A Xunta de Galicia a través do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) ven de publicar a convocatoria 2024 para a concesión de subvencións para a renovación de electrodomésticos, cuxa solicitude e tramitación se realizará a través dos propios establecementos comerciais de venta (entidades colaboradoras adheridas mediante un acordo de colaboración).
Actuacións subvencionables
– Renovación de electrodomésticos das seguintes tipoloxías coa etiqueta de clasificación establecida na seguinte táboa:
- Frigorífico e frigorífico-conxelador con clasificación enerxética A, B, C ou D.
- Conxelador con clasificación enerxética A, B, C ou D.
- Lavadora A ou B, incluíndo lavasecadoras sempre e cando teñan unha clasificación para lavado A ou B.
- Lavalouzas A,B ou C.
- Placas de indución total (soamente tecnoloxía de indución, non mixtas).
– Substitución das placas preexistente de calquera tecnoloxía por outra nova de indución total, para aquelas de tecnoloxía de indución non mixta.
Débese entregar o electrodoméstico retirado ao xestor autorizado máis próximo para o seu tratamento. Na páxina do INEGA (http://www.inega.gal) facilítase unha listaxe.
Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados dentro do prazo comprendido entre o 8 de febreiro e o 30 de setembro de 2024.
Contías das axudas para os compradores
Un beneficiario só poderá recibir axuda pola substitución dun único electrodoméstico de cada unha das tipoloxías de equipamentos incluídos e cun máximo de dous electrodomésticos por beneficiario. As persoas beneficiarias de edicións anteriores non poderán repetir a mesma tipoloxía de electrodoméstico subvencionados.
A cantidade da subvención non poderá ser superior ao 25 % do prezo do electrodoméstico para un consumidor xeral, do 50 % para consumidores vulnerables e do 75 % para consumidores vulnerables severos.
Condicións para a adhesión das entidades colaboradoras
- Deben ser entidades privadas con personalidade xurídica, constituídas e empresarios individuais con domicilio social ou algún centro de traballo na CCAA de Galicia e que acrediten as condicións de solvencia técnica e económica.
- Establecementos comerciais que se dediquen de forma total ou parcial á venda de electrodomésticos e, particularmente, aqueles cuxa actividade se enmarque nunha ou varias das epígrafes seguintes correspondentes ás tarifas do imposto sobre actividades económicas:
- Comercio ao retallo de material e aparellos eléctricos, electrónicos, electrodomésticos e outros aparellos de uso doméstico accionados por outro tipo de enerxía distinta da eléctrica.
- Comercio en grandes almacéns, que ofrecen unha variedade ampla e, en xeral, profunda, de varias gamas de produtos.
- Comercio en hipermercados, establecementos que ofrecen principalmente en autoservizo unha ampla variedade de produtos alimenticios e non alimenticios de gran venda.
- Comercio ao retallo de toda clase de artigos en economatos e cooperativas de consumo.
- Comercio ao retallo de toda clase de artigos, en establecementos distintos dos especificados nos grupos anteriores.
Dentro da iniciativa só se poden vender os equipamentos que cumpran coas condicións establecidas nas bases reguladoras das axudas.
Funcións das entidades colaboradoras:
- Comprobación inicial dos requisitos dos solicitantes da axuda, e do conxunto da actuación.
- Realización ante o Inega dos trámites para solicitar a axuda e a súa xustificación.
- Desenvolvemento das accións vinculadas á convocatoria.
- Desconto directo da axuda na factura de xeito que o beneficiario non chegue a realizar o desembolso.
Métodos de adhesión das entidades colaboradoras:
- Adhesión simplificada: para entidades xa adheridas ao convenio de xestión de subvención para a renovación de electrodomésticos en edicións anteriores. É necesario acceder a aplicación (http://www.inega.gal) ou accesible dende a sede electrónica da Xunta (http://sede.xunta.gal) para presentar a solicitude de adhesión e o convenio de colaboración por vía electrónica.
- Adhesión común: Para novas entidades colaboradoras. Deberán acceder á aplicación para presentar a solicitude de adhesión e o convenio por vía electrónica, coa presentación do documento adicional.
Data límite: o convenio de colaboración terá vixencia ata o 15 de Decembro de 2024.
Prazos:
- Prazo solicitude de adhesión para as entidades colaboradoras: do 15 de xaneiro ata o 1 de Xullo de 2024.
- Prazo presentación de solicitudes dos particulares: do 8 de febreiro do 2024 ata o 30 de setembro de 2024.
Máis información
CÓDIGO DE PROCEDEMENTO:
Adhesión de entidades colaboradoras: IN414B
Subvención a particulares: IN414C
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.
O contido desta presentación só ten fins informativos; en ningunha circunstancia o contido desta publicación poderá substituir a información proporcionada nos documentos oficiais.