PROGRAMA #DescubreGaliciaenOutono2024

Se tes un aloxamento turístico ou unha axencia de viaxes e queres darlle un impulso ao teu negocio e aumentar as ventas durante este outono, adhírete ao programa #DescubreGaliciaenOutono.

A Xunta de Galicia pon de novo en marcha, neste ano 2024, o programa  #DescubreGaliciaenOutono, un programa de axudas a través da concesión de “bonos desconto” ou “bonos turísticos” cun valor de 150 € por persoa usuaria. O principal obxectivo desta medida é impulsar o turismo galego en outono, incentivando a demanda interna de servizos turísticos.

QUEN PODE ADHERIRSE

  • Os establecementos de aloxamento turístico de Galicia: hoteis, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos, vivendas turísticas e albergues.
  • As axencias de viaxes que teñan un centro de traballo en Galicia e que desenvolvan as súas actividades dentro do sector turístico vinculado a Galicia.

En ambos casos, os establecementos teñen que estar dados de alta no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) da Xunta de Galicia.

ACTIVIDADES SUBVENCIONABLES (QUE SERVIZOS SE PODEN PAGAR COS BONOS)

A través do bono turístico, subvencionaranse:

  1. Os servizos que presten os establecementos hoteleiros, apartamentos turísticos, vivendas turísticas, campamentos turísticos, establecementos de turismo rural e albergues de Galicia, sempre que a estadía mínima sexa dunha noite.
  1. Os paquetes turísticos que oferten as axencias de viaxes, sempre que nestes paquetes se inclúan establecementos de aloxamento da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os gastos deberán realizarse entre o 10 de setembro ata o 25 de decembro de 2024 (período de validez do bono).

COMO FUNCIONA O  BONO TURÍSTICO

  • Os bonos serán descargados polas persoas usuarias (clientes) na web www.bonoturismo.gal  e utilizados posteriormente nos establecementos adheridos. Cada persoa poderá descargar ata 2 bonos de 150 € cada un, cofinanciados nun 40% pola Xunta de Galicia e nun 60% polo solicitante.
  • Estarán dispoñibles para a súa descarga por parte das persoas usuarias desde as 9.00 horas do día 4 de xullo ata o 16 de decembro de 2024 .
  •  Terán un formato dixital a través dun código QR, que ten carácter persoal e intransferible, e poderán utilizarse nunha aplicación que permita realizar pagamentos (wallet ou similar).
  • Para trocar e utilizar os bonos, os establecementos de aloxamento turístico e de axencias de viaxes terán que descargar no seu móbil a App de bonos turísticos.
  • O importe do bono irase reducindo en función do valor do gasto e poderá imputarse a un ou varios gastos de aloxamento. No momento de aboar o gasto correspondente ao aloxamento ou paquete turístico, as persoas usuarias deberán mostrar o seu bono en formato código QR para obter o desconto. Pola súa banda,  as persoas titulares dos establecementos de aloxamento turístico e de axencias de viaxes terán que introducir na App o importe e o concepto do gasto e validar a operación. Se o saldo do bono non fose suficiente, as persoas usuarias deberán pagar  o resto en efectivo ou con tarxeta, ata chegarao importe final do gasto realizado.
  • As persoas titulares dos establecementos e das axencias adheridos ao programa recibirán cunha periocidade semanal, na conta bancaria indicada para tal efecto, a cantidade equivalente aos bonos trocados no seu establecemento.

OBRIGAS DOS ESTABLECEMENTOS ADHERIDOS AO PROGRAMA

  • Anunciar no exterior do establecemento, nun lugar visible, a adhesión ao programa mediante a colocación de materiais publicitarios coa imaxe corporativa do programa.
  • Facer o desconto directo dos bonos nos tíckets ou facturas de compra emitidos.
  • Someterse ás actuacións de comprobación e vixilancia por parte da Axencia de Turismo de Galicia para verificar un adecuado funcionamento e xestión dos bonos.
  • Conservar durante un ano todos os tíckets ou facturas de compra xustificativas da aplicación dos bonos.
  • Custodiar con dilixencia as claves de acceso á plataforma co fin de evitar o seu uso indebido.
  • Os establecementos adheridos non poden negarse a aplicar o bono, cando lle sexa solicitado pola clientela. O incumprimento desta obriga suporá a baixa no programa.

PRAZOS

Os establecementos turísticos e axencias de viaxes xa poden solicitar a súa adhesión a este programa desde o 29 de xuño e o prazo estará aberto ata o 2 de decembro de 2024.

Para as persoas usuarias, os bonos estarán dispoñibles para descarga a partir do día 4 de xullo ás 9:00 h. ata o 16 de decembro de 2024.

A validez dos bonos estenderase desde o 10 de setembro ata o 25 de decembro de 2024.

MÁIS INFORMACIÓN

RESOLUCIÓN do 27 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, do programa #DescubreGaliciaenOutono a través dos bonos turísticos, se convocan para o ano 2024 e se abre o prazo para a adhesión dos establecementos de aloxamento turístico e axencias de viaxes.

CÓDIGO DE PROCEDEMENTO: TU985F

Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.

O contido desta presentación ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituír a información proporcionada nos documentos oficiais.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *