O programa “Pontevedra provincia, plató de cinema” revelouse desde a súa primeira edición como un instrumento útil para o auxe do audiovisual galego rodado na nosa provincia; proba disto é a produción de máis de 15 longametraxes e curtametraxes, rodadas na provincia de Pontevedra, que contaron coa colaboración da Deputación.
A entidade provincial renova a liña de actuación para a realización de contratos de patrocinios con entidades privadas no ámbito de producións audiovisuais “Pontevedra provincia, plató de cinema”, co obxectivo de levar a cabo actuacións de promoción cultural e turística na provincia de Pontevedra e apoiar o auxe do audiovisual galego rodado na nosa provincia en relación con proxectos audiovisuais ou obras de animación en galego que melloren a visibilidade e a notoriedade da provincia de Pontevedra, sobre a base dos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade e eficiencia da utilización dos recursos públicos.
Ámbito obxectivo
Posibilidade de asinar contratos privados de patrocinio para a realización de proxectos audiovisuais ou obras de animación en galego que melloren a visibilidade e a notoriedade da provincia de Pontevedra.
Quedan excluídos desta regulación:
- As producións de series, os vídeos musicais e os documentais.
- As accións ou actividades de carácter exclusivamente académico, así como as dirixidas ao profesorado ou ao alumnado de centros educativos e á formación de formadoras e formadores.
- Os proxectos ou actividades que teñan un contido de propaganda política ou relixiosa.
- Os proxectos ou actividades que soliciten patrocinio para facerlles fronte aos gastos relacionados con axudas de custo, representación e honorarios de persoal técnico ou artístico.
- Solicitantes que, unha vez transcorridos os prazos legalmente outorgados, teñan pendentes de xustificar pagos de axudas ou patrocinios concedidos antes da data de peche desta regulación.
- Proxectos ou actividades que recibisen financiamento no ano en curso por parte da Deputación de Pontevedra para a mesma acción.
- As fundacións e as asociacións deportivas, educativas e xuvenís, así como as de alumnado, de nais e pais, e as asociacións da veciñanza.
- Non se aceptarán proxectos que inclúan contido discriminatorio de ningún tipo ou enaltezan actitudes violentas.
Exclúense desta regulación os proxectos e as actividades de contido cultural, de mediano ou gran formato, con repercusión social, cultural ou turística de gran relevancia debidamente acreditada con datos de impacto.
Finalidade
Poder patrocinar, por parte da Deputación de Pontevedra, proxectos audiovisuais desenvolvidos por entidades privadas que difundan a imaxe da provincia de Pontevedra e que, pola súa importancia, relevancia e repercusión, supoñan unha vía para darlle publicidade á nosa provincia e apoiar o auxe do audiovisual galego rodado aquí.
O obxectivo é promover a industria audiovisual galega, ao crear valor engadido nos seus proxectos a través da adopción das medidas necesarias para posicionalos como un produto cultural capaz de atraer visitantes, proxectar a provincia de Pontevedra como destino, poñer en valor as industrias audiovisuais e creativas e visibilizar boas prácticas que sirvan como referencia para o sector.
Quen pode solicitar
Poderán solicitar as peticións de patrocinio as persoas físicas (autónomas) ou xurídicas constituídas como produtoras audiovisuais independentes que desenvolvan proxectos de produción audiovisual en galego que, pola súa importancia, relevancia e transcendencia, teñan unha gran repercusión ou retorno publicitario das actividades culturais, artísticas e promocionais no uso da lingua galega que teñan lugar na provincia.
Por produtora independente enténdese, para os efectos desta convocatoria, toda persoa física ou xurídica privada que teña a iniciativa e asuma a responsabilidade na produción audiovisual e non sexa obxecto de influencia dominante por parte dun prestador de servizo de comunicación ou difusión audiovisual nin dun titular de canle televisiva privada, nin exerza, pola súa parte, unha influencia dominante.
Requisitos
- A rodaxe será exclusivamente en lingua galega, sen prexuízo de que tamén poida dobrarse ou subtitularse noutras linguas.
- As producións deben contar cunha porcentaxe de rodaxe en escenarios da provincia de Pontevedra de, como mínimo, un 50 %.
- Os espazos nos que se desenvolva a rodaxe deben ser recoñecibles como parte do patrimonio material, inmaterial, natural, social ou histórico da provincia de Pontevedra. No caso de proxectos de animación, onde non existe necesariamente unha rodaxe física no territorio, deberán contar igualmente con referencias xeográficas ou simbólicas da provincia.
- O período de realización deberá comezar o ano da solicitude e a produción audiovisual rematar antes do 30 de setembro do ano seguinte.
Contía
Orzamento da Deputación para o ano 2023 por un importe total de noventa mil (90.000,00) euros ata esgotar o devandito crédito.
Os recursos existentes e para poder realizar unha asignación máis equitativa, establécense uns importes máximos do prezo do patrocinio por entidade, que serán:
- Vinte e cinco mil (25.000,00) euros (IVE incluído), para o apoio á produción de longametraxes (duración mínima de 60 minutos).
- Tres mil cincocentos (3.500,00 ) euros (IVE incluído), para o apoio á produción de curtametraxes.
O patrocinio máximo por entidade beneficiaria en ningún caso poderá exceder o 50 % do orzamento total do proxecto (incluídos os impostos).
Prazo
O prazo de presentación das axudas estará aberto ata o 31 de xullo de 2023.
Valoración
A puntuación máxima será de 90 puntos, segundo a valoración técnica obtida dos seguintes criterios obxectivos:
- Prestixio, traxectoria e historial de premios e festivais da directora ou director: ata 15 puntos
- Prestixio, traxectoria e historial de premios e festivais da produtora audiovisual: ata 15 puntos
- Prestixio, traxectoria e historial de premios do elenco de actores e actrices: ata 15 puntos
- Promoción da igualdade e con análise da existencia de paridade de xénero no equipo técnico e no elenco actoral: ata 15 puntos
- Fomento de valores sociais no carácter da produción e do seu guión: igualdade, inclusión, sostibilidade etc.: ata 15 puntos
- Retorno nos medios de comunicación, no turismo e no desenvolvemento económico, así como na imaxe; valorarase o impacto sobre a institución, a provincia e a marca “Pontevedra”, así como a percepción por parte do público desta imaxe: ata 15 puntos
A valoración e a proposta de contrato respectará a orde de presentación das solicitudes.
Máis Información
Formulario presentación na Sede electrónica da Deputación de Pontevedra
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.