A Xunta de Galicia pon en marcha a “BOLSA DE REMUDA DE NEGOCIOS” un programa para facilitar a remuda ou transmisión de negocios galegos en funcionamento pero que, por falta de relevo, teñan previsto non continuar a actividade.
Trátase dun programa, financiado pola Unión Europea NextGeneration e o Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia, cuxo fin é poñer en contacto a aqueles que venden ou alugan a súa empresa con persoas interesadas en facerse cargo desta.
Esta iniciativa pretende dar continuidade aos locais e negocios que pecharían as súas portas por diferentes razóns que contribúen a acelerar o proceso de desertización empresarial, especialmente no rural, como pode ser o alto grao de envellecemento da comunidade autónoma de Galicia.
O PROGRAMA TEN DÚAS SECCIÓNS
- QUERO TRASPASAR O MEU NEGOCIO: para persoas que teñen interese en traspasar o seu negocio.
- QUERO ACCEDER A UN NEGOCIO EN TRANSMISIÓN: para persoas emprendedoras que pretenden reducir os riscos da posta en marcha dun novo negocio, buscando comezar un proxecto empresarial xa consolidado e viable.
COMO FUNCIONA
A Bolsa de Remuda de Negocios é un recurso gratuíto xestionado pola Rede de Polos de Emprendemento e apoio ao emprego, que busca asesorar, axilizar e facilitar os trámites de remuda ou transmisión de negocios a través dun acompañamento no proceso do traspaso.
As persoas que teñan un negocio e estean interesadas en facer uso deste programa deberán poñerse en contacto co Polo de Emprendemento máis próximo á súa actividade ou domicilio (ver mapa) ou o formulario que poderán atopar na súa páxina web.
No caso das persoas que teñan interese en emprender e adquirir xa un negocio en funcionamento, tamén poden consultar os negocios en transmisión a través do buscador dispoñible na páxina da Rede de Polos de Emprendemento.