AXUDAS MUNICIPAIS Á CONTRATACIÓN VIGO 2022

O obxecto é servir de estímulo ao empresariado para a contratación das persoas traballadoras do municipio de Vigo, favorecer o emprego estable e facilitar ás persoas traballadoras máis vulnerables o seu acceso ao emprego que permita mellorar o seu grao de empregabilidade na contorna da empresa

PROGRAMA INDEFINIDOS. PROGRAMA DE INCENTIVOS PARA A TRANSFORMACIÓN DE CONTRATOS TEMPORAIS EN INDEFINIDOS

CARACTERÍSTICAS DO PROGRAMA

  • Comprende a transformación no período comprendido desde o 1 de xaneiro ata o 15 de xullo de 2022.
  • O contrato formalizado, xunto coas súas prórrogas, previo a súa transformación a indefinido terá unha duración efectiva acreditada de 3 ou mais meses de duración e unha xornada laboral superior ou igual a 20 horas semanais ou ao 50% da xornada laboral semanal.
  • A xornada laboral do novo contrato indefinido será superior ou igual á xornada do contrato temporal do que deriva.
  • A persoa traballadora pola que se solicita esta axuda estará empadroada no municipio de Vigo desde o 1 de outubro de 2021, e prestará servizos no mesmo.
  • As empresas verán incrementada ou diminuída a contía da axuda segundo as características da persoa a contratar e a duración da xornada de traballo.

BENEFICIARIOS

Poderán concorrer a esta convocatoria pública as persoas físicas (autónomos/as) e empresas privadas, con independencia da súa forma xurídica, as comunidades de bens, sociedades civís, sociedades cooperativas, sociedades laborais e as persoas emprendedoras que estean de alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou mutualidade de colexio profesional.

As empresas solicitantes afectadas por un ERTE deberán ter reiniciado a súa actividade económica coa incorporación da totalidade do persoal afectado polo ERTE e restablecendo a xornada laboral preexistente agás as extincións de contrato por despido disciplinario, dimisión, xubilación, incapacidade permanente, expiración do tempo convido ou a realización da obra ou servizo que constitúe o seu obxecto.

REQUISITOS DOS BENEFICIARIOS

  • Aqueles beneficiarios nas que concorra algunha das circunstancias previstas na Lei de Subvencións e na Lei de Subvencións de Galicia.
  • Que teñan debidamente xustificadas en tempo e forma as axudas outorgadas no Concello de Vigo na convocatoria anterior.
  • A persoa beneficiaria non poderá recibir ningunha outra axuda ou subvención pola mesma contratación, de calquera outra entidade pública ou privada, estatal ou internacional.
  • Acreditar no momento da solicitude a transformación da contratación temporal en indefinida de persoas traballadoras empadroadas no municipio de Vigo alo menos desde o 1 de outubro de 2021.
  • As condicións para o incremento da contía da axuda segundo o colectivo no que se encadre a persoa traballadora deberá concorrer no momento da transformación do contrato temporal en indefinido.
  • Non se incentivará a transformación dos contratos temporais en indefinidos cando tivese transcorrido máis de 24 meses dende a súa celebración inicial, agás aquelas modalidades temporais nas que a súa normativa permita unha duración superior a este prazo, computándose todas as modalidades contractuais celebradas sen ruptura de continuidade.
  • A xornada do novo contrato indefinido será superior ou igual á xornada do contrato temporal do que deriva.
  • A duración do contrato temporal inicial será de 3 ou máis meses de traballo efectivo acreditado e terá unha xornada superior ou igual a 20 horas semanais ou ao 50% da xornada laboral semanal establecida no correspondente convenio de aplicación (excepto na modalidade de contrato fixo-descontinuo, que poderá ter unha duración inferior á xornada a tempo completo en cómputo anual ou por circunstancias excepcionais debidamente motivadas que serán avaliadas pola Comisión de Valoración).
  • Que se atope ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias coa AEAT, ATRIGA, co Concello de Vigo e coa SS.
  • Que non exista no orzamento municipal vixente consignación orzamentaria nominativa ao seu favor para a concesión dunha subvención ou axuda directa.

CONTÍA

Ás persoas emprendedoras autónomas e micropemes corresponderalle unha contía adicional de 500€ sobre o total da contía da axuda resultante que será de aplicación unha soa vez con independencia do número de solicitudes presentadas nas dúas modalidades desta axuda.

O límite máximo de subvención por empresa solicitante non poderá exceder de 10.000 €.

PROGRAMA DE INCENTIVOS Á CONTRATACIÓN (PROGRAMA CONTRATACIÓNS)

CARACTERÍSTICAS DO PROGRAMA

  • Comprende a contratación por conta allea, no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 15 de xullo de 2022, de persoas traballadoras desempregadas inscritas como demandantes de emprego no SEPE, empadroadas no municipio de Vigo, para prestar servizos no mesmo.
  • O contrato subscrito terá unha duración mínima de 3 meses e unha xornada laboral superior ou igual a 20 horas semanais ou ao 50% da xornada laboral semanal establecida no convenio de aplicación.
  • A persoa traballadora pola que se solicita esta axuda resultará seleccionada entre as candidaturas remitidas desde a unidade de Desenvolvemento Local e Emprego do Concello de Vigo e desde o Servizo Público de Emprego de Galicia aos que previamente se lles remitirá a correspondente oferta de emprego. No caso de falta de candidaturas co perfil requirido admitirase á empresa solicitante a contratación dunha persoa traballadora que resulte do seu proceso de selección e reúna os requisitos desta convocatoria.
  • A persoa traballadora pola que se solicita esta axuda reunirá as condicións que se determinen na data do inicio do contrato polo que se solicita a axuda: estar inscrita no Servizo Público de Emprego, estar empadroada no Concello de Vigo alo menos desde o 1 de outubro de 2021, e prestar servizos no municipio.
  • A beneficiaria verá incrementada ou diminuída a contía da axuda segundo a duración do contrato, as características da persoa a contratar e a duración da xornada de traballo.
  • Todas as contratacións deberán ir precedidas, inescusablemente, do procedemento de selección indicado nestas bases.
  • Para as contratacións de persoal realizadas dentro do período subvencionable (a partir do 1/01/2022) e antes da publicación desta convocatoria de subvencións, as entidades solicitantes da axuda deberán acreditar a presentación da oferta de emprego no SPEG e na Unidade de Desenvolvemento Local e Emprego debendo concorrer, en todo caso, no persoal contratado, os requisitos da convocatoria.
  • As empresas solicitantes afectadas por un ERTE deberán ter reiniciado a súa actividade económica coa incorporación da totalidade do persoal afectado polo mesmo e restablecendo a xornada laboral preexistente agás as extincións de contrato por despido disciplinario, dimisión, xubilación, incapacidade permanente, expiración do tempo convido ou a realización da obra ou servizo que constitúe o seu obxecto.

BENEFICIARIOS

Poderán concorrer a esta convocatoria pública as persoas físicas (autónomos/as) e empresas privadas, con independencia da súa forma xurídica, as comunidades de bens, sociedades civís, sociedades cooperativas, sociedades laborais e as persoas emprendedoras que estean de alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou mutualidade de colexio profesional.

Non poderán solicitar estas axudas as entidades sen ánimo de lucro nin as persoas físicas distintas do disposto no parágrafo anterior.

REQUISITOS DOS BENEFICIARIOS

  • Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles nas que concorra algunha das circunstancias previstas na Lei Xeral de Subvencións e na Lei Xeral de Subvencións de Galicia.
  • Que teñan debidamente xustificadas en tempo e forma as axudas outorgadas nesta área do Concello de Vigo na convocatoria anterior.
  • O/A beneficiario/a non poderá recibir ningunha outra axuda ou subvención pola mesma contratación, de calquera outra entidade pública ou privada, estatal ou internacional.
  • As persoas a contratar polo beneficiario deberán ser persoas desempregadas inscritas no servizo Público de Emprego, agás as persoas traballadoras desempregadas afectadas por un ERTE, e estar empadroadas no municipio de Vigo, alo menos desde o 1 de outubro de 2021.
  • Con carácter previo á contratación, solicitarán as candidaturas para a selección da/s persoa/s traballadora/s desempregada/s a contratar ante a unidade de Desenvolvemento Local e Emprego do Concello de Vigo e ante a oficina do servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) mediante a presentación, da correspondente oferta de emprego.
  • A condición para o incremento da contía da axuda segundo o colectivo no que se encadre a persoa traballadora deberá concorrer na data de inicio da relación laboral.
  • Que se atope ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias coa AEAT, coa ATRIGA, co Concello de Vigo e coa SS.
  • Que non exista no orzamento municipal vixente consignación orzamentaria nominativa ao seu favor para a concesión dunha subvención ou axuda directa, é dicir, para a formalización dun convenio de colaboración, para o fomento do emprego.

CONTÍA

As persoas emprendedoras autónomas e micropemes corresponderalle unha contía adicional de 500€ sobre o total da contía da axuda resultante que será de aplicación unha soa vez con independencia do número de solicitudes presentadas nas dúas modalidades desta axuda.

O límite máximo de subvención por empresa solicitante non poderá exceder de 10.000 €.

DISPOSICIÓNS COMÚNS

EXCLUSIÓNS E INCOMPATIBILIDADES

Exclúense:

  • As relacións contractuais que se formalicen cos socios que posúan máis do 33% do capital social en empresas que revistan a forma xurídica de sociedade mercantil, así como as que se subscriban con algún dos membros da Comunidade de bens ou da sociedade civil solicitante.
  • Os contratos realizados co/a cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, do/a empresario/a individual, e as súas análogas no caso de parellas de feito, ou dos/as que ocupen cargos de dirección ou sexan membros de órganos de administración das empresas que revistan forma xurídica de sociedade. Non será de aplicación esta exclusión cando a persoa empregadora sexa unha persoa traballadora autónoma sen asalariados e contrate como persoa traballadora por conta allea aos fillos/as menores de 30 anos, tanto se conviven con ela coma se non.
  • Contratacións realizadas por empresas de traballo temporal para a posta a disposición da persoa contratada en empresas usuarias.

Estas axudas serán incompatibles con outras, que por eses conceptos, poidan outorgar outras entidades públicas ou privadas, estatais ou internacionais, como medida de fomento do emprego. Aínda que serán compatibles, se é o caso, cos incentivos en forma de bonificacións da Seguridade Social.
As entidades beneficiarias deberán comunicar ao Concello de Vigo a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien a actividade subvencionada. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, coa presentación da xustificación da subvención outorgada.

PRAZO

O prazo de presentación de solicitudes remata o 22 de xullo de 2022.

MÁIS INFORMACIÓN

Para máis información pode consultar as bases no BOPPO premendo aquí.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *