TIPOS DE AXUDA
Existen 2 liñas de axuda:
- Bono de contratación, por medio do cal se proporcionará unha subvención para a contratación indefinida inicial de persoas desempregadas realizadas por persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia.
- Bono de formación (opcional), dirixido ás persoas contratadas por medio desta orde, para levar a cabo accións formativas que melloren os seus coñecementos e habilidades relacionados co posto de traballo.
LIÑA 1. BONO DE CONTRATACIÓN
ÁMBITO
Serán subvencionables as contratacións indefinidas (realizadas por persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia; a tempo parcial, completo ou fixos-descontinuos) a persoas desempregadas que se formalicen desde o 1 de outubro de 2021 ata o 30 de setembro de 2022. Requisitos:
- Os incentivos previstos nesta orde serán de aplicación ás contratacións indefinidas iniciais que realicen as persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con persoas traballadoras desempregadas para prestar servizos en centros de traballo situados en Galicia.
- Será subvencionable a primeira contratación indefinida inicial cando na data en que se formalice o contrato polo que se solicita a subvención non houbese outra persoa traballadora contratada cunha relación laboral indefinida nin se contratase con carácter indefinido, con anterioridade, outra persoa traballadora, agás que este contrato indefinido se extinguise por dimisión, morte, xubilación, incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez da persoa traballadora, ou por resolución durante o período de proba.
- Serán subvencionables a segunda e a terceira contratación indefinida inicial sempre que con anterioridade á formalización destes contratos non se realizasen dúas o máis contratacións indefinidas, agás que estes contratos indefinidos anteriores se extinguisen por dimisión, morte, xubilación, incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez da persoa traballadora, ou por resolución durante o período de proba.
- Para que poida ser obxecto de subvención, o contrato indefinido inicial deberá formalizarse e comunicarse á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida.
CONTÍA
As contratacións indefinidas iniciais incentivaranse coas seguintes axudas:
- Primeira persoa traballadora indefinida
- A axuda consistirá nunha contía de 4.000 € cando se trate dunha persoa desempregada.
- Esta axuda será de 6.500 € cando a persoa desempregada se atope nalgún dos seguintes colectivos, non acumulables:
- Persoas desempregadas de longa duración
- Persoas con discapacidade.
- Persoas en situación ou risco de exclusión social
- Segunda e terceira persoa traballadora indefinida.
- A axuda consistirá nunha contía de 6.500 € cando se trate dunha persoa desempregada.
- Esta axuda será de 9.000 € cando a persoa desempregada se atope nalgún dos seguintes colectivos, non acumulables:
- Persoas desempregadas de longa duración.
- Persoas con discapacidade.
- Persoas en situación ou risco de exclusión social.
- Estas contías resultantes incrementaranse nun 25 % nos seguintes casos, que son acumulables entre si:
- Se a persoa incorporada é unha muller.
- No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) da persoa autónoma estea situado nun concello rural.
- Persoas maiores de 45 anos.
- Se a persoa incorporada é unha persoa emigrante retornada.
- Persoas trans.
- Profesións e oficios en que a muller estea subrepresentada, anexo V desta orde.
- Deste xeito as contías máximas posibles, de aplicarse todos os incrementos, serían:
- Para a primeira persoa traballadora indefinida 16.250 €.
- Para a segunda e terceira persoa traballadora indefinida 22.500 €.
OBRIGAS DAS PERSOAS BENEFICIARIAS
- A persoa beneficiaria deberá manter no seu cadro de persoal a persoa traballadora contratada por un tempo mínimo de 18 meses.
- No suposto da segunda e terceira contratación indefinida subvencionada, a persoa beneficiaria está obrigada a manter durante 18 meses, contados desde a data da realización da contratación subvencionada, o número de persoas traballadoras fixas do seu cadro de persoal.
- No suposto de extinción da relación laboral dalgunha persoa traballadora pola que se concedeu a subvención, a persoa beneficiaria está obrigada a cubrir a vacante cunha nova contratación indefinida inicial, polo menos cunha xornada de traballo igual ou superior á da persoa substituída, e a nova persoa traballadora deberá pertencer a algún colectivo polo que se lle poida conceder un incentivo por importe igual ou superior ao da persoa que causase baixa. Para cumprir esta obriga a empresa ten de prazo ata o último día do mes seguinte ao da baixa. Esta nova contratación deberá serlle comunicada ao órgano que concedeu a axuda e non dará lugar, en ningún caso, a unha nova subvención.
LIÑA 2. BONO DE FORMACIÓN
ACCIÓNS SUBVENCIONABLES
As persoas autónomas que así o soliciten poderán ser beneficiarias dun bono para a formación das persoas traballadoras subvencionadas por medio do programa de bono de contratación previsto nesta orde. Para isto teñen que cumprir os seguintes requisitos:
A persoa traballadora que recibe a formación e titorización ten que ser a mesma que participa no programa de bonos de contratación e, polo tanto, cumprir os mesmos requisitos que se establecen para participar na sección 1ª desta convocatoria.
A duración da acción formativa será dun mínimo de 70 horas de formación teórica en contidos relacionados co posto de traballo a que asista integramente a persoa traballadora que participa neste programa.
A acción formativa terá lugar dentro dos tres primeiros meses desde a data da solicitude e deberá estar finalizada o 30 de novembro de 2022.
LUGAR
As persoas beneficiarias desenvolverán as accións formativas a través de medios propios ou por medio da súa contratación, e poderán realizalas tanto nas súas instalacións como nas da entidade encargada da súa formación.
Para o caso de impartición da formación na modalidade de teleformación, deberá realizarse a través dunha plataforma virtual de aprendizaxe cunha metodoloxía apropiada para esta modalidade que posibilite a interactividade entre a persoa traballadora que recibe a formación e a que imparte a titoría e que asegure a xestión dos contidos, un proceso de aprendizaxe sistematizado, o seu seguimento continuo en tempo real, así como a avaliación de todo o proceso. Para elo, programaranse controis periódicos de aprendizaxe cun número de horas para cada módulo.
CONTÍA
A contía máxima da axuda é de 4.000 € por cada persoa traballadora subvencionada por medio do programa de bono de contratación.
DISPOSICIÓNS COMÚNS
PRAZO
Para as contratacións realizadas entre o 1 de outubro de 2021 e o 28 de xaneiro de 2022, o prazo máximo será o 28 de marzo de 2022.
Para as contratacións realizadas dende o 29 de xaneiro (entrada en vigor da orde) ata o 30 de setembro de 2022, poderán solicitarse ata o último día do segundo mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral indefinida pola que se solicita subvención.
O prazo para a presentación das solicitudes de axudas rematará o 30 de setembro de 2022.
INCOMPATIBILIDADES
- As subvencións previstas no bono de contratación son incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento de emprego. Non obstante, serán compatibles, se é o caso, cos incentivos en forma de bonificacións á Seguridade Social.
- As subvencións previstas no bono de formación son incompatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o financiamento das horas de formación.
- Os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 80 % do custo salarial de dúas anualidades correspondentes ao contrato que se subvenciona.
- Os incentivos establecidos nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda para distinta finalidad, sen que en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poidan superar os límites establecidos pola Unión Europea e os que establece o artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
EXCLUSIÓNS
- As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto das traballadoras e traballadores, ou noutras disposicións legais e disposicións complementarias.
- Os contratos realizados co cónxuxe, os ascendentes, os descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, da persoa solicitante. Non será aplicable esta exclusión cando a persoa empregadora sexa unha persoa traballadora autónoma que contrate como persoa traballadora por conta allea os fillos e fillas menores de 30 anos, tanto se conviven ou non con el, ou cando se trate dunha persoa traballadora autónoma sen persoas asalariadas e contrate un só familiar menor de 45 anos que non conviva no seu fogar nin estea ao seu cargo.
MÁIS INFORMACIÓN
Para máis información podes consultar as bases na ORDE do 29 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida e a formación de persoas asalariadas ou na Sede Electrónica da Xunta (TR349F)