AXUDAS 2024 ÁS EMPRESAS CUALIFICADAS COMO INICIATIVAS DE EMPREGO DE BASE TECNOLÓXICA (IEBT)

Se tes un proxecto empresarial innovador coa cualificación de IEBT , xa podes solicitar as axudas deste programa para a creación de emprego estable, o inicio e posta en marcha da actividade, a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras e/ou para o apoio a función xerencial do teu negocio.

Este programa de axudas da Xunta de Galicia ten como obxectivo  impulsar a creación de novas iniciativas empresariais innovadoras de base tecnolóxica en Galicia, ademais de facilitar a conciliación da vida persoal laboral e familiar das persoas promotoras e mellorar a función xerencial nestas empresas.

As empresas cualificadas como IEBT poderán solicitar as diferentes modalidades de axudas incluídas neste programa e suxeitas ao réxime de minimis, dentro do seu primeiro ano de actividade.

BENEFICIARIOS:

Empresas privadas, incluídas as persoas autónomas, con domicilio social, fiscal e centro de traballo na CCAA de Galicia, que se constitúan e inicien a súa actividade nun prazo inferior a un ano dende que o proxecto empresarial fose cualificado como IEBT, sempre que a maioría da titularidade da empresa corresponda ás persoas físicas promotoras do proxecto empresarial cualificado como IEBT .

Para poder optar ás diferentes modalidades deberase crear emprego estable para persoas desempregadas (incluído o emprego das persoas promotoras).

Exclusións: 

Non serán subvencionables:

  1. Os empregos de carácter estable realizadas con persoas desempregadas que, nos 24 meses anteriores á data de alta na Seguridade Social, prestasen servizos mediante un contrato indefinido en empresas ou grupos de empresas participantes ou dirixidas polas persoas promotoras da entidade solicitante. 
  2. Os empregos de carácter estable das persoas promotoras que, nos tres meses inmediatamente anteriores á data de inicio da nova actividade, estivesen de alta na Seguridade Social como persoas traballadoras autónomas noutra actividade vinculada ao mesmo sector. Para estes efectos, entenderase por mesma actividade a coincidencia no nivel de tres díxitos da clasificación nacional de actividades económicas (CNAE).
  3. As empresas que desenvolvan actividades empresariais que non coincidan coas do proxecto previamente cualificado como iniciativa de emprego de base tecnolóxica.

LIÑAS DE ACCIÓNS SUBVENCIONABLES

  1. Subvención á creación directo de emprego estable
  1. Os postos de traballo estables de carácter indefinido, incluídos os das propias persoas promotoras, creados nun centro de traballo de Galicia antes de transcorrer un ano desde a data de inicio da actividade e que sexan ocupados por persoas desempregadas, incentivarase cada un deles cunha contía base de 6.000 euros.
  2. A contía base do incentivo será de 8.000 euros por cada posto de traballo estable de carácter indefinido creado, cando a persoa desempregada se atope nalgún dos seguintes colectivos, que non serán acumulables: 

a) Mulleres.

b) Persoas mozas. 

c) Persoas de 52 ou máis anos. 

d) Persoas desempregadas de longa duración. 

e) Persoas con discapacidade. 

f) Persoas emigrantes retornadas ou persoas estranxeiras. 

g) Persoas que se atopen en situación ou risco de exclusión social

  1. Os postos de traballo estables incentivaranse cunha contía base de 10.000 euros cando se trate de persoas tituladas universitarias desempregadas.
  2. A contía base será de 12.000 euros se son persoas desempregadas que posúan o título de doutor ou doutora.
  3. As contías base poderán incrementarse un 25% nos seguintes casos, acumulables entre si: 
  1. Se a persoa incorporada é unha muller, salvo que opten polo colectivo de muller sinalado no punto 2.a)
  2. Se o centro de traballo ou domicilio fiscal estea situado nun concello rural. 
  3. Persoas maiores de 45 anos, salvo que opten polo colectivo de persoa maiores de 52 sinalados no punto 2.c)
  4. Se a persoa incorporada ten a condición de emigrante retornada ou persoa estranxeira, salvo que opten sinalado no punto 2.f)
  5. Se a persoa incorporada é trans.

6. No caso de que a IEBT estea constituída baixo a forma xurídica de cooperativa ou sociedade laboral, a axuda resultante nesta modalidade incrementarase nun 25%.

7. Cando a dedicación sexa a tempo parcial, as contías destes incentivos serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo.

 8. É requisito para poder ser beneficiaria desta subvención que o cadro de persoal, no mes en que se proceda á primeira contratación por conta allea estea constituído, como mínimo nun 25%, por persoas con titulación universitaria.

9. Existir correspondencia entre a categoría da titulación académica que posúa a persoa contratada e a categoría profesional pola que se contrata.

10. Cando a contratación inicial se realice a tempo parcial e se transforme a tempo completo, a empresa poderá solicitar a diferenza entre a contía que se percibiu inicialmente e a que corresponde por dedicación a tempo completo, sempre que a modificación se produza no primeiro ano de actividade e durante o período subvencionable.

11. Serán subvencionables os postos de traballo estables creados entre o 30 de setembro de 2023 e o 29 de setembro de 2024 dentro do primeiro ano de actividade da empresa, sempre que permaneza vixente a contratación no momento da súa solicitude  

  1. Axuda para o inicio e a posta en marcha da actividade.
  1. Esta modalidade de axuda financiará parcialmente os gastos necesarios para o inicio e a posta en marcha da actividade. O importe máximo desta axuda determinarase en función do gasto total realizado e segundo o número de postos de traballo estables creados e subvencionados durante o primeiro ano de actividade, de acordo coa seguinte escala: 
  • 1 posto de traballo creado: ata 10.000 euros.
  • 2 postos de traballo creados: ata 18.000 euros.
  • A partir de 3 postos de traballo creados: ata 24.000 euros.
  1. Estas axudas destinaranse a sufragar os gastos realizados entre o 30 de setembro de 2023 e o 29 de setembro de 2024 que se produzan antes de que transcorra un ano desde o inicio da súa actividade, e sexan efectivamente xustificados mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión e, en todo caso, ata o 30 de novembro de 2024. Subvencionaranse gastos correntes como: gasto notaría e rexistro, aluguer, compra mercancías e materias primas,  seguro do local, publicidade, páxina web, posicionamento web e subministracións, excluído o IVE ou os impostos indirectos susceptibles de recuperación ou compensación.  
  1. No caso de que a IEBT estea constituída baixo a forma xurídica de cooperativa ou sociedade laboral, a axuda resultante nesta modalidade incrementarase nun 25 %.

Subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras. 

  1. Co obxecto de favorecer a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras concederase unha subvención do 75 % do custo dos servizos de gardaría ou das persoas coidadoras, ata un máximo de 3.000 euros, para aquelas persoas promotoras que teñan fillos ou fillas menores de 12 anos.
  1. Co mesmo obxecto de favorecer a conciliación da vida familiar das persoas promotoras concederase unha subvención do 75 %, ata un máximo de 3.000 €, do custo do centro ou dos servizos de coidado de persoas maiores de 70 anos e/ou dependentes (graos I, II e III) ou con un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, sempre que acredite a súa relación de parentesco e a convivencia no mesmo domicilio, como mínimo, durante os tres meses anteriores á data da solicitude.
  1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas promotoras que creen o seu propio posto de traballo estable e polos que se obtivese a subvención establecida no artigo 8 desta orde, sexan titulares de familias monoparentais ou nas cales as dúas persoas cónxuxes realicen unha actividade laboral e estean dadas de alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional.
  1. Serán subvencionables os gastos da gardaría e/ou das persoas coidadoras ou dos custos dos servizos en centros especializados, realizados entre o 30 de setembro de 2023 e o 29 de setembro de 2024, que se produzan antes de que transcorra un ano desde o inicio da actividade.
  1. As axudas por gardería e por coidado das persoas maiores ou dependentes e persoas con discapacidade son compatibles entre si.

Apoio á función xerencial.

  1. Para axudar á persoa promotora ou a empresarios e empresarias na toma de decisións necesarias para o bo funcionamento da empresa. Modalidades de apoio:
  1. Axuda para a formación da persoa promotora ou empresaria co fin de obter ou mellorar os seus coñecementos sobre a función xerencial.
  2. Axuda pola realización externa de análises, estudos, informes ou outras formas de asesoramento sobre a actividade que realiza a IEBT, para que a persoa promotora ou empresaria poida dispoñer de mellor información sobre os bens ou servizos obxecto de produción.
  1. Poderá ser obxecto desta modalidade de axuda o gasto orixinado, entre o 30 de setembro de 2023 e o 29 de setembro de 2024, e realizado no primeiro ano de actividade empresarial. Este gasto deberá ser efectivamente xustificado mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión e, en todo caso, ata o 30 de novembro de 2024.
  1. Non serán subvencionables, en ningunha das modalidades sinaladas no punto 1 deste artigo, as medidas de apoio prestadas polas persoas socias ou polas empresas das persoas socias da entidade solicitante da subvención.
  1. A contía do incentivo para o apoio á función xerencial será do 75 % do custo dos servizos recibidos, cun límite máximo de 5.000 euros para a axuda á formación e cun límite de 10.000 euros polo conxunto das modalidades de apoio á función xerencial. 
  1. No caso de que a IEBT estea constituída baixo a forma xurídica de cooperativa ou sociedade laboral, a axuda resultante nesta modalidade incrementarase nun 25 %.

INCOMPATIBILIDADES

  • Incompatibles con outras axudas que polos mesmos conceptos poidan outorgar as administracións publicas como medida de fomento de emprego.
  • Axudas establecidas no Programa de promoción do emprego autónomo (código de procedemento TR341D), no bono Nova oportunidade (TR790A) e no Programa de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais (TR802G) convocados pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

COMPATIBILIDADES 

  • Compatibles coa axuda para o acceso á condición de socio ou socia traballador ou traballadora dunha cooperativa de traballo asociado (TR802J)
  • A creación de emprego estable será compatible, se é o caso coas bonificacións ou reducións á Seguridade Social.

PRAZO SOLICITUDE:

Ata o 30 de setembro de 2024. 

MÁIS INFORMACIÓN

ORDE do 25 de marzo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 

CÓDIGO DE PROCEDEMENTO: TR340E

Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto con oso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono  986 42 33 66.

O contido desta presentación ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituír a información proporcionada nos documentos oficiais.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *