Estas axudas teñen por obxecto facilitar a conciliación da vida familiar e laboral de persoas traballadoras autónomas galegas, subvencionando a contratación dunha persoa traballadora, ben sexa para apoio no negocio durante o seu período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento, ou ben para o apoio no coidado de menores, maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia. Tamén poderá subvencionarse parcialmente o custo dos centros e/ou servizos para coidado de menores/maiores/persoas con discapacidade ou dependencia e o período de baixa por risco durante o embarazo ou lactancia.
Beneficiarios
As persoas traballadoras que estean dadas de alta no RETA ou no réxime de traballadores do mar como persoas traballadoras por conta propia, así como as persoas mutualistas; así mesmo, poden ser beneficiarias as persoas membros das sociedades mercantís, laborais e civís e comunidades de bens, a título individual.
Requisitos
- Ter o domicilio fiscal e desenolver a actividade empresarial ou profesional na CCAA de Galicia.
- Cumprir os requisitos da orde e no artigo 10 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia
- Quedan excluídas as persoas sociais de sociedades cooperativas e as persoas autónomas colaboradoras, así como os autónomos administradores que non teñan parte na sociedade.
Exclusións
Non serán subvencionables:
- Os contratos realizados co cónxuxe, ascendentes ou descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, da persoa solicitante. Non se realizará esta exclusión nos seguintes casos do Bono Concilia I:
- Cando a persoa empregadora sexa unha persoa traballadora autónoma que contrate como persoa traballadora por conta allea os fillos e ás fillas menores de 30 anos, tanto se conviven ou non con el.
- Cando se trate dunha persoa traballadora autónoma sen persoas asalariadas e contrate un só familiar menor de 45 anos que non conviva no seu fogar nin estea ao seu cargo.
- Contratación de fillos maiores de 30 anos con especiais dificultades para a súa inserción laboral e teñan unha discapacidade recoñecida.
- Os contratos realizados cunha persoa traballadora que teña prestado servizos nos últimos tres anos para a persoa empregadora, salvo nos casos de contratos indefinidos realizados coa persoa substituta nas baixas de maternidade ou paternidade.
- As persoas ou entidades que obtivesen con anterioridade axudas dos programas de conciliación (TR341R) para a mesma persoa menor, maior e/ou persoa con discapacidade ou dependencia.
Accións subvencionables
1. BONO AUTÓNOMO CONCILIA I
Subvención para a contratación realizada por unha persoa traballadora autónoma para a substitución nos casos de maternidade ou paternidade, unha vez iniciado o seu período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento, e pola duración desta. Tamén será subvencionable a contratación dunha persoa traballadora para a substitución da traballadora autónoma no caso de baixa por risco durante o embarazo ou a lactancia, e pola duración da dita baixa.
Requisitos
- A persoa solicitante debería estar de baixa por maternidade ou paternidade ou situacións asimiladas.
- O contrato que se vai realizar será de substitución ou contrato indefinido, segundo o caso. Deberá formalizarse por escrito en modelo oficial.
- As tarefas que vai realizar a persoa substituta deberán ser as mesmas que as da persoa traballadora autónoma substituída.
Importe
O importe da subvención será de 1.100 € por mes completo, segundo a duración indicada na comunicación da contratación, e polo período de duración da baixa de maternidade ou paternidade, salvo nos casos de risco durante o embarazo xa que o período máximo que se terá en conta para a axuda será de oito meses de contratación, cun importe máximo de 8.800 €.
No caso de transformación do contrato de substitución en contrato indefinido unha vez rematado o período de descanso o importe da subvención será de 7.500 €, e acadará os 9.000 € cando a persoa se encadre nalgún dos seguintes colectivos (non acumulables):
a) Muller.
b) Persoas desempregadas de longa duración no momento do contrato de substitución. c) Maiores de 52.
c) Persoas con discapacidade.
d) Persoas en situación ou risco de exclusión social.
e) Persoas emigrantes retornadas.
f) Persoas estranxeiras.
g) As contías previstas no punto anterior reduciranse proporcionalmente nos casos en que a xornada sexa a tempo parcial, de, polo menos, o 50 %, ou nos períodos en que a substitución sexa inferior a un mes.
2. BONO AUTÓNOMO CONCILIA II
Subvención para a contratación indefinida realizada por unha persoa traballadora autónoma, para o coidado de menores e/ou maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia.
Requisitos
- Para ser beneficiaria desta axuda o solicitante ten que acreditar a súa relación de parentesco ata o segundo grao de consanguinidade o afinidade coa persoa menor, maior e/ ou persoa con discapacidade ou dependencia.
- No caso de non existir a relación de parentesco prevista deberase acreditar a convivencia no mesmo domicilio que a persoa maior e/ou persoa con discapacidade e/ou dependente e con grao de discapacidade igual ou superior o 33 %, como mínimo, nos tres últimos meses anteriores á presentación da solicitude excepto no caso de menores acollidos.
- A contratación debe realizarse cunha persoa desempregada, dentro do período subvencionable, que comprende do 30 de setembro de 2023 ao 29 de setembro de 2024, entendendo como tal unha persoa sen ocupación segundo a vida laboral e inscrita na oficina de emprego.
Importe
O importe da subvención neste caso será de 7.500 € e acadará os 9.000 € cando a persoa se encadre nalgún dos colectivos anteriormente mencionados no Bono Autónomo Concilia I.
3. BONO AUTÓNOMO CONCILIA III
Será subvencionables gran parte (75%) dos custos do centro ou do servizo de coidado de menores, maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia.
No caso de menores será subvencionables os servizos de coidado que xurdan en períodos de vacacións escolares, cando os centros educativos están pechados segundo o calendario escolar oficial: asistencia a campamentos ou outros recursos de conciliación colectivos, especificamente organizados por calquera persoa física ou xurídica, pública ou privada.
Tamén aqueles que xurdan fóra do horario escolar durante o período lectivo do centro onde está escolarizado o/a menor, que deberá acreditar mediante a presentación do horario oficial do colexio.
Requisitos
- Para ser beneficiaria desta axuda o solicitante ten que acreditar a contratación dun centro ou servizo de coidado de menores, maiores e/ou persoa con discapacidade ou dependencia e a súa relación de parentesco ata o segundo grao de consanguinidade o afinidade coa persoa menor, maior e/ ou persoa con discapacidade ou dependencia.
- No caso de non existir a relación de parentesco prevista deberase acreditar a convivencia no mesmo domicilio que a persoa maior e/ou persoa con discapacidade e/ou dependente e con grao de discapacidade igual ou superior o 33 %, como mínimo, nos tres últimos meses anteriores á presentación da solicitude excepto no caso de menores acollidos.
- Os servizos deben ser contratados con provedores que se dediquen á actividade obxecto da subvención.
Importe
O 75 % dos custos do centro ou do servizo de coidado de menores, maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia, ata un máximo de 3.000 €. Os custos deberán ser corresponder a gastos incluídos no período subvencionable, que comprende do 30 de setembro de 2023 ao 29 de setembro de 2024, e os centros e servizos estean situados na Comunidade Autónoma de Galicia.
Prazo de solicitude
Do 25 de xaneiro de 2024 ata o 30 de setembro de 2024.
Mais información
Código de procedemento: TR341R
INFORMACIÓN ADICIONAL IMPORTANTE
Os tres tipos de axudas reguladas nesta orde, Concilia I, Concilia II e Concilia III serán compatibles entre sí.
As axudas están suxeitas a réximen de minimis.
Non se consideran subvencionables os impostos indirectos susceptibles de recuperación ou compensación como o IVE.
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.
O contido desta presentación ten unicamente fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituír a información proporcionada nos documentos oficiais.