Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública de axudas do Programa do bono das persoas autónomas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.
Persoas beneficiarias
As persoas traballadoras autónomas que estean de alta no réxime especial de autónomos ou en mutualidade de colexio profesional que na data da solicitude teñan unha antigüidade superior a 42 meses ininterrompidos e que teñan un rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declarados na declaración do IRPF anual inferior a 50.000€ e unha facturación mínima anual de 12.000€ , IVE incluído, na declaración referida ao ano 2022.
As sociedades de calquera clase e comunidades de bens con domicilio fiscal en Galicia que:
- Na data da solicitude teñan unha persoa aútonoma societaria cunha antigüidade superior a 42 meses ininterrompidos, que dita sociedade non fose beneficiaria nin percebera axuda nalgunha das cinco últimas convocatorias (2019-2023 ambas incluídas), no suposto de persoas autónomas administradoras, terán consideración de autónomo societario se forman parte da sociedade nunha porcentaxe >25% das súas participacións ou do 33% do seu capital.
- Teñan unha facturación mínima anual de 12.000€ , IVE incluído, na declaración referida ao ano 2022.
- Teñan unha base impoñible no imposto de sociedades da declaración realizada referida ao ano 2022 inferior a 50.000€. No caso de entidades que tributen en réxime de atribución de rendas, este importe de 50.000€ referirase ao rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declaradas no IRPF de cada un dos membros da entidade solicitante.
Quedan excluídos desta orde:
- As persoas autónomas colaboradoras e os familiares que, de maneira habitual, realizan traballos para persoas traballadoras autónomas ou mutualistas de colexio profesional e que non teñan a condición de persoas traballadoras por conta allea.
- As persoas autónomas administradoras (salvo que formen parte da sociedade nunha porcentaxe superior ao 25% das súas participacións ou do 33% do seu capital).
- As persoas que cobrasen a axuda do bono das persoas autónomas nalgunha das últimas cinco convocatorias.
Obrigas das persoas beneficiarias
Dentro das obrigas das persoas beneficiarias expostas nesta orde, destacamos as seguintes:
- Permanecer de alta no RETA ou na mutualidade de colexio profesional durante un tempo mínimo de 2 anos desde a solicitude da subvención.
- Dispor do modelo de cartel informativo de que a entidade está sendo subvencionada pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. Este cartel deberá estar exposto durante 12 meses.
Accións subvencionables
- Esta axuda terá unha liña de actuación, de mellora da competitividade, a través dos seguintes investimentos:
- Compra de maquinaria.
- Compra e/ou instalación para a mellora da eficiencia enerxética.
- Inversións para a substitución de combustibles fósiles ou materiais críticos ou escasos.
- Compra de utensilios e ferramentas (incluídos os moldes).
- Reforma do local do negocio.
- Equipamento informático.
- Equipamento de oficina e/ou negocio.
- Rótulos.
- Aplicacións informáticas, páxinas web, apps e redes sociais.
- Deseño de marca.
No suposto de adquisición, construción, rehabilitación e mellora de bens inventariables, a persoa beneficiaria deberá destinar os bens ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención, que non poderá ser inferior a 5 anos en caso de bens inscritibles nun rexistro público, nin a 2 anos para o resto de bens.
A través desta axuda serán subvencionables os gastos realizados desde o 1 de xaneiro de 2024 e ata a data da solicitude da axuda, efectivamente xustificados, mediante facturas emitidas no período subvencionable e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento. As ditas facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento deben corresponder ao exercicio 2024 e ter un importe mínimo de 100€ IVE excluído.
No caso de reforma do local do negocio, exclúese da axuda o domicilio habitual da persoa traballadora autónoma, excepto no caso en que quede acreditado que é imprescindible para o desenvolvemento da actividade do negocio.
Contía
Poderase conceder para a mellora da competitividade da actividade empresarial das persoas beneficiarias unha subvención do 60% da actividade que se vai subvencionar, cun límite máximo de 7.000€ de axuda polo conxunto de actividades subvencionables e o resto do gasto será por conta da persoa beneficiaria.
Prazo
Desde o 29 de xaneiro ata o 30 de setembro de 2024
Máis información
Código de procedemento: TR341Q
NON ESQUECER:
¡¡¡ A PERSOA OU EMPRESA SOLICITANTE DEBE TER UNHA ANTIGÜIDADE DE 42 MESES!!!
¡¡¡A TRAVÉS DESTA AXUDA SERÁN SUBVENCIONABLES OS GASTOS REALIZADOS DESDE O 1 DE XANEIRO DE 2024 E ATA A DATA DA SOLICITUDE DA AXUDA, EFECTIVAMENTE XUSTIFICADOS, MEDIANTE FACTURAS E DOCUMENTOS BANCARIOS ACREDITATIVOS DO SEU PAGAMENTO!!!
¡¡¡A PERCEPCIÓN DESTA AXUDA OBRIGA A MANTER A ACTIVIDADE DURANTE UN MÍNIMO DE 24 MESES. A XUNTA SOLICITARÁ DEVOLUCIÓN DAS AXUDAS, NO CASO CONTRARIO!!!
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.
O contido desta presentación só ten fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituir a información proporcionada nos documentos oficiais.