AXUDAS PARA A EDICIÓN DE AUDIOLIBROS E LIBROS EN LECTURA FÁCIL

As empresas do ámbito editorial poden solicitar axudas para a publicación de audiolibros ou libros en lectura fácil en formato físico ou dixital co fin de facilitar o acceso universal á cultura.

Esta nova convocatoria está dirixida a empresas editoriais e permitiralles abrir novas vías de negocio, a través da concesión de axudas que compensen os gastos derivados da edición (produción), distribución e comercialización das súas publicacións en formato audiolibro e libros adaptados en lectura fácil en galego, editados, que sexan comercializados e distribuídos entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 31 de outubro de 2024.

Esta orde regula as seguintes modalidades de produción, distribución e comercialización:

  • Modalidade A. Axudas ao sector editorial galego, relativas a gastos de produción, distribución e comercialización de audiolibros en galego (CT238B).
  • Modalidade B. Axudas ao sector editorial galego, relativas a gastos de produción, distribución e comercialización de libros en lectura fácil en formato físico ou dixital, en galego (CT238C).

Beneficiarias

Persoas físicas ou xurídicas, que acrediten a condición de editoras de acordo co establecido nesta orde, para o cal deberán estar dadas de alta, antes do 1 de xaneiro de 2023, no epígrafe 476.1 de edición de libros, do imposto de actividades económicas.

Para ser beneficiarias, deberán estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

Gastos subvencionables

  1.  Modalidade A. Produción e comercialización de audiolibros en galego
    • Gastos de preparación da obra para a súa conversión: considéranse gastos de produción os de locución, medios técnicos do proceso de gravación (técnicas de son), corrección editorial, dirección ou calquera outro gasto de similar natureza.
    • Gastos de alugamento ou de disposición do equipo técnico necesario para a produción final.
    • Gastos de distribución: calquera actuación que permita a chegada da obra ás canles de difusión dixitais para acadar a posta efectiva ao dispor do público.
    • Gastos de comercialización: estratexias de márketing e publicidade en diferentes canles que favorezan o consumo da obra.
  2.  Modalidade B. Produción e comercialización de libros en lectura fácil.
    • Custo editorial: considéranse gastos de custo editorial os de autoría, adaptación, tradución, revisión, validación, maquetación, custos de preimpresión e impresión, dixitalización ou calquera outro de natureza similar.
    • Gastos de distribución: calquera actuación que permita a chegada da obra ás canles de difusión físicas ou dixitais para acadar a posta efectiva ao dispor do público.
    • Gastos de comercialización: estratexias de márketing e publicidade en diferentes canles que favorezan o consumo da obra.

Disposicións específicas

Os audiolibros obxecto de subvención deberán reunir as seguintes características:

  • Os audiolibros obxecto de subvención deberán reunir as seguintes características.
  • Os audiolibros deberán editarse para a súa comercialización. Para efectos destas bases, enténdese por edición comercial a que estea suxeita a un prezo de venda ao público.
  • Os audiolibros realizaranse mediante a utilización de voz humana real. Non se aceptarán os audiolibros realizados con voz electrónica.
  • No caso de edición en galego e noutro idioma, sempre que sexan publicadas por unha mesma entidade, empresa ou grupo editorial, será necesario que a edición en galego do audiolibro sexa anterior ou simultánea á edición noutro idioma, no caso de que esta exista.
  • Audiolibros cuxa produción sexa comercializada a través de plataformas de distribución dixital.
  • A produción, distribución e comercialización das obras deberase realizar entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 31 de outubro de 2024, ambos incluídos.
  •  Deberán contar cun plan de distribución e comercialización.
  • Cada editorial poderá solicitar axuda para un máximo de cinco (5) audiolibros.

 Libros en lectura fácil obxecto de subvención:

  • Estar editados en galego ou en calquera outro idioma que, de ser o caso, se traducirá para a lingua galega, e cuxa produción sexa comercializada a través de librarías ou doutras canles de distribución física ou dixital. Enténdese por edición comercial a que estea suxeita a un prezo de venda ao público.
  • A edición, distribución e comercialización das obras deberase realizar entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 31 de outubro de 2024, ambos incluídos.
  • Serán unha primeira edición dunha obra inédita en galego, ou ben a adaptación dunha obra xa publicada orixinariamente en galego, durante os últimos cinco anos, e da cal non exista adaptación en lectura fácil no mercado.
  • Serán traducións para o galego de obras publicadas noutro idioma e que xa estean adaptadas en lectura fácil.
  • No caso de edición en galego e noutro idioma, sempre que sexan publicadas por unha mesma entidade, empresa ou grupo editorial, será necesario que a edición en galego dos libros adaptados sexa anterior ou simultánea á edición noutro idioma, no caso de que esta exista.
  • Unha obra que estea editada en varias encadernacións (rústica, cartoné, etc.), só se poderá presentar nunha delas.
  •  Deberán contar cun plan de distribución e comercialización.
  • Empregarán o logo de lectura fácil como selo de calidade, marcadas pola IFLA (Federación Internacional de Asociacións de Bibliotecarios e Bibliotecas) e Inclusion Europe, e, polo tanto, acredita a validación das obras adaptadas.
  •  Serán difundidos a través do mercado do libro e, de ser o caso, a través dos catálogos das entidades especializadas en accesibilidade e inclusión.
  • Cada editorial poderá solicitar axuda para un máximo de cinco (5) libros adaptados en lectura fácil.

Contía da axuda:

Modalidade A:

  1. Adxudicaranse as subvencións por orde de puntuación unha vez aplicados os criterios e as limitacións orzamentarias establecidas neste artigo, asegurando que o importe final adxudicado a cada audiolibro sexa o 80 % do orzamento solicitado, ata esgotar o orzamento da convocatoria.
  2.  O importe máximo  subvencionable por obra será de 5.000 €, cunha axuda total máxima de 20.000 € por empresa editora.

Modalidade B:

  1. Adxudicaranse as subvencións por orde de puntuación unha vez aplicados os criterios e as limitacións orzamentarias establecidas neste artigo, asegurando que o importe final adxudicado a cada libro en lectura fácil sexa o 90 % do orzamento solicitado, ata esgotar o orzamento da convocatoria.
  2. O importe máximo subvencionable por obra será de 6.000 €, cunha axuda total máxima de 15.000 € por empresa editora.

Prazo 

O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto ata o 27 de xullo de 2023.

Máis información

Consulta a ORDE do 15 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a edición de audiolibros e libros en lectura fácil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023

Acceder ao procedemento de tramitación

Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *