PROGRAMA EMEGA 2024

Se es muller e vas emprender ou acabas de poñer en marcha un proxecto empresarial, infórmate sobre o programa Emega, catro liñas de axudas para fomentar o emprendemento feminino e promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais: liña Emprende, liña Activa, liña ITEF e liña Concilia.

A través do programa Emega 2024 a Consellería de Política Social e Igualdade convoca 4 liñas de axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a reactivación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres, ademais de medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como outras ferramentas para co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos empresariais promovidos por mulleres.

As liñas de axudas que comprende o programa son:

  • Liña Emprende: Axudas mediante incentivos para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.
  • Liña Activa: Axudas mediante incentivos para favorecer a reactivación, a consolidación de empresas constituídas por mulleres, ou a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade e que resulten necesarias para o mantemento do emprego por conta propia e por conta allea.
  • Liña ITEF: Axudas mediante incentivos para impulsar a implantación de iniciativas empresariais de carácter innovador, con contido ou con base tecnolóxica.
  • Liña Concilia: Axuda complementaria das liñas anteriores para promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, nas modalidades:
    • Concilia promotoras
    • Concilia persoas traballadoras por conta allea

Nesta publicación centrámonos en explicar a liña Emprende, liña Concilia e a liña ITEF, por ser as que poden solicitar as empresas de nova creación.

No caso de que se trate dunha empresa constituída fai máis de 3 anos, poderán acceder á liña Activa aquelas que presenten un proxecto de reactivación para o mantemento do emprego e para asegurar o necesario equilibrio empresarial ou un proxecto de mellora, sempre que cumpra os requisitos necesarios.

CONSIDERACIÓN COMÚNS A TODAS AS LIÑAS DE AXUDAS

Cando se trate de empresarias individuais, a solicitude seberá ser presentada pola traballadora autónoma.

Cando a actividade empresarial sexa realizada por unha sociedade civil, comunidade de bens, entidade sen personalidade xurídica, sociedade mercantil, cooperativa ou sociedade laboral, a solicitude de subvención deberá ser presentada por esta, e non serán válidas nin admisibles as solicitudes presentadas polas socias ou comuneiras a título persoal.

En todo caso, unha mesma persoa non pode solicitar a axuda como empresaria individual e ao mesmo tempo formar parte dunha empresa de tipo societario que tamén solicita a axuda.

Requisitos comúns en todas as liñas de axuda:

  1. Tratarse dunha empresa privada coa categoría de microempresa ou pequena empresa validamente constituída baixo calquera forma xurídica
    • Non poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades sen ánimo de lucro nin as empresas públicas ou participadas, agás que se trate de participacións minoritarias de carácter temporal ou préstamos participativos a través dalgún instrumento de apoio financeiro á iniciativa emprendedora.
  2. A actividade mercantil pode ser realizada por empresarias individuais, sociedades civís, comunidades de bens, entidades sen personalidade xurídica ou sociedades mercantís, incluídas as sociedades laborais, as cooperativas de traballo asociado e as sociedades profesionais.
    • Nas empresas de tipo societario, a administración da empresa teñen que exercela exclusivamente mulleres. Ademais, o capital social estará maioritariamente subscrito por mulleres, no caso de pequenas empresas, e integramente subscrito por elas cando se trate de microempresas
  3. Ter domicilio social e fiscal, así como establecemento de produción ou comercial en Galicia.
  4. Todas as promotoras das empresas beneficiarias das axudas deben estar de alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional e estar vinculadas laboralmente á empresa desenvolvendo de forma habitual a súa actividade profesional nela.
    • Para os efectos deste programa, non se terán en conta as autónomas colaboradoras.
  5. Para os efectos deste programa, os postos de traballo por conta allea con contrato indefinido a tempo parcial só se terán en conta cando a xornada de traballo non sexa inferior ao 50 % da xornada ordinaria de traballo.
    • Así mesmo, os postos de traballo por conta allea con contrato indefinido para a realización de traballos de carácter fixo descontinuo só se terán en conta cando a duración da actividade da traballadora non sexa inferior a dez meses nun período de doce meses.
  6. Ter iniciado a actividade económica e a actividade laboral nos termos exixidos para cada tipo de axuda nesta orde.
    • Para os ditos efectos, o inicio do exercicio efectivo da actividade económica acreditarase mediante a xustificación da alta no imposto de actividades económicas (IAE) ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria; e o inicio da actividade laboral mediante a acreditación da alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou, de ser o caso, na mutualidade de colexio profesional.
  7. A iniciativa ou o proxecto empresarial debe ter viabilidade técnica, económica e financeira, o que deberá quedar reflectido no plan de negocio empresarial.
  8. Non encontrarse en ningunha das circunstancias e prohibicións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
  9. Non ter percibido axudas do programa Emega ao abeiro das convocatorias dos últimos cinco anos (2019, 2020, 2021, 2022 e 2023).

Para seren beneficiarias, os requisitos e condicións comúns e específicos de cada liña deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación e manterse durante o período mínimo de permanencia da actividade e do mantemento dos postos de traballo (dezaoito meses).

Liña Emprende

PERSOAS BENEFICIARIAS

Poderán acollerse aos incentivos da liña Emprende as empresas de nova creación constituídas por mulleres sempre que cumpran os seguintes requisitos específicos:

  1. O inicio da actividade económica para a cal solicita a axuda ten que producirse no período comprendido entre o 1 de agosto de 2023 e a data da fin do prazo de presentación de solicitudes.
  2. Ten que supor a creación dos postos de traballo de todas as promotoras.
  3. As promotoras antes do inicio da actividade laboral deben estar desempregadas durante o período de 1 mes. No caso de empresas constituídas por máis dunha promotora, esta condición deberá cumprila, como mínimo, o 50 % das promotoras.
  4. A alta de todas as promotoras no correspondente réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional deberá formalizarse no período comprendido entre o 1 de agosto de 2023 e a data do fin do prazo de presentación de solicitudes.
  5. Non ter desenvolvido actividade empresarial na mesma actividade económica nos tres anos inmediatamente anteriores á data de efectos da alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou na mutualidade de colexio profesional da nova actividade para a cal se solicita a axuda.

CONTÍA

A contía dos incentivos da liña Emprende determínase en atención ao número de postos de traballo creados con carácter estable para mulleres, por conta propia ou por conta allea, de acordo coa seguinte escala:

Nº postos creados estable para mulleresTotal por empresa
1 posto de traballo10.000 €
2 postos de traballo16.000 €
3 postos de traballo20.000 €
4 postos ou máis22.000 €

Liña Concilia

PERSOAS BENEFICIARIAS

A liña Concilia é unha axuda complementaria, só poderá concederse a aquelas empresas que os soliciten expresamente e que resulten beneficiarias de subvención por calquera das liñas previstas nesta convocatoria.

CONTÍA

  1. Modalidade Concilia-promotoras, sempre que forme parte dela algunha promotora con filla/s ou fillo/s menores de 3 anos: 3.000 € por empresa.
  2. Modalidade Concilia-persoas traballadoras por conta allea, sempre que se solicite expresamente e se opte por un dos seguintes supostos: 

Tanto os acordos ou pactos de conciliación coma os acordos individuais de teletraballo teñen que constar por escrito e estar formalizados, como máximo, na data da fin do prazo de xustificación da axuda, así como estar vixentes, cando menos, durante o período mínimo de permanencia da actividade.

Tanto os acordos ou pactos de conciliación coma os acordos individuais de teletraballo teñen que constar por escrito e estar formalizados, como máximo, na data da fin do prazo de xustificación da axuda, así como estar vixentes, cando menos, durante o período mínimo de permanencia da actividade.

Liña ITEF

PERSOAS BENEFICIARIAS

Poderán acollerse aos incentivos da liña ITEF as empresas de nova creación que respondan a un proxecto empresarial de carácter innovador, no eido da investigación e da tecnoloxía, constituídas por mulleres sempre que, cumpran os seguintes requisitos:

  1. O inicio da actividade económica ten que producirse no período comprendido entre o 1 de agosto de 2023 e a data da fin do prazo de presentación de solicitudes.
  2. A actividade, proceso, produto ou servizo que vaian desenvolver debe ter un claro carácter innovador, con alto contido científico ou tecnolóxico, ter como obxectivo principal a aplicación de desenvolvementos tecnolóxicos no ámbito produtivo, de novo coñecemento aplicado, de resultados do avance científico e de I+D+i.
  3. Ten que supor a creación dos postos de traballo de todas as promotoras.
  4. As promotoras antes do inicio da actividade laboral deben estar desempregadas. No caso de empresas constituídas por máis dunha promotora, esta condición deberá ser cumprida, como mínimo, polo 50 % das promotoras.
  5. A alta das promotoras no correspondente réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional deberá formalizarse no período comprendido entre o 1 de agosto de 2023 e a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. No caso de creación de emprego, deberán formalizarse no mesmo prazo citado.
  6. Como mínimo, a promotora ou unha delas, cando sexan varias, debe ser unha persoa con titulación universitaria relacionada co ámbito da ciencia, do coñecemento ou da tecnoloxía en que se basea a iniciativa empresarial.
  7. Non ter desenvolvido actividade empresarial na mesma actividade económica nos tres anos inmediatamente anteriores á data de efectos da alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou na mutualidade de colexio profesional da nova actividade para a cal se solicita a axuda.

CONTÍA

A contía determínase en atención ao número de postos de traballo creados para mulleres, por conta propia ou por conta allea, con contrato indefinido:

  1. 18.000 € ás empresas que creen o posto de traballo da promotora.
  2. 27.000 € ás empresas que creen dous postos de traballo.
  3. 32.000 € ás empresas que creen tres postos de traballo.
  4. 42.000 € ás empresas que creen catro ou máis postos de traballo.

CRITERIOS DE VALORACIÓN COMÚNS

Polo emprego feminino xerado e/ou mantido, por conta propia ou por conta allea de carácter indefinido, co proxecto empresarial obxecto da axuda que se solicita, ata un máximo de 35 puntos, segundo o seguinte:

  • Un posto de traballo para mulleres: 10 puntos.
  • Dous postos de traballo para mulleres: 15 puntos.
  • Tres postos de traballo para mulleres: 25 puntos.
  • Catro postos de traballo para mulleres: 30 puntos.
  • A partir de cinco postos de traballo para mulleres: 35 puntos.

Pola pertenza a sectores económicos nos cales as mulleres estean infrarrepresentadas: 5 puntos. Para estes efectos, teranse en conta os datos de afiliacións á Seguridade Social en alta laboral segundo réxime, ramas de actividade e sexo. Galicia, decembro de 2022. Entenderase que hai infrarrepresentación cando exista unha diferenza porcentual de, polo menos, 20 puntos entre o número de mulleres e o número de homes.

Pola contribución á integración laboral, co proxecto para o cal se solicita a axuda, de mulleres con discapacidade cun grao recoñecido igual ou superior ao 33 %; mulleres vítimas de violencia de xénero; desempregadas de longa duración (máis de 12 meses sen ocupación).

Por tratarse dunha actividade empresarial dedicada á prestación de servizos de conciliación ata 10 puntos, segundo a poboación do concello onde se desenvolva a actividade empresarial:

  • Ata 5.000 habitantes: 10 puntos.
  • De 5.001 a 10.000 habitantes: 9 puntos.
  • De 10.001 a 15.000 habitantes: 8 puntos.
  • De 15.001 a 20.000 habitantes: 7 puntos.
  • Máis de 20.000 habitantes: 6 puntos.

Para estes efectos, teranse en conta as cifras oficiais de poboación en 1 de xaneiro de 2023, fonte IGE. Para a aplicación deste criterio, terase en conta o lugar onde se desenvolve a actividade segundo os datos que figuren na alta do IAE.

Pola poboación do concello segundo as cifras oficiais de poboación en 1 de xaneiro de 2023 , fonte IGE, ata un máximo de 10 puntos, de acordo coa seguinte escala:

  • Ata 5.000 habitantes: 10 puntos.
  • De 5.001 a 10.000 habitantes: 9 puntos.
  • De 10.001 a 15.000 habitantes: 8 puntos.
  • De 15.001 a 20.000 habitantes: 7 puntos.
  • De 20.001 a 40.000 habitantes: 6 puntos.
  • Superior a 40.000 habitantes: 5 puntos.

Pola implantación ou funcionamento da iniciativa empresarial nun concello emprendedor: 5 puntos.

Polo emprego dunha linguaxe inclusiva en toda a documentación que se presente para tramitar o procedemento: 5 puntos.

Pola descrición detallada e pormenorizada de cada unha das epígrafes do plan de negocio empresarial que se presente para tramitar o procedemento: 5 puntos.

PRAZO

Dende o 27 de agosto ata o 27 de setembro de 2024. As beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa da subvención concedida coa data límite que figure na resolución de concesión, e que, en todo caso, non excederá o 16 de decembro de 2024.

MÁIS INFORMACIÓN

ORDE do 13 de agosto de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino en Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.

CÓDIGO DE PROCEDEMENTO: SI429A

Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.

O contido desta presentación ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituír a información proporcionada nos documentos oficiais.

2 comentarios

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *