AXUDAS Á TRANSFORMACIÓN DIXITAL DAS PEMES 2024

Convocadas axudas para o impulso á transformación industrial e a dixitalización das pequenas e medianas empresas de Galicia co fin de que sexan máis competitivas e poidan consolidarse nos escenarios económicos actuais.

O Igape convoca estas axudas, en réxime de concorrencia competitiva, co fin de facilitar a posta en marcha de proxectos de dixitalización das pemes cuxa finalidade sexa a implantación de solucións para o soporte dixital de procesos dunha empresa ou para proxectos de interconexión dixital de procesos entre unha empresa galega e outras empresas ou entre dúas ou máis empresas galegas. Este programa de apoios está cofinanciado pola Unión Europea no marco do programa Galicia FEDER 2021-2027.

BENEFICIARIOS

Pemes, incluídas as persoas autónomas, que conten cun centro de traballo en Galicia onde se vai realizar o proxecto.

Podranse solicitar axudas á tipoloxía de proxectos individuais ou colectivos. Para estes últimos, os interesedados deberán previamente constituír unha agrupación con, polo menos, 2 pemes.

MODALIDADES DE PROXECTOS

A. Proxectos individuais en que unha peme aborda unha das seguintes tipoloxías de proxecto:

1º. Desenvolvemento dunha interfaz dixital para as súas interaccións de negocio, ou adopción/implantación dunha solución de interacción xa existente cos seus clientes ou provedores.

2º. Sistemas de intelixencia artificial, aprendizaxe automática e toma de decisións autónomas, interconexión de elementos físicos e virtuais, tratamento de datos captados (intelixencia de negocio, bigdata e similares) e ciberseguridade.

3º. Implementación de sistemas encamiñados á dixitalización de procesos concretos ou de xestión integral (ERP, CRM e similares).

4º. Implementación dun sistema de mellora da función loxística da empresa, parcial ou integral nalgún dos seguintes ámbitos de actuación: Dixitalización e automatización, virtualización e analítica de datos e procesos e aplicacións.

B. Proxectos colectivos, en que un grupo de empresas (opcionalmente coordinadas por un organismo intermedio colaborador) aborda unha das seguintes tipoloxías de proxecto:

1º. Propoñen utilizar e implantar un determinado sistema nas súas interaccións dixitais, incluídas aquelas orientadas á mellora da función loxística do conxunto de empresas.

2º. Propoñen a implantación dun sistema de dixitalización, dalgún proceso ou de xestión integral, especificamente deseñado ou desenvolvido para o seu ámbito de actividade, así como a implantación dun sistema de mellora da función loxística, parcial ou integral, de uso común, especificamente aplicable para o seu ámbito de actividade.

Ademáis, os proxectos encadraranse en tres tipos distintos en función do importe total subvencionable:

  • Tipo 1: proxectos cun importe subvencionable menos de 50.000 €.
  • Tipo 2: proxectos cun importe subvencionable de entre 50.000 € e 120.000 €.
  • Tipo 3: proxectos cun importe subvencionable de máis de 120.000 €.

REQUISITOS DOS PROXECTOS SUBVENCIONABLES

  • O importe subvencionable mínimo dos proxectos deberá ser de 12.000 € para os proxectos individuais e de 10.000 € por participante para os proxectos colectivos.
  • Os proxectos non poderán estar iniciados antes da presentación da solicitude de subvención e  deberán estar finalizados para poder optar ao cobramento da subvención.
  • Todos os proxectos financiados ao abeiro destas bases reguladoras deben respectar o principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente (DNSH).
  • O prazo de execución dos proxectos abarca dende a data de presentación da solicitude ata o 30 de xuño de 2025.
  • As pemes beneficiarias de subvención a investimentos deberán achegar unha contribución financeira a estes, exenta de calquera tipo de apoio pública, de polo menos un 25 % do importe subvencionable.

As persoas beneficiarias das axudas deberán presentar a solicitude de cobramento como máis tarde o 15 de decembro de 2024 para os proxectos cuxo prazo máximo de execución sexa o 15 de decembro de 2024 ou anterior, e como máis tarde o 30 de xuño de 2025 no resto.

Só serán admitidos os proxectos que reúnan todos os requisitos anteriores, procedéndose á súa valoración competitiva conxunta.

CONCEPTOS SUBVENCIONABLES

Poderanse subvencionar os seguintes tipos de conceptos:

  1. Investimentos materiais e/ou inmateriais novos adquiridos en propiedade que sexan necesarios para o desenvolvemento do proxecto.
  2. Servizos de consultoría externa de carácter tecnolóxico ou organizativo: asistencia técnica e consultoría directamente relacionada coa execución do proxecto.
  3. Nos proxectos da modalidade 1.b, se se conta cun organismo intermedio, este poderá facturar ás pemes participantes en concepto de gastos de coordinación do proxecto, ata un máximo de 1.500 € (excluído IVE) por peme, e ata un importe de 6.000 € por proxecto (excluído IVE).
  4. Nos proxectos que sexan coordinados por un hub de innovación dixital, cun importe subvencionable igual ou superior a 60.000 €, excluídos os gastos de coordinación do hub, se subvencionará ata un máximo de 6.000 €.
  5. Para aqueles proxectos en que as colaboracións externas ou ben a adquisición de activos inmateriais supere os 30.000 € ou a suma de investimentos e colaboracións supere os 45.000 € será subvencionable o informe dun enxeñeiro colexiado cualificado, ata un importe de 2.000 €.

Non se considerará o IVE como gasto subvencionable.

OBRIGAS

Deberanse cumprir, entre outras, as seguinte obrigas:

  • Os bens obxecto do investimento deberán ser adquiridos pola persoa beneficiaria en propiedade.
  • Cando o importe dos investimentos ou gastos subvencionables superen as contías establecidas na Lei de contratos do sector público para o contrato menor deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á súa contratación.
  • O investimento terá que incluírse no activo da empresa e manterse no centro de traballo en Galicia durante os 3 anos seguintes ao remate do prazo de execución do proxecto.
  • No caso de investimento en activos intanxibles, para ser considerados subvencionables, deberán cumprir ademais todas estas condicións: 1) empregaranse exclusivamente no establecemento beneficiario da axuda; 2) consideraranse activos amortizables; 3) adquiriranse en condicións de mercado a terceiros non relacionados co comprador 4) formar parte dos activos da empresa beneficiaria e permanecer vinculados co proxecto para o que se concede a axuda durante polo menos tres anos.
  • Con carácter xeral, os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa persoa solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores.
  • Os bens e servizos subvencionados deberán ser adquiridos a terceiros e en ningún caso o importe de adquisición dos investimentos ou os gastos subvencionables poderán ser superiores ao valor de mercado.
  • Cando a persoa beneficiaria da subvención sexa unha empresa, os gastos subvencionables deberán ter sido aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial.

CONTÍA DAS AXUDAS

A porcentaxe de subvención, no caso dos investimentos materiais e inmateriais, será do 35% para as pequenas empresas e dun 25 % para as medianas empresas.

A subvención será do 50 % dos gastos en servizos de consultoría subvencionables para ambas categorías de empresas.

PRAZO DE SOLICITUDE

Ata as 14.00 horas do 27 de maio do 2024.

INCOMPATIBILIDADES

Estas axudas son incompatibles con outras axudas ou subvencións públicas para o mesmo proxecto.

MÁIS INFORMACIÓN

RESOLUCIÓN do 18 de abril de 2024 pola que se lle dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas á transformación dixital das pemes para o ano 2024, susceptibles de seren cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021- 2027, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva

CÓDIGO DE PROCEDEMENTO: IG300C

Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.

O contido desta presentación ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituír a información proporcionada nos documentos oficiais.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *