desta presentación ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituír a información proporcionada nos documentos oficiais.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *