É unha medida impulsada polo Ministerio de Traballo e Economía social para facilitar a posta en marcha de iniciativas de emprendemento e emprego autónomo mediante o abono anticipado da prestación por desemprego pendente de percibir. O obxecto desta medida é axudar aos emprendedores a realizar o investimento necesario para comezar a súa actividade económica por conta propia.
REQUISITOS PARA PERCIBIR O PAGO ÚNICO
- Non ter iniciado a actividade económica nin estar dado de alta na Seguridade Social.
- Ter pendentes de percibir polo menos tres mensualidades da prestación por desemprego.
- No caso das persoas beneficiarias da prestación por cese de actividade (prestación derivada do RETA) será necesario que teñan pendentes de percibir un mínimo de 6 meses.
- Non haber percibido o pago único nos 4 anos inmediatamente anteriores.
- Iniciar a actividade por conta propia e presentar a documentación que xustifique os investimentos para os que se solicitou o pago único no prazo de UN MES dende a percepción do pago único (dende o cobro do importe da capitalización). Tamén poderás darte de alta na SS e iniciar a actividade antes da resolución do pago.
- Se o cese da relación laboral que deu lugar a prestación por desemprego foi ante a xurisdición social, a solicitude do pago único deberá ser posterior á dita resolución.
- Non se poderá solicitar o pago único cando nos 24 meses anteriores se compatibilizase unha prestación por desemprego co traballo por conta propia. Tampouco se poderá solicitar unha nova capitalización ata que non transcorresen 4 anos dende unha capitalización anterior.
ONDE SOLICITALA
- De forma telemática na sede electrónica do SEPE.
- De forma presencial, na túa oficina de emprego máis próxima, concertando previamente unha cita previa nesta ligazón.
A data de solicitude da capitalización do pago único deberá ser sempre anterior ao inicio da actividade como autónomo, considerándose “data de inicio a data de alta na Seguridade Social”.
DOCUMENTACIÓN
- Solicitude do pago único.
- DNI ou pasaporte para as persoas nadas en España; NIE xunto ao pasaporte ou o documento xustificativo do seu país de orixe para os estranxeiros.
- Memoria explicativa acerca da actividade económica e plan de investimento a realizar (xunto con orzamentos dos investimentos).
Deberá xustificarse o 100% do investimento realizado, abonando a totalidade do pago único na actividade económica, mediante a presentación de todo tipo de documentos contables (facturas,recibos de aluguer, escrituras, contratos de compravenda, traspaso…). A persoa beneficiaria deberá presentar tamén no SEPE xustificación bancaria dos pagamentos, que deberán ser realizados a través de tarxeta bancaria ao nome do beneficiario, transferencia ou ingresos en efectivo na entidade financeira. Non se terán en conta os pagos en efectivo nin os medios de pago ao portador nin os pagos feitos con tarxetas prepago.
INFORMACIÓN ADICIONAL A TER EN CONTA
Se non precisas investir o 100 % da túa prestación pendente no teu negocio, poderás optar por solicitar unha parte en pago único (polo importe necesario para facer os investimentos necesarios na actividade) e o resto solicitalo para as cotas de autónomo, ata o esgotamento da prestación.
Tamén podes optar a compatibilizar a túa prestación por desemprego coa realización da actividade por conta propia: percibirías a prestación mensualmente durante un máximo de 9 meses á vez que realizas a túa actividade como autónomo. Neste caso, a solicitude de compatibilidade debe realizarse con posterioridade á alta como autónomo, nun prazo de 15 días dende a alta.
Non serán obxecto de subvención os autónomos dependentes que tivesen unha relación contractual anterior á situación de desemprego ou que pertenzan ao mesmo grupo empresarial que elas.
MÁIS INFORMACIÓN
Na páxina oficial do SEPE podes ampliar esta información, descargar os modelos de solicitude e acceder ao procedemento electrónico.