A través desta orde publícanse as bases que regulan as axudas para a posta en marcha de proxectos de servizos destinados á atención de nenas e nenos de ata tres anos de idade, mediante o establecemento dunha “casa niño” en núcleos rurais do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia nos que non exista ningún outro recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade.
Así mesmo convócanse as axudas para os proxectos que se poñan en marcha durante o 2023, 2024 e 2025 e 2026.
Beneficiarias
Persoas físicas que se establezan como empresarias autónomas e cooperativas de traballo asociado que reúnan os seguintes requisitos:
- Estar en posesión, da formación ou experiencia seguintes:
- Técnico/a superior en educación infantil.
- Grao en mestre/a de educación infantil/educación primaria.
- Grao en pedagoxía, psicoloxía ou educación social.
- Diploma que acredite ter realizado o curso de formación integral ou o curso de formación complementaria para futuros/as profesionais das casas niño impartidos pola Xunta de Galicia.
- Formación acreditada en áreas relacionadas coa atención á infancia e coidados infantís ou experiencia profesional acreditada neste ámbito.
- Residir nun núcleo rural do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia en que non exista ningún recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade.
- Contar cun inmoble nun núcleo rural do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia no que non exista ningún recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade. O dito inmoble estará dotado cos seguintes recursos:
- Sistema de calefacción que cubra todas as estancias dedicadas ao desenvolvemento da iniciativa.
- Unha sala con iluminación e ventilación naturais directas e un mínimo de 20 metros cadrados, distribuída e organizada con criterios de flexibilidade para dar resposta ás distintas necesidades das nenas e nenos de 0-3 anos.
- Dúas zonas, unha para o descanso e outra para a hixiene infantil.
- Unha zona para a preparación, almacenamento e conservación de alimentos dotada, cando menos, dun mesado, frigorífico, vertedoiro e microondas.
- Elementos de protección como enchufes de seguridade infantil.
- Un mobiliario e equipamento básico para a atención das nenas e nenos e con marcación CE.
- Dispoñer dun plan de actuación cos nenos/as para atender eventuais emerxencias que se poidan producir na casa niño.
- Acreditar o estado de saúde cunha revisión médica anual. No caso de cooperativas de traballo asociado esta acreditación deberá estar referida á/s persoa/s socia/s que desenvolvan o proxecto.
Accións subvencionables
- Serán subvencionables os gastos derivados das seguintes actuacións:
- A reforma e adaptación do inmoble destinado a servir de casa niño, así como o seu equipamento e dotación material.
- A prestación da atención personalizada de nenos e nenas de 0-3 anos.
- Os gastos previstos no número 1.a) só serán subvencionables sempre que tendo comezado o investimento con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2023, non estea totalmente finalizado no momento da presentación da solicitude de axuda e respecto dos gastos que sexan efectivamente pagados no prazo de execución, que é de dous meses computados desde a notificación da resolución de concesión, ampliable a tres para os supostos de constitución dunha cooperativa de traballo asociado.
Contía
- As axudas para gastos de investimento consistirán nunha subvención de ata o 100% dos gastos realizados, cun límite máximo global por casa niño de 15.000 euros.
- Polo desenvolvemento da actividade do proxecto consistirá nunha achega económica de 21.560 €/ano en forma de prima destinada a apoiar esta iniciativa emprendedora no inicio da súa andadura. Este importe minorarase proporcionalmente en función dos meses efectivos de desenvolvemento.
Prazo
O prazo para a presentación da solicitude estará aberto ata o 24 de Marzo de 2023.
Máis información
Acceder ao procedemento de tramitación: Código de procedemento BS403C
Para calquera información a maiores sobre esta convocatoria ou se precisas axuda na tramitación, podes poñerte en contacto co noso Servizo de Asesoramento a Emprendedores (SAE), chamando ao teléfono 986 42 33 66.