PLAN GALICIA EMPREGA

Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras polas cales se rexerán as axudas que favorezan a contratación de persoas desempregadas na empresa ordinaria e especialmente daquelas que teñen maiores dificultades de inserción laboral establecidas pola Consellería de Emprego e Igualdade, coa finalidade de seguir paliando os prexuízos derivados dos efectos da COVID-19 sobre o mercado de traballo.

PROGRAMA DE INCENTIVOS Á CONTRATACIÓN POR CONTA ALLEA E Á FORMACIÓN (TR342C)

BENEFICIARIOS XERAIS

Poderán ser entidades beneficiarias dos incentivos previstos:

  • As persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas que contraten persoas traballadoras por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen. Tamén poden ser beneficiarios dos incentivos os centros especiais de emprego, excepto para facer contratos con persoas con discapacidade e as empresas de inserción laboral excepto para facer contratos con persoas con discapacidade.
  • As empresas que teñan cincuenta ou máis persoas traballadoras deberán cumprir a cota de reserva para persoas con discapacidade, conforme se dea ocupación, polo menos, ao 2 % de traballadores e traballadoras con discapacidade sobre o total das persoas traballadoras ou, no seu defecto, as medidas de carácter excepcional establecidas no artigo 42 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social.

1ª. LIÑA DE INCENTIVOS Á CONTRATACIÓN POR CONTA ALLEA

Os incentivos previstos neste programa serán de aplicación:

  • Ás contratacións indefinidas iniciais, incluída a modalidade de fixo-descontinuo, realizadas desde o 1 de outubro de 2021 ata o 30 de setembro de 2022, ambas datas inclusive, con persoas desempregadas mozas, persoas desempregadas de longa duración, mulleres desempregadas e persoas desempregadas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social, segundo o establecido no artigo 5 desta orde de convocatoria.
  • Ás contratacións temporais que se formalicen desde o día 1 de outubro de 2021 ata o 30 de setembro de 2022, ambas datas inclusive, con persoas desempregadas mozas, persoas desempregadas de longa duración, mulleres desempregadas e persoas desempregadas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social, segundo o establecido na convocatoria.

Requisitos:

  • As contratacións indefinidas iniciais, incluída a modalidade dos contratos fixos-descontinuos, de persoas mozas, persoas paradas de longa duración e mulleres, persoas desempregadas todas elas, deberán ser cunha xornada a tempo completo.
  • As contratacións indefinidas iniciais, incluída a modalidade de fixos-descontinuos, de persoas desempregadas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social poderán ser a tempo completo ou a tempo parcial.
  • As contratacións temporais de persoas mozas, persoas paradas de longa duración e mulleres, persoas desempregadas todas elas, deberán ter unha duración inicial mínima de doce meses.
  • As contratacións temporais de persoas desempregadas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social poderán ter unha duración inicial mínima de tres meses.
  • Respecto da xornada, as contratacións temporais de persoas mozas, persoas paradas de longa duración e mulleres, persoas desempregadas todas elas, deberán ser a tempo completo.
  • As contratacións temporais de persoas desempregadas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social poderán ser a tempo completo ou a tempo parcial
  • Nas transformacións de contratos temporais en indefinidos (incluída a modalidade dos contratos fixos-descontinuos) realizadas con persoas mozas, mulleres e persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social, o contrato temporal obxecto de transformación deberá estar vixente con anterioridade á entrada en vigor desta orde de convocatoria
  • Os incrementos de xornada, nas contratacións indefinidas iniciais a tempo parcial realizadas con persoas mozas, mulleres e persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social, serán subvencionables ata acadar o 100 % da xornada ordinaria ou da establecida no convenio colectivo de aplicación

EXCLUSIÓNS

  • Exclúense dos beneficios regulados nesta liña de incentivos á contratación por conta allea:
  • As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2º.1 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores ou noutras disposicións legais, así como as contratacións de traballadores ou traballadoras para prestaren servizos noutras empresas mediante contratos de posta á disposición.
  • Os contratos realizados co cónxuxe, os ascendentes, os descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, da empresaria ou empresario ou das persoas que teñan cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como as que se produzan con estes últimos. Non será aplicable esta exclusión cando a persoa empregadora sexa unha persoa traballadora autónoma que contrate como persoa traballadora por conta allea aos fillos e fillas menores de 30 anos, tanto se conviven ou non con el ou cando se trate dunha persoa traballadora autónoma sen persoas asalariadas, e contrate a un só familiar menor de 45 anos que non conviva no seu fogar nin estea ao seu cargo.
  • As contratacións realizadas con persoas traballadoras que nos 6 meses anteriores á data da contratación prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato de carácter indefinido ou nos últimos 3 meses mediante un contrato de carácter temporal. O disposto neste parágrafo será tamén de aplicación no suposto de vinculación laboral anterior da persoa traballadora con empresas ás cales a persoa solicitante dos beneficios sucedese en virtude do establecido no artigo 44 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro

GASTOS SUBVENCIONABLE

Terá a consideración de gasto subvencionable:

As contratacións indefinidas iniciais incentivaranse cunha axuda de:

  • 6.000 euros, cando a persoa traballadora sexa desempregada moza.
  • 10.000 euros, cando a persoa traballadora sexa desempregada de longa duración.
  • 12.000 euros, cando a persoa traballadora sexa unha muller desempregada.
  • 16.000 euros, cando a persoa traballadora contratada sexa unha persoa desempregada con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social. Neste suposto, se o contrato é a tempo parcial, a contía do incentivo será proporcional ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, da xornada ordinaria máxima legal.
  • No caso de contratacións na modalidade de fixo-descontinuo, a contía do incentivo será proporcional ao tempo de traballo.


As contratacións temporais incentivaranse cunha axuda de:

  • 3.000 euros, cando a persoa contratada sexa desempregada moza.
  • 5.000 euros, cando a persoa traballadora sexa persoa desempregada parada de longa duración.
  • 6.000 euros, cando a persoa traballadora sexa muller desempregada.
  • 8.000 euros, cando a persoa traballadora contratada sexa unha persoa desempregada con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social e a duración inicial mínima do contrato sexa de 12 meses. Cando a duración inicial mínima do contrato sexa de 3 meses, a contía do incentivo será proporcional ao número de meses de duración do contrato. Nestes supostos, se o contrato é a tempo parcial, a contía do incentivo será proporcional ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, da xornada ordinaria máxima legal.

As contías anteriores veranse incrementaranse nun 25 % nos seguintes casos, acumulables entre si:

  • No suposto de que o centro de traballo estea situado nun concello rural.
  • Se a persoa contratada é maior de 45 anos.
  • Persoas Trans.
  • Se a persoa contratada é un emigrante retornado.
  • Se a contratación se realiza con mulleres en profesións e oficios nos que a muller estea subrepresentada, segundo o informe do Instituto Galego das Cualificacións que se reflicte na lista que figura no anexo V.
  • Os contratos indefinidos iniciais e os temporais formalizados con persoas desempregadas mozas, persoas desempregadas paradas de longa duración e persoas desempregadas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social, incrementaranse, ademais, nun 25 % se a persoa incorporada é unha muller desempregada.
  • 2.000 euros, cando a persoa traballadora contratada sexa unha persoa moza ou muller.
  • 3.000 euros, se o contrato se celebra cunha persoa con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social. Neste suposto, se o contrato é a tempo parcial, a contía do incentivo será proporcional ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, da xornada ordinaria máxima legal.
  • No caso das transformacións de contratos temporais en indefinidos na modalidade de fixo-descontinuo, a contía do incentivo será proporcional ao tempo de traballo (período de actividade do contrato fixo-descontinuo).
  • Nas transformacións non serán aplicables os incrementos establecidos nos puntos 3 e 4 deste artigo
  • O incremento da xornada laboral dun contrato indefinido inicial a tempo parcial celebrado con persoas mozas, mulleres e persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social, ata acadar a xornada a tempo completo, incentivarase cunha contía de 2.000 euros.
  • Neste suposto non serán aplicables os incrementos de contías establecidos nos puntos 3 e 4 deste artigo.
  • As contías da subvención pola contratación indefinida e temporal das persoas con discapacidade establecidas neste artigo incrementaranse en 1.000 euros pola adaptación dos postos de traballo ou pola dotación de equipamentos de protección persoal necesarios para evitar accidentes laborais á persoa traballadora con discapacidade contratada, ou por eliminar barreiras ou obstáculos que impidan ou dificulten o traballo das persoas traballadoras con discapacidade. A necesidade da adaptación ou dos medios especiais de protección persoal deberá contar cunha memoria da empresa na que se acredite a necesidade da adaptación ou dotación de equipamentos antes citada

2ª. LIÑA DE INCENTIVOS ÁS ACCIÓNS FORMATIVAS NO CENTRO D TRABALLO

As empresas que así o soliciten poderán ser beneficiarias dun incentivo para a formación, tanto na modalidade presencial como na modalidade de teleformación, das persoas traballadoras subvencionadas por medio dos incentivos á contratación indefinida inicial e temporal. Para isto teñen que cumprir os seguintes requisitos:
A persoa traballadora que recibe a formación e titorización ten que ser esta que participa nas axudas á contratación indefinida inicial e temporal e, polo tanto, cumprir os requisitos que se establecen para participar nas axudas reguladas na sección 1ª.
En canto á duración da acción formativa, será dun mínimo de 70 horas no caso dos contratos indefinidos iniciais e 50 horas no caso dos contratos temporais. Será unha formación teórica con contidos relacionados co posto de traballo que desenvolve a persoa traballadora que participa neste programa.
A acción formativa terá lugar dentro dos tres primeiros meses desde o inicio do contrato e deberá de estar finalizada o 30 de novembro de 2022.

GASTO SUBVENCIONABLE

Esta formación incentivarase cunha axuda de 4.000 euros por cada persoa traballadora dada de alta nun contrato indefinido inicial e de 2.000 euros por cada persoa contratada por medio dun contrato temporal cunha duración mínima inicial de doce meses, sempre que en ambos os dous casos a persoa traballadora cumpra os requisitos establecidos.

PRAZO COMÚN PARA AMBAS LIÑAS

O prazo para a presentación das solicitudes rematará o 30 de setembro de 2022

MÁIS INFORMACIÓN

Para máis información podes consultar a ORDE do 29 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras do Plan Galicia emprega de incentivos á contratación e á formación na empresa ordinaria, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 ou acceder á Sede Electrónica da Xunta nos procedemento TR342C para o PROGRAMA DE INCENTIVOS Á CONTRATACIÓN POR CONTA ALLEA E Á FORMACIÓN.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *